Un bifaz en Lobios e unha lasca en Proendos? Novos achádegos paleolíticos en Sober

Bifaz do Monte de Lobios.
Este ano 2015, atopáronse en Sober dous novos achádegos que, moi probablemente, pertencen ao Paleolítico: un bifaz e unha lasca, útiles de cuarcita.
Ambos obxectos estarían datados no Paleolítico Inferior, pertencendo ao conxunto de industrias achelenses do Pleistoceno Medio, ou Modo 2, (620.000 – 300.000 anos antes do presente), elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis.
Bifaz do Monte de Lobios.
O bifaz apareceu en novembro no Monte de Lobios, atopado por Paula Vázquez Verao nun camiño. 
Bifaz do Monte de Lobios.
A lasca foi atopada en Froxán, Proendos, polo Manolo do Cápito de Sante.
Lasca de Froxán.
Lasca de Froxán.
Estas pezas, que temos O Colado do Vento, poñémolas a disposición das persoas investigadoras para que as poidan estudar, pero lamentamos non poder doalas a un museo inexistente que debería haber en Monforte. Dende o ano 2006, o val de Lemos é un lugar privilexiado para o estudo sistemático do Paleolítico galego, mais non se conta cun espazo en Monforte onde poder amosar os múltiples achádegos nin explicar a súa interpretación.
* A nova no xornal La Voz de Galicia, con palabras de Arturo de Lombera: aquí.
* Outros achádegos paleolíticos en Sober: aquí.

Lasca paleolítica do Castelo, Neiras [entre 620.000 e 300.000 anos antes de hoxe].

– Obxecto: lasca paleolítica de cuarcita.
– Posíbel datación: Paleolítico Inferior, industrias achelenses do Pleistoceno Medio (620.000 – 300.000 anos antes do presente).
– Localización: achado fortuíto de superficie no alto do Castelo na parroquia de Neiras (Sober-Lugo).

* Descrición do obxecto


A lasca que temos entre mans foi un achado fortuíto realizado no ano 2006 nun paseo polo altiño do Castelo, na parroquia de Neiras, na zona das Gandariñas de Arriba. 
Pica na imaxe para ampliar.
Foi Iván Álvarez Merayo, arqueólogo e socio do Colado, quen atopou a lasca no Castelo de Neiras nun paseo que fixemos a asociación para ver un altiño curioso que nos chamaba a atención.

Unha lasca é un fragmento lítico desprendido ao tallar un núcleo. As lascas teñen características específicas que permiten identificar a intencionalidade do ser humano na súa elaboración: punto de percusión, cara dorsal, cara ventral, talón, bulbo, ángulo de percusión, estrías… O obxecto lítico atopado no Castelo é indubidabelmente unha lasca. Presenta unha rotura nun extremo que é posterior ao momento da talla.

Lasca do Castelo: cara ventral.
Este obxecto lítico podería datarse pola súa tipoloxía entre as industrias achelenses (Modo 2) do Paleolítico Inferior no Pleistoceno Medio da Península Ibérica, elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis, especie humana dende a cal evoluciona a Neandertal en Europa. 
A lasca atopouse no altiño do Castelo, altiño entre as Gandariñas de Abaixo e as Gandariñas de Arriba, lugar este último no que a equipa de Arturo de Lombera localiza 15 artefactos tallados en cuarcita, cuarzo e sílex, adscritos ao Modo 2, aínda que con características peculiares que as poderían adscribir ao Modo 3 (Paleolítico Medio – Musteriense).

Así, atopámonos ante un dos escasos restos líticos desta etapa pretérita nas terras de Sober; neste caso, nunha parroquia enmarcada na depresión de Lemos, máis próxima ao val que á ribeira do Sil.

* Esta descrición foi feita a simple vista e de xeito amateur, estando pendente a Asociación O Colado do Vento de que profesionais da Arqueoloxía examinen a peza.

* Contexto físico e temporal

Altiño do Castelo dende a estrada Sober-Monforte.

– marco temporal: Paleolítico Inferior Clásico (entre 620.000 e 128.000 anos antes do presente).

– localización do achado: Altiño do Castelo, nas Gandariñas, parroquia de Neiras (Sober-Lugo). [O lugar está catalogado no PXOM de Sober como castro, moi desmantelado polas labouras agrícolas.]

