Pastel de berenxena e porro

Ingredientes:

Salsa de tomate (feita con tomates maduros, un allo e albahaca).
Berenxenas (4 ou 5 pequenas).
Porros (2).
Cebola (media).
Allo (2 dentes).
Ovos (4 ou 5).
Xamón ou touciño ao gusto.
Queixo para gratinar.

Póchase media cebola cos porros e engádense as berenxenas ata que estén listas.
Por outra parte, tense preparada salsa de tomate.
Póñense os allos nunha sartén e dóranse.
Engádese xamón en cachiños, engádeselle as berenxenas, o porro e faise moi despacio, para coller o gusto do allo e o xamón.
Bátense 4 ou 5 ovos e mixtúranse coas verduras e engádeselle unhas culleradas de tomate.
A esta mixtura engádese pementa, albahaca e pirixil, ao gusto.
Métese todo no forno e ponse unha xenerosa capa de queixo por riba.

Tarta de crema de marmelo

Esta tarta é apta para celíacos e, de paso, para todas aquelas persoas que prefiran non sobrecargar nin o seu peso nin o seu estómago sen perder o placer do gusto. Ademais, é moi sinxela de facer.
INGREDIENTES
– Un paquete de galletas sen gluten.
– Leite de avelá ou améndoa ou de soia.
– Azucre moreno.
– Canela.
– Sésamo.
– Avelas ou noces para adornar.
– Comporta de marmelo.
Nun molde de forno póñense as galletas (mellor dúas capas).
Quéntase medio vaso de leite e engádenselle dúas culleradas de azucre e espolvoréase xenerosamente con canela. Revólvese e vértese sobre as galletas, empapándoas ben, e esmágase un pouco.
Sobre esta base, exténdese a compota ou marmelada de marmelos, que se fai con catro marmelos limpios de pel, cortados en cachos pequenos e deixándoos cocer con dúas culleradas de azucre morena revolvendo forte (uns 20 minutos, segundo a madurez da froita).
Sobre a compota espolvoréase o sésamo e o azucre e adórnase con noces e vaelás.
Métese todo no forno gratinando un cuarto de hora a 250 graos.

Ensalada de remolacha e rúcula

Cócense unha ou dúas remolachas unha ou dúas horas, coa metade das súas raíces e rabos de follas para que non perdan cor.
Cando arrefría, trocéase e engádeselle rúcula, unha presada de noces, queixo fresco e tomates cherry. 
Engádeselle, un pouco batido, aceite de oliva virxe mixturado con sal e vinagre de Módena.

No momento de servir, engádense pétalos de caléndula e flores enteiras de capuchina, de sabor suave e lixeiramente picante coma a pementa e con importantes propiedades para a saúde.

Arroz con verduras da horta

O arroz elixido foi un arroz integral (facultativo).
Cócese o arroz en abundante auga o tempo que precise o tipo de arroz. Neste caso, corenta minutos a lume lento, tapado e con sal. 
Cólase o arroz e resérvase.
Pícanse as verduras e vanse incorporando nunha sartén ampla, por esta orde: cebola, allo, porro, pimento verde e vermello. Déixanse pochar un chisco e despois incorpóranse: cenouras, berenxena, acelgas coas súas pencas cortadas miúdo e abundante pirixil. Déixase dun cuarto de hora a vinte minutos dándolles voltas de cando en vez.
Pásase a incorporar o arroz, que se saltea coas verduras.
Engádeselle un pouco de paprika ao gusto e tamén se lle pode engadir un pouco de comino. Corríxese de sal. 
As verduras poden variar segundo gustos e tempada.

Entrantes de “insectos”

Trátase de poñer un chisco de imaxinación e preparar unhas visuais bandexas de canapás de bichos.

Sobre unha base de pan torrado, exténdese queixo de untar; sobre este, pode agregarse unha loncha de salmón afumado e logo, para facer os diferentes insectos: tomates cherry, aceitunas…

Para os caracois pode usarse salmón e unha loncha de queixo.

Os ovos están recheos da súa propia xema e con maionesa e paus de caragexo. Para preparar a forma de arañas, úsanse olivas negras.

Tarta de marmelada de “chayota”

INGREDIENTES
– Masa de hoxaldre.
– Crema pasteleira.
– Marmelada de chayota (mazá ou outra froita)

PREPARACIÓN
Untar un molde con manteiga, colocar nel a masa de hoxaldre e sobre ela a crema pasteleira. Para rematar, superpoñer a marmelada e cocer a tarta.

Queixo fresco caseiro

* Manola da Venta, de Neiras, explicounos paso a paso como facer queixo na casa. Fixémolo durante a xornada “Pan e Queixo” que organizamos en febreiro de 2013. Deixámosvos a explicación de como se fai paso a paso.
Precísase entre un litro e dous litros de leite cortado (déixase cortar por si mesmo ou, para acelerar o proceso, pode botárselle un iogur natural).
A parte, férvese entre 5 e 6 litros de leite. Cando comeza a ferver, cando comeza a espumar, sácase do lume e bótaselle o leite cortado. 
Déixase arrefriar un pouco todo.
Logo, escórrese, para separar o soro da mixtura, á que se lle bota unha culleriña de sal. Esta mixtura bátese (coa man ou coa batidora).
Esta mixtura ponse a escorrer, dispoñendo un trapo sobre unha escorredeira (por exemplo, a típica de escorrer os macarróns). Déixase escorrer tapado durante 2 días e a partir de aí consérvase no frigorífico ou lugar fresco, pois non leva conservante algún.
O resultado é un queixo fresco moi cremoso e saboroso.

Buñuelos de grelos, espinacas…

Ingredientes:
– Unha presa de grelos ou espinacas
– Un ovo
– Leite
– Fariña
– Un chisco de sal
Preparación:
Cócese a verdura escollida nun pouco de auga con sal.
Escórrese e resérvase.
Nunha cunca, bátese un ovo cun chisco de sal e engádeselle 1/4 l de leite aproximadamente e espésase ben coa fariña.
Unha vez feita a pasta, engádese a verdura troceada moi fina (pódese refogar cun pouco de allo, ao gusto).
Nunha tixola, ponse abundante aceite e cando esté ben quente vértese a mixtura en pequenas culleradas.
Unha vez voltedada e frita, déixase escorrer nunha servilleta e xa está lista para comer.

Crema de alcachofas

Enviada por Teresa Grau.
Ingredientes:
Con 4 ou 5 alcachofas é suficiente. 
Unha cebola ou un puerro.
4 patacas.
Aceite de oliva.
Elaboración:
Póchase a cebola ou o puerro, e logo engádenselle as alcachofas partidas á metade (esas metades teranse frotado previamente con limón para que non escurezan). Engádense as patatas e agua.
Se vos senta ben o leite, ponse leite ao remate para engadir auga antes de batilo; ou ben engadir nata, que suavizará a crema e lle dará un punto cremoso. 
Salpiméntase antes de pasalo pola batidora. Se non é a súper Termomix, vólvese pasar polo pasapurés, por causa fos fíos das alcachofas.