O MARCO DA PENA LONGA

Abondosas son as manifestacións tumulares no noso país: As casiñas dos mouros, antas, arcas, mámoas, medorras, fornos, etc, xalonan toda Galicia; e alí onde xa non queda vestixio material, a toponimia segue gardando o seu recordo. Comunmente adscritos á mesma época, nos séculos medios do V milenio antes de cristo, os círculos líticos e as chamadas pedras fitas son casos excepcionais.

CÍRCULOS LÍTICOS

Dos círculos líticos ou cromlech só hai referencias na Chaira da Mourela (As Pontes) e recentemente, nas terras arrasadas polos incendios, apareceu outro en Vilanova de Arousa.
En Sober poderíamos ter un na chamada Aira dos Mouros na intersección da parroquia de Proendos con Millán e Rosende.

PEDRAS FITAS

En canto as pedras fitas, está a coñecidísima Lapa de Gargantáns en Moraña e outros exemplos como a Pedra Chantada en Vilalba, a de Cristal en Ribeira, xunto con achádegos recentes de tipoloxía non moi semellante Á de Gargantáns.
En Sober, a toponimia reflexa nomes tan suxerentes como O Marco Vello entre O Arroxó e a Burdalla; Pedra Fita, un pouco ó norte da Lama Longa (Refoxo), e, non moi lonxe, O Marco da Pena Longa que ben podería ser un dos poucos menhires coñecidos de Galicia.

O MARCO DA PENA LONGA

Mide a pedra 1´76 m. de longo, presentando unha tendencia estilizada con coviñas alineadas, sucos e un círculo prepucial na parte superior que lle confire un aspecto fálico.
A pena servía de límite entre as parroquias de Refoxo, Neiras, Canaval e Mañente (Pantón), asegurando algúns veciños ser marco divisorio entre a casa dos Andrade coa de Tor ou da Bastida.
A pedra foi atopada nunha canle de regadío, e o arqueólogo que supervisaba as obras do desterre para un paso sobre a vía do tren no traxecto Monforte–Canaval, decidiu, para protexela, levala o Museo Provincial, onde se encontra depositada.
Somos da idea de estudar a posibilidade de ubicar A Pena do Marco Longo no seu lugar orixinal, pois é no seu contexto onde adquire o seu valor, e se esto non fora posible debido a transformación do seu contorno, nalgún outro lugar adecuado do noso municipio.

Lembremos: estamos a falar dunha das escasísimas pedras fitas coñecidas en Galicia.
Outro monumento excepcional asentado no Concello de Sober.

TÚMULOS MEGALÍTICOS EN SOBER

Andando por Galicia é doado ver na paisaxe eses pequenos montículos elevados sobre o terreo, de planta tendente a circular e, aínda menos extendida, ovalada. Se nos fixamos, e a maleza nos deixa, apreciarémoslle na parte central un oco en forma de funil, producto da violación para a extracción de pedra ou na procura de tesouros; feito iste que se estendeu despois de que en 1609 Vázquez Orxas pedira permiso ó rei para buscar nas súas propiedades o ouro que contivesen, como así llelo indicaban as tradicións seculares. É tal a cantidade destes monumentos megalíticos, cunha media de entre 18 a 30 m. de diámetro por 1 a 3 m. de altura, que Manuel Murguía na súa Historia de Galicia afirma: “Apenas hai un campo inculto en Galicia en donde los ojos acostumbrados no perciban al momento la grande o pequeña mámoa”.

Falamos dunha das primeiras apropiacións da paisaxe, unha marca de territorialidade, un indicativo simbólico de comunidade, posta en lugares de máxima visibilidade, dende a alta montaña á beira do mar, aptos para o cultivo e/ou para o pastoreo; en xeral, próximos ó sitio de extracción das materias primas utilizadas (polo común rocha granítica) e posiblemente ubicados en puntos do terreo cunhas características xeomagnéticas consideradas polo pobo constructor, significativas. Falamos de construccións megalíticas iniciadas a finais do V milenio a.c., época de agricultura incipiente, construidas a base de pedras verticais (ortostatos), cubertos por outro horizontal ou tapa, formando o chamado dolmen ou anta, que ó ser cuberto por un túmulo de terra e pedras (ás veces pedras só) se lle chama, no seu conxunto (dolmen e túmulo) mámoa, medorra, etc, cunhas características morfolóxicas moi ben definidas, illadas ou formando conxuntos como o de Santa Mariña no Incio o os da Moura en Nogueira de Ramuín.

 Ubicámolos na fachada atlántica europea, proclive ó bosque caducifolio, nunha fase chamada de “óptimo climático”, de proliferación de chuvias, facilitando as praderías, gramíneas, e bon para a práctica da caza e da pesca.