É un lugar próximo a cursos de auga, ao carón do río Pousavedra, e un altiño dende o que se controla o territorio.
Os ríos son durante o Pleistoceno Medio vías de tránsito, lugares de abastecemento de auga e de material lítico para facer útiles (nas terrazas fluviais) e zonas de atracción de animais que poder cazar.
Descoñecemos a importancia que puidera ter tanto a recolección de vexetais coma a pesca nas comunidades humanas do Paleolítico Inferior europeo. As industrias líticas que chegaron ata nós, coma a lasca do Castelo, eran utilizadas para o despece de carne, a caza, o despelexo de animais ou o traballo da madeira.
As comunidades humanas que produciron as pezas líticas atopadas no entorno do Castelo vivirían do carroñeo e da caza, ben oportunista ou organizada, así como da recolección de produtos vexetais e, quizais, da pesca.
Non sabemos se o lugar onde apareceron as pezas foi o lugar onde vivía exactamente a comunidade pleistocena que as elaborou, nin sabemos se, de ser así, era este lugar un asentamento residencial ou un campamento loxístico para unha actividade concreta, como a caza ou a produción de útiles líticos.

* O Paleolítico en Galicia

O estudo da Paleolítico en Galicia, como a súa divulgación, foi escasa e discontinua. Nas últimas décadas, a investigación permitiu estabelecer a secuencia do poboamento paleolítico no noroeste da Península Ibérica.
O Val do Sil foi un dos eixos de comunicación do NW peninsular durante a Prehistoria, unha vía de entrada das comunidades humanas paleolíticas dende a Meseta.
Do Paleolítico Inferior, etapa á que pertence a lasca do Castelo, temos evidencias espalladas por todo o territorio galaico, preferentemente nos principais cursos fluviais e os seus afluentes.

* Síntese do estado do coñecemento do Paleolítico en Galicia en: FÁBREGAS et DE LOMBERA (2011): “A descoberta da presenza humana no noroeste”. En: A prehistoria de Lugo á luz das descobertas recentes. Actas do curso.

* As evidencias do paleolítico na comarca de Lemos

Ata finais do século XX, en toda a depresión de Lemos só se tiña constancia dun achado paleolítico, un bifaz de cuarcita atopado, precisamente, tamén en Sober, na parroquia de Vilaescura, a mediados do século XX. 
 
O val de Lemos converteuse dende 2006 nun lugar privilexiado para o estudo sistemático do Paleolítico en Galicia, cunha trintena xacementos ao aire libre, grazas á previa recopilación de achados fortuítos de José Antonio Peña, que puxeron sobre alerta á comunidade arqueolóxica.
Atopáronse centos de útiles líticos do Pleistoceno Medio e Superior, pertencentes aos modos tecnolóxicos coñecidos como Modo 2, 3 e 4, poñendo de manifesto a existencia dun importante poboamento durante todo Pleistoceno na comarca de Lemos.
A maioría dos conxuntos paleolíticos atopados no Val de Lemos encádranse no Modo 2 ou industrias achelenses, coma a lasca do Castelo.

* Unha síntese destes achados paleolíticos no Val de Lemos: FÁBREGAS, LOMBERTA ET ALII (2008): “NUEVOS YACIMIENTOS PALEOLÍTICOS EN LA DEPRESIÓN DE MONFORTE DE LEMOS (LUGO, GALICIA, ESPAÑA)”, na Revista GyC, descargábel aquí.

* A beleza do sinxelo, a importancia da lasca do Castelo

Coa lasca do Castelo temos nas mans un obxecto único, gardado por milleiros e milleiros de anos, que resistiu cambios climáticos e o paso do modo de vida paleolítico, de comunidades cazadoras-recolectoras, á neolitización, sendo removida do seu lugar orixinal, seguramente, polas labores agrícolas propias do lugar onde se atopou. É unha das poucas evidencias que nos quedan das comunidades humanas que hai medio millón de anos poboaron as terras da parroquia de Neiras.

