Crónica da visita ao Monforte de Manuel María

No domingo 8 de novembro, O Colado do Vento e Lemos Le organizamos un percorrido por Monforte, usando como fío o poemario Cancioneiro de Monforte de Lemos, de Manuel María.

A idea e formato do roteiro correu ao cargo de Xosé Martínez Rodríguez, que nos guiou por toda a cidade nunha intensa xornada que rematou cunha ofrenda floral e musical fronte á escultura adicada ao poeta na praza da Compañía.

Comezamos diante da fachada da igrexa da Nosa Señora da Antiga, no Colexo dos Escolapios, edificio iniciado a finais do século XVI polo cardeal Rodrigo de Castro.

Na praza da Compañía, espazo urbano concebido por Rodrigo de Castro.



Dentro do templo, contemplamos o magnífico retábulo maior de madeira, obra de Francisco de Moure, onde Xosé Lois García nos explicou cómo o Manuel levaba ás amizades a observar, con picardía, a escena da circuncisión e os curiosos óculos da personaxe central.


Nunha primeira parada fronte á escultura de Manuel María, achegámonos á súa vida e obra, ollando para o piso no que viviu, na rúa Roberto Baamonde. O Manuel procurador, colaborador de radio, poeta, político, libreiro ou editor.


Pasando pola rúa do Cardeal, lugar de paseo querido por Manuel María, e pasando polas Galerías Fontecha, onde estivo a libraría Xistral, de Saleta e Manuel, chegamos ata a praza de España, que foi chamada tamén “da Constitución”, onde estivo a igrexa da Régoa, dende onde contemplamos casonas con blasóns.


Continuando o ascenso a San Vicente, chegamos á intersección da rúa do Burato e Zapaterías, onde se observan restos da muralla, que continuamos a contemplar ascendendo pola rúa Zapaterías, observando a construción con base e peche de sillares, pero con recheo de canto rodado, material este que existe abundantemente no val.

Fixemos parada fronte á porta de Peixerías, ou da Alcazaba, ao carón da Casa dos Gaibor.


Chegados ao monte de San Vicente, comezamos a visita pola igrexa de San Vicente do Pino, de estilo gótico tardío, cos seus magníficos retábulos e pinturas.

O Pazo Condal e os seus brasóns, testemuño da grandeza da Casa de Lemos, igual que a torre chamada da Homenaxe e o mosteiro de San Vicente, onde repousamos para debullar a longa historia de Monforte, dende o importante asentamento do castro de San Vicente, pasando pola fundación do mosteiro, o poder do señorío de Lemos e logo o condado.


Nesta parada lemos os poemas de Cancioneiro do Val de Lemos adicados ao conxunto de San Vicente ou ao val, que divisamos dende aquí. Ademais, serviunos o encadre para comentar as anécdotas do Ledo, poeta popular monfortino, ou a lembranza da IVª Asemblea Nacionalista de 1922, da que se conserva unha lembranza en foto nas escaleiras de San Vicente.

Saímos do conxunto pola Porta Nova, reconstruída despois da gran revolta irmandiña, que en Monforte tivo gran alcance, e por ela entramos á rúa da Falagueira, logo chamada da Cruz, considerada a rúa de asentamento da comunidade xudía medieval de Monforte. Nunhas casas desta rúa estivo a comunidade das clarisas antes de terse rematado o edificio do convento de Santa Clara.

Porta Nova.

De volta, pasamos diante da igrexa da Régoa e baixamos á praza Doutor Goyanes, antes Cantón de Ferradores e Cantón de Bailén, pola Calexa.

Pola tarde comezamos a ruta na praza de San Antonio, ubicación do desaparecido convento, que foi o meirande de Monforte. Dende alí, pasamos a carón da Ponte Vella para volver cara a explanada do convento de Santa Clara, fundado no s. XVII por Catalina de la Cerda y Sandoval, a esposa do VIIº conde de Lemos. Nesta praza sitúase un cruceiro cuxa construción foi promovida por Manuel María.


Cruzamos a ponte e saímos á praza que foi chamada do Cantón de Bailén, pola resistencia antifrancesa neste lugar, que tivo tamén un episodio en Santa Clara, coas súas monxas agochando obras relixiosas no propio convento ou entregándoas a familias pudentes para a súa custodia durante a “francesada”. De alí, fomos pola rúa do Comercio ata o Centro do Viño, antigo convento que foi tamén hospital e edificio do concello de Monforte.



Fronte á praza de Abastos, na intersección coa rúa de Inés de Castro, aproveitamos para ler a composición de Manuel María adicada a esta “raíña despois de morta”.

Cruzamos cara o edificio dos xulgados, antigo colexo, parando no monumento ao 400º centenario da segunda parte do Quijote, que este ano se celebra, e lembrando a intensa relación de Monforte coa literatura.

E para pechar, xunto á estatua de Manuel María na Compañía, foi o turno da música, con compoñentes do grupo O Trícole, que cantaron composicións de Suso Baamonde con poemas de Manuel María, e para a ofrenda floral con rosas vermellas e brancas, lembrando o poema: 

SEMPRE a rosa. Sempre: 
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.

Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.

Crónica fotográfica crítica da visita á “Gándara Grande”, Baamorto e Fiolleda (Monforte)

– A lagoa da Gándara Grande, nas Lamas, Monforte 
A Gándara Grande (ou Gándara de Arriba) é unha zona de turbeira.
As turbeiras son zonas húmidas con plantas adaptadas á auga nas cales a gran cantidade de materia vexetal morta se vai acumulando en capas sen descompoñense (por baixas temperaturas, falta de osíxeno), formándose a turba.
Na actualidade, está sendo drenada artificialmente, o que impide ver a extensión orixinal da lagoa, e impide que se desenvolva a turba.
Queda unha zona lagoeira, lugar onde se documentan especies propias destes ecosistemas, coma o sapo de esporóns, un anfibio en perigo de extinción.
É un hábitat en perigo, pola drenaxe e por terse construído moi perto dela un centro para a investigación da construcción hoxe abandonado.
A pista pola que se accede é lugar onde existen puntos con vertedoiros incontrolados. Nesta zona, tense dado o caso de queima de desperdicios creando lumes que tardaban moito en apagarse, podendo deberse ao fenómeno dos incendios subterráneos.
O ecosistema da lagoa das Lamas é un medio que precisa especial protección, pois albergan especies naturais particulares e son hábitats moi sensibles ás mudanzas do entorno; son, ademais, espazos que permiten estudar a evolución do clima ao longo da historia.
A sociedade da comarca de Lemos deberíamos conservar este ecosistema único e loitar contra a degradación do seu entorno.

Máis información aquí.

– Igrexa de Baamorto (ver información da igrexa aquí).
Quedan algúns elementos románicos na igrexa de Baamorto. 
A casa reitoral da parroquia de Baamorto ten escudos con cruces da orde de Malta, de cuia xurisdicción foi esta parroquia.
As pinturas murais da igrexa parroquial de Baamorto son un dos bens culturais máis importantes da comarca de Lemos, que a sociedade debería coñecer e preservar.
– Parroquia de Fiolleda.
Arquitectura popular.

Fermosas vistas do val de Lemos.
Monte de San Roque, onde se leva o santo dende a igrexa para a celebración o 16 de agosto.

Carballo de Figueira.

Notas sobre a igrexa de Baamorto

No ano 2005, a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos editou un folletiño para ilustrar a súa visita ás parroquias monfortinas de Baamorto e Valverde.
Aproveitando que o domingo (6 de abril de 2014) imos a Fiolleda e faremos unha parada na igrexa de Baamorto, deixámosvos unhas notas sobre ela, sacadas da publicación citada.

A igrexa parroquial de Santa María de Baamorto (Monforte de Lemos) conserva algún resto románico – canzorros, contrafortes, saeteiras, porta sur con mochetas e arco interior – mais a fasquía actual débese á importante transformación que sufriu a finais do século XVI: cunha nova fachada principal (oeste) e un atrio cuberto columnado que abrangue a fachada principal e o lado sur.
No século XVIII engádese a sancristía, na cabeceira, e unha dependencia no lado sur.
A planta orixinal románica é de unha soa nave rectangular.

O lugar de Palleres, desta parroquia, podería ter dado lugar ao condado pallarense de época sueva. A parroquia foi da xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén (encomenda do Incio).

PINTURA MURAL
Na parede sur da igrexa, protexidas polo pórtico engadido a finais do século XVI, conservouse un conxunto de pintura mural único.
O ciclo de pinturas de Baamorto versa en torno aos derradeiros momentos da vida de Cristo. Organízase en dúas bandas que se len cronoloxicamente comezando dende a parte superior esquerda e rematando na inferior dereita.
Nos paneis, algún moi perdido, recoñécense os seguintes temas:
– a Derradeira Cea
– prendemento no horto das oliveiras
– Pedro cortándolle a orella ao criado do Sumo Sacerdote
– Cristo na casa de Anás
– Cristo conducido ante Pilatos
– a Flaxelación
– a Coroación de espiñas
Xa que logo, atopámonos ante un ciclo da paixón segundo o evanxeo de San Xoán, que quizais se completase no interior cun ciclo do nacemento de Xesús (por exemplo, coma o de Proendos).

“A presenza de arquitecturas, detalles coma a decoración da cátedra de Anás, as perspectivas dos soldados, as vestimentas, así como a decoración de tipo vexetal e fitas que enmarcan as esceas, etc, datan este ciclo na segunda metade do s. XVI. Para (José Manuel) García Iglesias o autor deste importante conxunto sería o chamado mestre de Nogueira”.
VINCULACIÓN Á ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

A casa rectoral de Baamorto conserva tres escudos coa Cruz de Malta, propia da orde de Xerusalén.
Nas comarcas de Lemos e Quiroga, a orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén tivo importante presenza.
BIBLIOGRAFÍA
– “Pinturas murais de Baamorto e igrexa de Valverde” (2005). Texto: César Carnero. Amigos do Patrimonio de Lemos.