Na Península Ibérica situámolos en Galicia, leste de Asturias, metade occidental de León e Zamora, e o norte de Portugal ata o Douro. Cun período de vixencia constructiva e de uso ata os inicios da chamada Idade de Ferro e o período castrexo, sendo reutilizadas, algunhas, xa en período histórico, polos romanos como postos de vixilancia. Neste período os usos e as tipoloxías foron variando, ou coexistindo, podendo ser de uso colectivo individual, de cámara simple a ter corredor, planta circular ou poliédrica, etc. Ademáis da propia estructura, hai que considerar outros elementos asociados ás mámoas: a carencia de ósos debido á acidez propia dos terreos graníticos, as pinturas dos orstostatos, os idoliños de bulto redondo, as marcas nas pedras (ondulados, zig-zag, reticulados), o enxoval funerario (doas de cor verde, microlitos, frechas de base triangular, aixolas, machados …), de cerámica de diversos tipos como é a lisa, a impresa con matriz de cuncha, acanalada, incisa e a máis tardía cerámica campaniforme, utilizadas, todas, para conter materiais perecedoiros a modo de ofrendas.

Estes monumentos megalíticos, vinculados, moitas veces, ó trazado de camiños tradicionais, deberon servir para fomentar a cohesión social ó participar dunha tarefa colectiva que requería unha organización e esforzo común, convertido en símbolo da comunidade, en lugar de culto, na superviencia e permanencia dun orde social. Sen dúbida, a vontade de primar o monumental sobre o espazo sepulcral en sí. Unha das primeiras apropiacións do espazo humanizando a paisaxe.

Polo que atinxe ó Concello de Sober, temos como case único exemplo visible a Mámoa da Carqueixa na parroquia de Figueiroá, cos seus 25 por 28 m. de diámetro por 1,30 m. de altura, sen restos de cámara nen de coiraza e con clara violación central de 2,5 m. de diámetro; ubicada nun lugar chao, resalta claramente do entorno, aínda que xa está un pouco achaiada por mor das labouras agrícolas.


Outro máis dubidoso pero que corresponde á toponimia alí existente é A Anta, á entrada da capital municipal de Sober. Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.


Polo resto, o único que coñecemos na actualidade é a toponimia, que delata a presencia destes monumentos megalíticos, posiblemente destruidos para aproveitar o seu material. Así, A Peniña do Ouro en Figueiroá, que foi derrubada ó construir a pista da Carqueixa a Matamá; A Mámoa do Arroxó, A Arca de Anllo, A Medorra de Bolmente, Brosmos, Doade, da Capota en Figueiroá, Pinol, Mer en Proendos; A Anta en Proendos e O Agro das Mámoas en Santiorxo. Pódense considerar, tamén, algúns lugares chamados Fornos, Forniños en Proendos e Figueiroá, respectivamente, a coñecida Pena de Belán co aproveitamento dunha formación rochosa natural para uso funerario e, aínda, a máis dubidosa acumulación de pedras de xeito tumular perto do Campo de Castaxúa en Proendos, onde tamén se teñen achado muiños barquiformes como os que adoitan aparecer cerca de moitas mámoas. [Actualización: descuberta unha mámoa en Doade; ver aquí].

A MOURA DOS CÓTAROS

Lenda contada en animada parola co Gonzalo do Cuñas de Mer – Proendos, mentres camiñabamos cara o penedo que a moura, a quen lle estorbaba para coller auga dunha fonte, cambiou de sitio transportándoo na súa cabeza.