Ata chegar ás técnicas líticas que se usaron para producir a lasca do Castelo, tiveron que pasar centos de milleiros de anos. A tecnoloxía humana foise desenvolvendo do máis sinxelo e multifuncional – un canto para abrir os ósos dos animais mortos polas feras para acceder ao miolo – ao complexo e especializado. As industrias líticas foron o instrumental dominante nas comunidades humanas (descoñecemos por falta de restos a importancia que puidera ter o traballo en madeira) dende hai 2 millóns de anos ata a neolitización, co desenvolvemento da cerámica e logo dos metais, acadando as indistrias líticas gran precisión, especialización e sofisticación no Paleolítico Superior, combinadas coa industria en óso.

Modelar un canto para que funcione mellor á hora de partir ósos para poder obter un aporte nutritivo e proteico que permitiu desenvolver o cerebro humano (á vez que o feito de coordinar os movementos das mans para manipular o canto estimulaba a intelixencia) é un cambio cualitativo quizais non comparábel a ningún outro cambio tecnolóxico da humanidade, pois de aí saíu todo o demais. Ou, mais ben, o cambio cualitativo que se deu no ser humano con respecto a outras especies animais que manipulan obxectos, foi porque a nosa especie e as outras especies humanas predecesoras teñen capacidade de aprender e transmitir coñecementos. É máis: estudos corroboran que “as áreas do cerebro moderno que se empregan cando se fabrica un bifaz coinciden en gran medida coas que se usan ao falar” [MACGREGOR, NEIL (2012): La Historia del Mundo en 100 objetos]. A fala e os obxectos posibilitaron o desevolvemento de comunidades humanas que se expandiron por todo o mundo, adaptándose a diferentes medios ecolóxicos.

Gústanos pensar que a computadora onde escribimos este artigo, o sistema de rede a través do que se transmiten datos a todo o mundo, ou as redes eléctricas que nos permiten “colgar” isto no noso blogue, non terían existido, quizais, sen o elo que sae das primeiras pedras manexadas en África polas nosas máis remotas antepasadas e pola longa aventura da evolución humana e do desenvolvemento da tecnoloxía, onde á lasca do Castelo a situamos nos primeiros estadios desta enorme historia.

A lasca do Castelo está nunha casa particular dun membro da Asociación O Colado do Vento e doarémola con gran ledicia a un museo arqueolóxico que, agardemos, máis cedo que tarde, se estabeleza na comarca de Lemos.

* Outros achados paleolíticos en Sober
Bifaz atopado en Lobios (foto: La Voz de Galicia).
– mediados do século XX: achado dun bifaz de cuarcita en Vilaescura.

[- 2006: lasca do Castelo en Neiras.]

– 2006-2007: prospeccións do equipo de Arturo de Lombera en Sober: útiles paleolíticos en distintos xacementos, entre os que destaca As Gandariñas de Arriba, na parroquia de Neiras, no mesmo entorno que a lasca atopada.

– achádego fortuíto dun bifaz achelense na parroquia de Lobios, no camiño entre o lugar de Lobios e o de Viladime, no curso dunha xornada de sendeirismo que a Asociación Micolóxica Os Lactouros realizara no ano 2008 en colaboración co Colado do Vento.
* Texto elaborado por Paula Vázquez Verao, xaneiro de 2014.

A LAXA DA CARREIRA, UN NOVO PETRÓGLIFO EN SOBER


Na tarde de hoxe (19-III-2011), un socio do Colado do Vento, Manuel Verao, localizou na parroquia de Bolmente unha inscultura rupestre.

No día de San Xosé, despois da habitual comida familiar dos Verao no lugar do Outeiro de Bolmente, o Manolo Verao, camiñando polo monte de Coto, decatouse de que na pedra da Laxa da Carreira, que posibelmente sexa a que lle dá nome ao sitio, había coviñas similares ás doutras estacións con petróglifos no Concello de Sober. Ata alí foron o Suso Verao e a Branca, tamén integrantes do Colado do Vento, que poideron constatar que se trata dunha rocha con máis de medio cento de coviñas, enlazadas moitas delas por sucos.
A composición dos motivos na pena, a súa orientación, cara o sul, o desgaste dos sucos, en U, e a simetría das coviñas fan pensar que esta sexa unha pedra con insculturas que podemos situar no IIIª e IIª milenio a. C.; a primeira pena destas características que atopamos na parroquia de Bolmente.

