A PENA DA MOURA DO VILAR

Hai xa moito tempo que andaba unha moza co gando no monte da Cortiña do Vilar. Cando viña para a casa, polo camiño, atopouse cunha fermosa moura, de ollos azuis e louros cabelos que peinaba ó sol; o seu reflexo facíaos parecer de ouro.
A moura compadeceuse da rapaza e fíxolle un regalo: mandoulle pechar os ollos, púxolle algo dentro do delantal, e díxolle que non podía miralo ata chegar á casa.
Polo camiño, a rapaza non resistiu a curiosidade e mirou: e viu que eran carbóns. Enfurruñada, tirou con eles, e os carbóns, sen que a rapaza se dera conta volvéronse lagartos xigantes. Ía camiñando cando sentiu un ruido por detrás e mirou, e os lagartos comérona.
Contan que cando os raios de sol dan na pena, sae a moura a peitear os cabelos na compaña da rapaza.
– Recollida de:
Maika do Vilar —- Neiras — 6-IX -2005.

O TESOURO DA DEVESA

Ó parecer, a casa do Manoliño da Devesa fixérona uns romanos que apareceron polo lugar cuns burros cheos de ouro. Esconderon o ouro en distintas partes da casa e nos arredores; tanto agocharon que ata os ratos o sacaban dos seus escondrixos.

Nunha ocasión viñeron uns ladróns, colleron a muller da casa e ameazaron con matala se non lle decía das riquezas; o home, que estaba escondido, colleu unha ecopeta e matou ós ladróns, que acabaron desaparecendo para sempre na Ola, ese fondo burato que comunica cunha lagoa subterránea da que non se lle coñece a profundidade.
Andando os anos, a criada, para quedarse co tesouro, envelenou ós amos e tirounos á Ola, sen que ninguén, nunca, volvera saber máis deles. Criou ós pequenos e fíxose ama de todo.

– Recollida de:
Maika do Vilar — Neiras — 24-VI-2005.

POR TERRAS DE BROSMOS

O Coxo de Bulso trouxera das américas dúas cousas: moitos cartos e a alma enchoupada de remorsos. Crimes que todo o mundo cría intuir no ser atormentado que voltara despois de moitos anos a pobre casa de Pipín de Arriba: envellecido, pouco sociable e arrastrando con dificultade aquela perna tulleita. Mais, rico, e, sobre todo, con aquela determinación case fanática reloucándolle nos ollos como, case un pícaro, tiña cando decidira marcharse a outros mundos a probar fortuna. “Eivos de acantazar cos cartos”, dixéralle ós pais. Pero había tempo que os pais non estaban, e naquela casa solitaria por onde se colaban os pesadelos decidira facer algo para aminguar as culpas, que te perseguen ainda que haxa océanos polo medio.

Da confesión co cura saiu a determinación: erixir un fermoso e grande santuario onde se atopaba a capeliña adicada á virxe, nacida nunha buraca daquela pedra na que a Señora tamén tiña unha pía para lavarse e un oco para o xabrón e outro para o peite. O Cura Vello vira, ó fin, a oportunidade de levar a cabo a idea do gran Rodrigo de Castro; e, por aquela, a Virxe escapaba a miudo para o penedo onde, con outros nomes, lle rendiran tanto culto. ¡Trebopala!, parecía escoitar, mentras recordaba as ofrendas nos ocos da pedra nos que ainda se manifestaba o seu poder de deusa. Así que O Cura Vello de Pinol, do que din que abría as pedras encantadas co rezo, despois de escoitar abraiado o testiminio fervoroso dos humildes pastores, puxo man á obra e xunto cos canteiros de Vilameá e outros traballadores da zona, trouxo unha brigada de portugueses, afamados talladores da pedra. Con eles veu, xoven e solteiro, andada a segunda metade do século XVIII, o tataravó da Rosalía de Santiorxo que culminaría a torre do santuario, a última pedra coa bola e a cruz, e faría os cruceiros de Santiorxo e de Lobios. Sabemos que O Cura Vello de Pinol e O Coxo de Bulso esfacháronse por un problema de cartos e o edificio quedou sen rematar; por iso, ó pouco, apareceron os de de Brosmos pola pedra picada sen colocar que lles vendera o cura a pesares da oposición dos veciños da freguesía (con ela fixeron parte da igrexa de Santa Cruz), e sabemos, tamén, que o de Bulso acabou purgando as culpas obrando na rúa das Panaderías da Coruña.

