GALICIA TRIP

Este será o álbum de viaxes do Colado do Vento por Galicia (a real, non a administrativa), estampas do país que pretenden ser reflexo da riqueza cultural, natural e humana da nosa terra.

Pódense ver fotos e descripcións no seguinte enlace: GALICIA_TRIP

FOTOS VISITA Ó ROMÁNICO

O domingo 26 de outubro a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO, de Sober, organizou unha visita ás cinco igrexas románicas, ou que conservan elementos románicos, de Sober: Canaval, Proendos e Bolmente, pola mañá, e Pinol e Lobios pola tarde.
A actividade, á que asistiron cincuenta persoas, tivo como leit motiv a Arte Románica mais, a partir desta, intentamos comprender como foi a vida nos séculos XII e XIII en Galicia.
Así, en Canaval, rexeitamos os tópicos que se lle achacan inxustamente á Idade Media (incultura, fanatismo relixioso, fame…) e contextualizamos a época politicamente, falando do Reino de Galicia, das peregrinacións, das ordes relixiosas, aproveitando que Canaval foi bailía templaria, etc.
En Proendos, aproveitamos o ábside románico da igrexa para explicar a linguaxe constructiva románica.
Xa en Bolmente, centrámonos na vida cotiá: as festas, os traballos, as vodas, a situación da muller…
Despois de xantar na Casa da Parroquia de Bolmente fomos a Pinol, onde falamos sobre a arquitectura e pintura románica, aproveitando os fermosos elementos escultóricos desta igrexa: un canzorro cun monstro, unha estrela de Salomón, un capitel ca representación do Pecado Orixinal…
Contra ás seis da tarde chegamos a Lobios, á interesante igrexa do antigo mosteiro, onde disfrutamos dunha actuación musical de pezas de aire medieval por parte do Grupo “O Trícole”, aínda que a música nos acompañou en cada un dos templos, pois interpretáronse cantigas de amigo e outras de Santa María, de Afonso X O Sabio, rememorando a etapa dourada da literatura galega: a lírica galego-portuguesa con esplendor no s. XIII.
O COLADO DO VENTO quere dar as gracias a todas as persoas participantes na actividade pola súa asistencia, en particular a todos os que se vestiron de época e ás que nos abriton as igrexas, e polas interesantes aportacións que foron xurdindo ó longo do camiño.

* Ós participantes foilles entregado un folleto sobre o Románico de Sober, elaborado para a ocasión, que proximamente “colgaremos” neste Blog.

CRÓNICAS DA LÚA ’08

No marco do que dimos en chamar IIº Roteiro Músico-Poético á luz da lúa, o pasado sábado, 19 de xullo, visitamos a Pena do Castelo, en Doade, o Souto do Tellada, gran conxunto de castiñeiros centenarios na parroquia de Lobios) e o miradoiro de Cadeiras, Pinol.
En cada paraxe, os asistentes, perto de 40 persoas, recitaron poemas e houbo actuacións musicais de membros do Grupo O Trícole, de membros da Banda de Música de Sober e de Xesús Verao, acompañado de guitarra, así como interpretación de cantigas populares entre todos.
O día estivo centrado, espontaneamente, no centenario de Curros Enríquez, ca lectura de poemas seus e a interpretación das cantigas O Maio, Unha noite na eira do trigo e Nocturnio.
Momentos especiais: o inicio musical con Rosiña na Pena do Castelo, a improvisación de O Maio por parte de Óscar, o Alfonso cantando o Rock da Arrinca do Esterco, o Sandoval reclamando os seus dereitos de autor, o Suso e as súas cantigas portuguesas…
Este ano o ambiente que se creou, máis espontáneo, foi diferente do ano pasado, moi íntimo e ben planificado. Ambos os dous se complementan, e ambos foron inesquecibles.
Agardámosvos o ano que vén!