OS CASTROS DE SOBER



Aquí pode ver a publicación Os castros de Sober: guía introductoria, cun mapa e imaxes de elementos da cultura material dos castros de Sober e notas sobre cada un dos 23 poboados castrexos catalogados en Sober. Tamén pode acceder aquí.
Pódese solicitar un exemplar en papel (@s soci@s e as persoas que acudiron á visita aos castros do xa teñen un exemplar gratuito reservado, o resto das persoas que soliciten este folleto deberán facer unha aportación de 2 €).

O MARCO DA PENA LONGA

Abondosas son as manifestacións tumulares no noso país: As casiñas dos mouros, antas, arcas, mámoas, medorras, fornos, etc, xalonan toda Galicia; e alí onde xa non queda vestixio material, a toponimia segue gardando o seu recordo. Comunmente adscritos á mesma época, nos séculos medios do V milenio antes de cristo, os círculos líticos e as chamadas pedras fitas son casos excepcionais.

CÍRCULOS LÍTICOS

Dos círculos líticos ou cromlech só hai referencias na Chaira da Mourela (As Pontes) e recentemente, nas terras arrasadas polos incendios, apareceu outro en Vilanova de Arousa.
En Sober poderíamos ter un na chamada Aira dos Mouros na intersección da parroquia de Proendos con Millán e Rosende.

PEDRAS FITAS

En canto as pedras fitas, está a coñecidísima Lapa de Gargantáns en Moraña e outros exemplos como a Pedra Chantada en Vilalba, a de Cristal en Ribeira, xunto con achádegos recentes de tipoloxía non moi semellante Á de Gargantáns.
En Sober, a toponimia reflexa nomes tan suxerentes como O Marco Vello entre O Arroxó e a Burdalla; Pedra Fita, un pouco ó norte da Lama Longa (Refoxo), e, non moi lonxe, O Marco da Pena Longa que ben podería ser un dos poucos menhires coñecidos de Galicia.

O MARCO DA PENA LONGA

Mide a pedra 1´76 m. de longo, presentando unha tendencia estilizada con coviñas alineadas, sucos e un círculo prepucial na parte superior que lle confire un aspecto fálico.
A pena servía de límite entre as parroquias de Refoxo, Neiras, Canaval e Mañente (Pantón), asegurando algúns veciños ser marco divisorio entre a casa dos Andrade coa de Tor ou da Bastida.
A pedra foi atopada nunha canle de regadío, e o arqueólogo que supervisaba as obras do desterre para un paso sobre a vía do tren no traxecto Monforte–Canaval, decidiu, para protexela, levala o Museo Provincial, onde se encontra depositada.
Somos da idea de estudar a posibilidade de ubicar A Pena do Marco Longo no seu lugar orixinal, pois é no seu contexto onde adquire o seu valor, e se esto non fora posible debido a transformación do seu contorno, nalgún outro lugar adecuado do noso municipio.

Lembremos: estamos a falar dunha das escasísimas pedras fitas coñecidas en Galicia.
Outro monumento excepcional asentado no Concello de Sober.

TÚMULOS MEGALÍTICOS EN SOBER

Andando por Galicia é doado ver na paisaxe eses pequenos montículos elevados sobre o terreo, de planta tendente a circular e, aínda menos extendida, ovalada. Se nos fixamos, e a maleza nos deixa, apreciarémoslle na parte central un oco en forma de funil, producto da violación para a extracción de pedra ou na procura de tesouros; feito iste que se estendeu despois de que en 1609 Vázquez Orxas pedira permiso ó rei para buscar nas súas propiedades o ouro que contivesen, como así llelo indicaban as tradicións seculares. É tal a cantidade destes monumentos megalíticos, cunha media de entre 18 a 30 m. de diámetro por 1 a 3 m. de altura, que Manuel Murguía na súa Historia de Galicia afirma: “Apenas hai un campo inculto en Galicia en donde los ojos acostumbrados no perciban al momento la grande o pequeña mámoa”.