Íamos polo camiño de Mer ós Cótaros en leda parola. A broza invadírao parcialmente e ameazaba con pechalo, como xa o están moitos na parroquia. A unha beira, sobre unha pedra, a camisa dunha cobra revivía no maxín ancestrais temores xurdidos do inconsciente colectivo da nosa especie. O Gonzalo do Cuñas, retranqueiro e falador, pillouna coa punta do caxato, case con indiferencia, e dixo:
— Que bo caldo para unha recén parida daba a dona.
Seguimos falando de beberaxes e pratos saborosos, coma uns fritos de lagarto arnal co seu mollo, ou estufado de gato daquela época heroica da posguerra, e as diferencias das súas costelas coas de coello: redondas unhas, planas as outras.
— Tamén o unto de cobra é bo remedio para a reuma, a máis de poderlle comer a carne, – asegurou -.
Estas e outras exquisiteces gastronómicas leváronnos ó pé dun castiñeiro, deses que ensinan impúdicamente o seu ventre centenario roído polos dentes do tempo, devastador incansable de cerne e nobreza. Alí estaba orgulloso prometendo unha boa castañeira para o outono.
—Á esquerda —dixo o Gonzalo, sinalando co fouciño a un eido cheo de fentos debaixo do camiño—, foi onde a moura colleu o penedo que vamos ver á devesa da Purita do Gorrión.
—¿Como? —preguntei incrédulo.
—Eí hai unha fonte —aclarou—, hoxe tapada pola maleza… inda se ve a humidade. A moura tentaba coller auga, pero estorbáballe unha pedra grande; arrincouna, púxoa na cabeza e carrexouna para onde está agora.
—¡Arre carallo! —exclamei.
—Polo camiño —proseguiu— encontrou a un pequeno e deulle carbóns que logo ó chegar á casa volvéronse ouro… Esto contoumo o avó do Camilo de Froxán.
Mirei para o castiñeiro como agardando algún comentario; máis só alcancei a ver un lixeiro estremecemento de follas.
Falando da propiedade da fonte (do Rolintes, ó parecer), deixamos o camiño xa a duras penas transitable, e torcemos á esquerda na procura da pedra dos Toxais. Andamos entre castiñeiros, carballos, toxos, silvas, xestas, codesos e algún piñeiro, baixo o cal as piñas, roídas polos esquíos, semellaban obras de arte espalladas polo chan. Despois dalgunha vacilación naquela mesta gamalleira, sentino falar de novo, con voz entrecortada polo esforzo.
—Velaí onde veu pousar a moura o penedo —dixo sinalándoo.
Sen dubida, pensei eu ó velo, a moura posuía poderes sobrenaturais para cargar con semellante mole.
Contoume aquel entrañable personaxe de corpo enxoito e pelo cano, que os nenos do seu tempo gastaron moitos pantalóns xogando a esvarar pola pedra embaixo; e tamén que era un lugar de encontros amorosos; ensinoume as marcas dos canteiros no intento de fendela (ben puido ser arrincado de aquí o petroglifo de Forxán).
A mediados dos anos corenta diste século, Manuel Vázquez Seijas achegouse ata o lugar e deu conta, no Boletín de la Comisión Provincial de los Monumentos de Lugo, dos petroglifos atopados (sucos,coviñas,círculos concéntricos); mensaxes aínda indescifrados que agochan as teimas dunha época na que o home lía nas estrelas e escribía nas pedras.
Despois de sacarlle unha foto ó Gonzalo detrás da pedra, invadidos polo inefable sentimento de misterio e a maxia do lugar; despois de unxirnos da mística dos enigmas, transmitidos de boca a boca a través dos milenios; de escoitar, sen palabras, a poesía da imaxinación, volvemos, sobre os nosos pasos, ata Mer. Cando vin de novo a camisa da serpe, agora sobre a parede, lembróuseme a moura da tapada do Almestro de Sober o Vello, e pensei que ben podía andar por aquí tamén.

A MOURA DA TAPADA DO ALMESTRO

Esta lenda foi recollida a Carmen Rodríguez da Pena – Proendos – Sober, a quen a súa avoa lla contaba moitas veces sendo nena. A lenda coñécena moitos máis veciños da zona pero non lles gusta relatala, ¡non vaia ser verdade!

Hai moito tempo —a data precisa esmoreceu na memoria da xente— alá na tapada do Almestro de Sober o Vello, andaba un rapaz co gando. Atopábase entretido, labrando cunha navalla nun pao de salgueiro, cando viu xurdir dun penedo unha fermosísima rapaza de cabelo louro. Era tal a beleza e a gracia da súa figura mentres camiñaba cara ó regato a coller auga nunha ola, que o rapaz ficou namorado ó instante.
De volta, oíuna pronunciar, coma se de ladaíña se tratase, bisbantes e inintelixibles palabras cara á pena que abriu e pechou tras dela por arte de encantamento.
O namorado non lle contou a ninguén o sucedido e, louco por volver vela, volveu alí moitas veces sen obter o desexado.
Mais, nunha tardiña, co sol navegando entre lusco e fusco, mentres a auga do rego esvaraba preguiceira entre os muíños, e as vacas, xa pola fresca, aproveitaban do pasto, a pena abriuse de novo saíndo a fermosa co cántaro na cabeza. Decatouse ela da presencia do mozo e, sentando á súa beira, contoulle con infinda tristura a malfadada historia da súa desgracia.
—Aquí estou enfeitizada —díxolle— por non atender as mal intencionadas proposicións dun mago; encerrada para sempre nesta cova, entre tanto ouro como collería en tres arcas grandes das uvas. Só me libraría do meigallo se atopase a alguén que fixera o que eu lle dixese.
—¡Fágoo eu! —respondeu o mozo sen dubidalo.
—Pois aténdeme ben: cando a lúa chea se poña enriba do monte do Espiño —dixo acenando cara alá con voz doce e misteriosa— aparecereiche, convertida nunha serpe, facendo moito ruído, canto máis ruído faga máis ouro traerei comigo. Para desfacer o feitizo tes que cuspirme na cabeza; daquela recuperarei a liberdade, casaremos e viviremos ricos e ledos.
Así llo prometeu el, e namentres chegaba a hora de volver co gando para a casa, fixeron moreas de plans para o futuro.
Chegou o día. A lúa asomou tinxindo de prata o monte. O rapaz agardaba. De súpeto do penedo xurdiu a serpe facendo tanto ruído que o rapaz amedrentouse e fuxiu cara á casa sen atreverse a volve-la vista atrás.
Di a Carme da Pena, que lle contaba a súa avoa, ter oído cara ó rego de Bao laiarse a unha rapaza; e hai quen aínda hoxe di que cando a lúa chea asoma a faciana polo monte do Espiño, óese un bruído de carrolas axitadas, como se a moura –porque moura é- agardase a un mozo namorado para quen o amor sexa máis forte có medo.