II ROTEIRO Á LUZ DA LÚA

Sábado, 19 de xullo – 2008
Visitaremos varios lugares máxicos das terras de Sober que adquiren, se cabe, un maior encanto bañados pola tenue luz da lúa (chea, por suposto) destas noites de verán.
En cada paraxe acompañaranos a Música e os poemas ou relatos cos que queirades agasallarnos cada un dos que nos acompañedes nesta aventura nocturna; o tema, a extensión e a cantidade de lecturas son libres, como libre é a luz de cada plenilunio que acariña a paisaxe ribeirá.
E, para facer todo isto aínda máis misterioso, non che diremos a onde imos, nin o que escoitaremos; só te convidamos a achegarte contra ás dez da noite do sábado 19 de xullo á Praza de Sober e desfrutar do luar.
* Podes ver as fotos do I Roteiro Músico-Poético á luz da lúa aquí.

PROGRAMA DA VISITA

O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO

Reproduciremos o salto que o albo cabalo de Santiago deu dende a Pena do Baldeiros, con petroglifos, en Anllo, ata os Penedos do Castro, en Nogueira de Ramuín, segundo din as lendas ribeirás dun e doutro lado do Sil.

25 de maio de 2008
PROGRAMA DA RUTA

· Punto de encontro – Praza do Concello de Sober. 10:00 horas
Dende alí levaremos os coches ata Nogueira.

· Inicio da ruta – Nogueira (Anllo). 10:15 horas
Á beira da Pena do Baldeiros, con petroglifos.

· Camiño – Aproximadamente 7,5 km por un sendeiro de suaves pendentes (dificultade baixa; pequenos tramos de pendente máis pronunciada).
O Sil crúzase pola ponte da Barca.

· Chegada ó entorno de Santo Estevo. Antes das 14:00 horas.

· Xantar ó aire libre e tempo para visitar o mosteiro de Santo Estevo.
De 14:00 a 16:30 horas.

· Subida a pé ós Penedos do Castro, dende onde hai unha magnífica vista da ribeira. Veremos a Pena das Cerdeiriñas e unha inscripción co nome de Leovixildo. 16:30

· Chegada a Pombar, pobo onde nos agarda o autobús. 17:15

· Percorrido en autobús ata San Pedro de Rocas. De 17:15 a 17:45.

· Visita a San Pedro de Rocas.

· Regreso en autobús a Sober por Ourense. 19:00 horas

· Hora de chegada a Sober. 19:45 horas

* As horas son aproximadas.

+ info

PRAZAS LIMITADAS
– Para anotarse: chamar ó 659 32 38 33 (Xabier) ou enviar un correo electrónico a paulaverao@hotmail.com ata o venres, día 23, á noite.
PREZO
5 € – Para facer fronte ós gastos de autobús.
Cada persoa ha de levar a súa propia comida.
ORGANIZA
Asociación Cultural O Colado do Vento

ROTEIRO MÚSICO-POÉTICO Á LUZ DA LÚA

Foi improvisado e ás presas; pero saiu moi ben.

Queríamos probar como funcionaba este roteiro, á luz da lúa (chea, inda que non no plenilunio), con música e recitado de poesía.
Pinchamos algo en Bolmente e visitamos logo os miradoiros, do Boqueiriño e da Cividade (espectacular de noite), cos seus nomes auténticos; despois fomos ós Chancís (Arxemil) e ó Petroglifo do Baldeiros (Anllo).
Acompañounos a música do violonchelo de Álex Llano e ós acordes da guitarra e a voz de Suso Verao.
Interpretáronse pezas populares e música de Bach, Xoan Montes, Pau Casalls, Xosé Afonso, Suso Bahamonde e outros; e os asistentes leron en cada parada a Manuel María, Baudelaire, Lorca… ou composicións propias.
Agora xa sabemos que a ruta funciona; e que lle interesa a moita xente.
Para o ano agardamos repetila anunciándoa con tempo.
Merece a pena.