Presentación do estudo “La Escuela de Proendos”, de José María Lago.

O vindeiro sábado, 27 de abril, ás 12 da mañá: presentación do documentado libro “La escuela de Proendos”, de José María Lago. Será na igrexa de Proendos (Sober). 
Deixámosvos a reseña de cada capítulo do libro (que podedes adquirir por 15 €), nas palabras do autor: “En el primer capítulo analizaremos el origen de los foros y la estructura territorial sobra la que éstos se aplicaron. En el segundo… la evolución concreta que este régimen de foros tuvo en la parroquia de Proendos y las consecuencias de su aplicación, analizando los conflictos producidos entre campesinado e iglesia… El tercer capítulo analizará los orígenes de la riqueza patrimonial de algunas familias campesinas… Finalizaremos con los aspectos más significativos de la vida social de Proendos a lo largo de la Edad Moderna.”

FOLLETO: O ROMÁNICO DE SOBER (actualizado – 14-11-11)

Imos achegarnos á arte europea por excelencia: o Románico, estilo que no país galego ten a súa auxe no século XII, momento de peso político do Reino de Galicia no contexto europeo, prolongádose no século seguinte.
En Sober, o Románico maniféstase en forma de pequenas igrexas rurais; xoias que se manteñen, mal que ben, no seu uso orixinal e principal: lugar de culto cristián e de reunión da comunidade parroquial.
Intentemos, cando visitemos as igrexas, vislumbrar os motivos polos que foron feitas, poñérmonos no lugar das comunidades que invertiron os crecentes excedentes da actividade agraria na edificación de templos e cidades de Deus: estaban soamente destinados a manter o control da sociedade por parte das elites ou motivábaos un profundo sentimento relixioso? Acaso habería que combinar ambas explicacións? Eran os humanos da época conscientes de estar erguendo sólidas edificacións que os ían sobrevivir séculos?
Preguntas que ha de desvelar o exercicio da ciencia histórica e cuia resposta nos axuda a comprendérmonos mellor a nós mesmos. Temos algunhas claves, pero é moito o camiño por andar na procura da verdade histórica nun país coma Galicia. De momento, penetremos na peculiar atmósfera das igrexas románicas e gocemos da beleza que crearon os nosos antergos.

* Aquí pode descargar un folleto de 16 páxinas, con fotografías, sobre o Románico de Sober.

OS CASTROS DE SOBER



Aquí pode ver a publicación Os castros de Sober: guía introductoria, cun mapa e imaxes de elementos da cultura material dos castros de Sober e notas sobre cada un dos 23 poboados castrexos catalogados en Sober. Tamén pode acceder aquí.
Pódese solicitar un exemplar en papel (@s soci@s e as persoas que acudiron á visita aos castros do xa teñen un exemplar gratuito reservado, o resto das persoas que soliciten este folleto deberán facer unha aportación de 2 €).

UN POUQUIÑO DE TRADICIÓN ORAL (II)

O COLADO DO VENTO edita, ca colaboración do Grupo O TRÍCOLE, o segundo volume do libriño Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober II, escolma de lendas, contos, cantos e outras formas de Cultura oral recollidas das xentes de Sober.
Xa está lista a edición en papel desta obra, que recibe unha axuda da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; mais tamén quixemos aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías poñendo esta pequena selección dun enorme traballo de recolleita oral na web da Asociación [acceder á publicación AQUÍ], a disposición de tod@s @s interesad@s.
* Pódese pedir un exemplar en papel en paulaverao@hotmail.com



LIMIAR

Hai anos, no 2002, o Grupo O TRÍCOLE e O COLADO DO VENTO editamos un libriño chamado Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober, pequena escolma de lendas, contos, cantos e outras manifestacións da Cultura oral das nosas xentes.

O impulso que motivou aquela publicación e que motiva a recollida da tradición oral está hoxe aínda máis vivo: o vertixinoso cambio nas comunicacións humanas e a progresiva perda de poboación que converteu a Sober no municipio estatal de máis dun millar de habitantes máis envellecido.

Ademais, outro motivo de facer esta segunda edición de Un pouquiño de Tradición Oral…, con máis mostras da nosa Cultura tradicional, é o feito de que aquel pequeño libriño do 2002 é un dos máis consultados na Biblioteca Pública Municipal e un dos máis reclamados polas xentes de Sober.

Xa que logo, ofrecemos este Un pouquiño de Tradición Oral II agardando que as nosas tradicións gocen de boa saúde, isto é, que sigan transmitíndose, estudándose, valorándose… en fin, que dende o noso propio ser sexa dende onde construamos o noso futuro.

O TRÍCOLE. O COLADO DO VENTO

PUBLICACIÓNS DO COLADO DO VENTO

Monforte y su látigo – Reedición do folleto orixinal de Casimiro López Salgueiro (1840-1922), político liberal de Sober, natural de Moreda, Vilaescura, “autor dun pequeno pero substancioso libro titulado Monforte y su látigo, publicado en Madrid en 1901, dirixido ás Cortes españolas en denuncia das inxustizas e arbitrariedades que ocasionaba na comarca -e na propia persoa do denunciante- o sistema caciquil imperante, personificado naquel momento e nesta comarca no conservador, nado en Madrid, don Guillermo Joaquín Osma y Scull, sempiterno representante en Cortes polo distrito de Monforte”.
Con limiar de Pablo-Manuel Losada Losada, ó que pertence o entrecomillado.

* Quedan algúns exemplares á venda nas librarías de Monforte de Lemos.
ISBN – 84-607-4086-2
Nadal – 2001.


Un pouquiño de Tradición Oral do Concello de Sober – (Editado polo Colado do Vento e o Grupo O Trícole) – Lendas, contos, cantigas, sucedidos… Recollidos das xentes de Sober. Maquetación: Manuel González Rodríguez.
Ano 2002.Retallos dun País Ribeirao – (Xesús Verao Pérez e Alfonso Campos Pérez) – Estes retalliños de Sober naceron para ser vertidos ás ondas de radio entre marzo de 2001 e xaneiro de 2002. Son as teimas doce-amargas sobre o noso común reino ribeirao. Porque ribeiraos somos por xenes e oficio, herdeiros dos homes e mulleres que humanizaron precipicios imposibles, facendo caneiros e socalcos por regas penedías como a dos Estiracús, A Pontiña, Loberiras, A Cividade, onde se cría como un milagre o mosto saboroso.
Falamos aquí de nomes case perdidos, de paraísos estragados, de equívocos nunca reparados, de fontelas esquecidas, de pedras milenarias, de sinais de identidade, de mundos esmorecentes, de santos pagáns; falamos desta patria nosa vella coma o tempo, para a que tamén quixéramos imaxinarlle, alomenos, mil primaveras.

Manuel González Rodríguez.
Ano 2003.

Petroglifos de Sober – Ano 2007. Texto e fotos de Alfonso Campos Pérez. Maquetación: Paula Vázquez Verao.