Falamos dunha das primeiras apropiacións da paisaxe, unha marca de territorialidade, un indicativo simbólico de comunidade, posta en lugares de máxima visibilidade, dende a alta montaña á beira do mar, aptos para o cultivo e/ou para o pastoreo; en xeral, próximos ó sitio de extracción das materias primas utilizadas (polo común rocha granítica) e posiblemente ubicados en puntos do terreo cunhas características xeomagnéticas consideradas polo pobo constructor, significativas. Falamos de construccións megalíticas iniciadas a finais do V milenio a.c., época de agricultura incipiente, construidas a base de pedras verticais (ortostatos), cubertos por outro horizontal ou tapa, formando o chamado dolmen ou anta, que ó ser cuberto por un túmulo de terra e pedras (ás veces pedras só) se lle chama, no seu conxunto (dolmen e túmulo) mámoa, medorra, etc, cunhas características morfolóxicas moi ben definidas, illadas ou formando conxuntos como o de Santa Mariña no Incio o os da Moura en Nogueira de Ramuín.

 Ubicámolos na fachada atlántica europea, proclive ó bosque caducifolio, nunha fase chamada de “óptimo climático”, de proliferación de chuvias, facilitando as praderías, gramíneas, e bon para a práctica da caza e da pesca.

Na Península Ibérica situámolos en Galicia, leste de Asturias, metade occidental de León e Zamora, e o norte de Portugal ata o Douro. Cun período de vixencia constructiva e de uso ata os inicios da chamada Idade de Ferro e o período castrexo, sendo reutilizadas, algunhas, xa en período histórico, polos romanos como postos de vixilancia. Neste período os usos e as tipoloxías foron variando, ou coexistindo, podendo ser de uso colectivo individual, de cámara simple a ter corredor, planta circular ou poliédrica, etc. Ademáis da propia estructura, hai que considerar outros elementos asociados ás mámoas: a carencia de ósos debido á acidez propia dos terreos graníticos, as pinturas dos orstostatos, os idoliños de bulto redondo, as marcas nas pedras (ondulados, zig-zag, reticulados), o enxoval funerario (doas de cor verde, microlitos, frechas de base triangular, aixolas, machados …), de cerámica de diversos tipos como é a lisa, a impresa con matriz de cuncha, acanalada, incisa e a máis tardía cerámica campaniforme, utilizadas, todas, para conter materiais perecedoiros a modo de ofrendas.

Estes monumentos megalíticos, vinculados, moitas veces, ó trazado de camiños tradicionais, deberon servir para fomentar a cohesión social ó participar dunha tarefa colectiva que requería unha organización e esforzo común, convertido en símbolo da comunidade, en lugar de culto, na superviencia e permanencia dun orde social. Sen dúbida, a vontade de primar o monumental sobre o espazo sepulcral en sí. Unha das primeiras apropiacións do espazo humanizando a paisaxe.

Polo que atinxe ó Concello de Sober, temos como case único exemplo visible a Mámoa da Carqueixa na parroquia de Figueiroá, cos seus 25 por 28 m. de diámetro por 1,30 m. de altura, sen restos de cámara nen de coiraza e con clara violación central de 2,5 m. de diámetro; ubicada nun lugar chao, resalta claramente do entorno, aínda que xa está un pouco achaiada por mor das labouras agrícolas.


Outro máis dubidoso pero que corresponde á toponimia alí existente é A Anta, á entrada da capital municipal de Sober. Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.


Polo resto, o único que coñecemos na actualidade é a toponimia, que delata a presencia destes monumentos megalíticos, posiblemente destruidos para aproveitar o seu material. Así, A Peniña do Ouro en Figueiroá, que foi derrubada ó construir a pista da Carqueixa a Matamá; A Mámoa do Arroxó, A Arca de Anllo, A Medorra de Bolmente, Brosmos, Doade, da Capota en Figueiroá, Pinol, Mer en Proendos; A Anta en Proendos e O Agro das Mámoas en Santiorxo. Pódense considerar, tamén, algúns lugares chamados Fornos, Forniños en Proendos e Figueiroá, respectivamente, a coñecida Pena de Belán co aproveitamento dunha formación rochosa natural para uso funerario e, aínda, a máis dubidosa acumulación de pedras de xeito tumular perto do Campo de Castaxúa en Proendos, onde tamén se teñen achado muiños barquiformes como os que adoitan aparecer cerca de moitas mámoas. [Actualización: descuberta unha mámoa en Doade; ver aquí].