Chamamento dende a horta

Na horta comunal de boas prácticas que o Colado do Vento temos nos Nabás (Arxemil), ademais de convidarvos a participar, estamos pensando en facer un pequeno espazo para gardarse do sol e descansar.
Así, decidimos reciclar materiais usados, e é por iso que vos precisamos. 
Se tedes bamcos, cadeiras, uralita ou un invernadoiro pequeno que non usedes, estamos encantadas de írvolos recoller.
Ademais, precisamos baldes, unha carretilla e algunha regadeira.
Xa sabedes, se tedes calquera cachivache destes que non usedes e o queredes donar, avisádenos, que volo recollemos se é por esta zona.
Ademais, a vindeira cita coa horta será previsiblemente este domingo, día 12, ás 19 horas.
coladodovento@gmail.com

Balance da horta a inicios de xuño de 2015

* A vindeira quedada será o sábado, 13 de xuño, ás 18 horas.

Xa temos todos os bancais completos, logo de poñer, o pasado sábado, máis tomateiras, pementos e algunha leituga e porro máis.
Tivemos que clarear os rabaniños, que xa están medrados, e quitarlle os cartóns protectores ás cenouras, que comezan a medrar.
Tamén van medrando as cabazas e xa poidemos recolectar framboesas, fresas, espinacas, tirabeques, rabaniños, leitugas e acelgas.

O sábado pasado, quitáronse todos os fillos da tomateiras e atáronse as plantas de tomate ás cañas. Ademais, pulverizámoslles Neem e Potasa, igual que a todos os bancais.
Tamén se limparon os camiños entre bancais e se engadiu máis palla aos bancais.
Agora, cómpre regar todo moi ben todos os días e agardar a que medren os froitos.
O vindeiro sábado, 13 de xuño, é día de freito.
Imos cribar todo o compost e plantar un semilleiro con leitugas, porros, brécol e col de Bruxelas. 
Ademais, temos que repasar que funcione todo o sistema de rego por goteo.

Crónicas da horta en maio

O sábado, 10 de maio, plantamos repolo, berenxena, chiroubea, sandía, melón e tomates.
Ademais, plantamos cenouras de dous xeitos:
– tal como se fai na agricultura biodinámica, formando un surco en V e poñendo area por riba das sementes de cenroura, e tapando sen palla, cuns cartóns para evitar malas herbas, que hai que retirar en dez días.
– ao estilo tradicional de aquí.
Logo, tocará comprobar o resultado de cada un dos sistemas.
Tamén puxemos albahaca nun pequeno invernadoiro, pois se a plantáramos directamente nos bancais costaríalle moito saír, pois debe estar a bo recaudo ben quente.
Entre as tarefas pendentes, reparar a escaleira de acceso.
O mércores, día 13, por se día de folla, plantaremos máis acelgas.
O sábado, día 16, plantaremos xudías verdes de mata baixa, pementos, berenxenas e cabazas.
Por suposto, hai que estar pendente de ir regando. E o día 20, mércores, retirar os cartóns das cenouras.
Tamén haberá horta o sábado, día 23.
* Neus, de Vilela, é a nosa asociada encargada de coordinar a horta, de acordo con Mar Sabater. Coas súas informacións facemos crónica e plan.

Mini e Mero, horta e sendeirismo

Informamos a todas as socias e socios das vindeiras actividades e da data definitiva da ruta de sendeirismo por Doade.

– sábado, 2 de maio: a Asociación “Proencia” organiza un corcerto de Mini e Mero.
Ás 7 da tarde na Casa da Cultura.
Entrada gratuíta.

– domingo, 3 de maio: xornada da horta en Arxemil.
Coma sempre, quedamos ás 6 da tarde. Este fin de semana plantaremos as cebolas.

– sábado, 9 de maio: ruta de sendeirismo Vilar de Mouros – Doade.

Quedamos ás 16:15 h na praza de Doade (fronte á Cantina) para ir cos coches a Vilar de Mouros. Dende alí, faremos a ruta de 11 km aproximadamente e, ao remate, haberá uns pinchos, para os que é preciso anotarse antes do venres 8.



Queda pendente de data a ruta polo románico de Carballedo.

Unha aperta.

5ª xornada de horta: 11 de abril

Esta fin de semana temos unha actividade de sendeirismo poético o domingo pola mañá, pero non podemos descoidar a horta.

O domingo pasado limpamos e preparamos o bancal das cenouras e plantamos dúas melocotoeiras, ademais de regar.

Imos facer dúas quedadas, aínda que a principal é o sábado.

– sábado, día 11: ás 18 horas. 
Limpeza das herbas dos pés das framboeseiras.

– domingo, día 12: a partir das 20 horas.
Achegarémonos dúas persoas a plantar as cenouras.
O domingo xa está cuberto, non é preciso asistir.

A seguinte xornada debería ser o 26 de abril para plantar leitugas roble e trocadero e 50 puerros.
Hai que mercar as leitugas e os puerros, pero iso con vistas ao día 26.

Ademais, informámosvos que xa están listas as camisetas da horta, das cales ás persoas que traballastes e traballades na horta as tedes de agasallo; para o resto de persoas socias estarán á venta.

Horta: 5 de abril

Como esta fin de semana é a Feira do Viño,non haberá horta, así que quedaremos para o domingo 5 de abril.
 

Coma sempre, ás 16:30.

Abriremos máis bancais e plantaremos as zenouras, pois é día de raíz.
De todas formas, as de Sober podemos pasar a revisar a horta o domingo 28 pola tarde, porque habería que botarlle algo de material vexetal ao novo compost.

3ª xornada horta 2015: sábado 21 de marzo


A terceira xornada da horta consistirá en seguir limpando bancais.


Toca engadir masa vexetal ao compost que preparamos hai 15 días.

Facer o caldo de ortiga.

Como é día de folla, vanse plantar leitugas.

Quedamos o sábado 21 a partir das 16:30 h na horta de Arxemil.

Horta do día 15 de marzo de 2015


Para a segunda xornada de horta quedamos o domingo, día 15, ás 16:30 h.
– O principal do traballo do domingo é comezar coa limpeza dos bancais.
– Hai que colocar o calendario lunar e o esquema dos cultivos debaixo do depósito de auga.

– Hai que preparar o compost para telo listo para cando sexa hora de botalo.
Hai que levar uns sacos para gardalo.

– Facer o morteiro: traer dúas caixas de porexpán e area.
– Facer o té de ortiga.

Comeza a tempada de horta 2015: domingo, 8 de marzo

A primeira xornada de traballo de 2015 será o domingo, 8 de marzo, pola tarde: ás 16:30 h na horta dos Navás.
 
Se queredes participar, aparecede.
 
Máis info en coladodovento@gmail.com
 
Imos celebrar o día internacional da muller traballadora creando horta, un traballo este, o de alimentar o mundo, que é fundamentalmente feminino.