Persoeiros que nos saen ó camiño dándolle unidade, e facéndonos partícipes do mesmo tempo sen tempo. Persoeiros como José Rodríguez Blanco de Santo Tirso de Maceda e Esperanza Cid do Noguedo, que se viron por primeira vez para casarse a cada beira do río Sil; ou Manuela Pérez Vázquez e Eladio Trigo, morto en Buenos Aires no 2007, unidos para sempre ó cruceiro do Campo de Bulso, feito coa dura pedra de Cadeiras; Alfonso XI e Nóboas y Lamas das terras de Brosmos en Viladime de Arriba; Constanza Vázquez Somoza, a derradeira abadesa do mosteiro de Lobios, e Frei Rodrigo de Valencia, ás ordes de Isabel e Fernando; e a Paula de Veliños, a pequena espilida sabedora dos mensaxes daqueles que escribían nas pedras (O Preguiceiro, A Chá, O Monte de Veliños) e a Saleta de San Pil descubridora dos petroglifos do Agro, do Barcal e de Cadeiras. Todos e tantísimos máis como as tres irmáns que quedaron preñadas ó mesmo tempo –semellante ó mítico bíblico de Eva e á árbore da sabiduría- por beber na fonte prohibida de Vilameá. Todos pregoando a mistura das idades por istes camiños que volven ó lugar de partida ou se esparexen en cada punto en infindas posibilidades. Sempre está o cerne noso en cada paso. Eso é o que importa.

— Descargue o tríptico co texto e un mapa desta ruta de 12,3 km., de dificultade baixa, que atravesa as parroquias de Pinol, Lobios, Santiorxo, Santa Cruz de Brosmos e Bulso. (Aquí). —

* Esta ruta foi elaborada para a excursión realizada o 2 de marzo de 2008 pola Asociación Micolóxica “Os Lactouros”, de Monforte de Lemos.

OS IBIOS

O informante Constantino Pérez Puga de Portabrosmos – Pinol relatouna en xullo de 1995 mentres nos acompañaba a visitar os restos de A Ibia.
Polas ladeiras abruptas do Sil, na orela soberina de Chanteiro, deslízase unha paisaxe farturenta de viñas, sobre un fondo de auga encorada e de monte humanizado: Sacar de Bois, Ravacallos. Camiños de encontro de Caldelaos e Limeses.
Atrás van quedando os érbedos avermellados, e os lilas das lavandas e das azaias.
Ao chegar ás primeiras casas, a adega do Constante, escavada en rocha, ofrecendo, coma sempre, un vaso de viño ao viaxeiro. Despois duns groliños saborosos levounos o dono á IBIA; guiounos apalpando o terreo co caxato por mor das cataratas nos seus ollos, andando por camiños sempre pinos, zigzagueando entre socalcos, entre pedra e cepa, verde sobre branco por riba do espello da auga: furna translúcida de eidos outrora traballados. “Viñeron uns homes grandes e fortes -dixo mentres camiñábamos- que subiron polo río en barcas e fundaron o pueblo. Chamábanse ibios. Non se sabe de onde eran”.
Foi o home sinalándonos as pedras das prensas (tamén da oliveira, que este é un pais de regalía e fartura), para ensinarnos, ao fin, as casas dos antigos ibios, pobo que algúns relacionan cos descendentes de Noé. Nada estraño no país do Amandi por vir directamente do inventor do viño. E velaí os muros das súas vivendas mimetizadas coas viñas, sostendo varas e acios gorentosos.
Morreu o derradeiro barqueiro de Portabrosmos e quedaron historias por contar.