CRÓNICAS DA LÚA ’08

No marco do que dimos en chamar IIº Roteiro Músico-Poético á luz da lúa, o pasado sábado, 19 de xullo, visitamos a Pena do Castelo, en Doade, o Souto do Tellada, gran conxunto de castiñeiros centenarios na parroquia de Lobios) e o miradoiro de Cadeiras, Pinol.
En cada paraxe, os asistentes, perto de 40 persoas, recitaron poemas e houbo actuacións musicais de membros do Grupo O Trícole, de membros da Banda de Música de Sober e de Xesús Verao, acompañado de guitarra, así como interpretación de cantigas populares entre todos.
O día estivo centrado, espontaneamente, no centenario de Curros Enríquez, ca lectura de poemas seus e a interpretación das cantigas O Maio, Unha noite na eira do trigo e Nocturnio.
Momentos especiais: o inicio musical con Rosiña na Pena do Castelo, a improvisación de O Maio por parte de Óscar, o Alfonso cantando o Rock da Arrinca do Esterco, o Sandoval reclamando os seus dereitos de autor, o Suso e as súas cantigas portuguesas…
Este ano o ambiente que se creou, máis espontáneo, foi diferente do ano pasado, moi íntimo e ben planificado. Ambos os dous se complementan, e ambos foron inesquecibles.
Agardámosvos o ano que vén!

O COLADO DO VENTO

A Asociación cultural “ O Colado do Vento” naceu oficialmente no 2008 – aínda que xa se facían actividades dende o 2006 – co obxectivo principal de dar a coñecer o inmenso Patrimonio, material e inmaterial, da Comarca de Lemos, comezando polas nosas terras de Sober.
Coñecer, valorar e preservar o noso coma un elemento imprescindible para o futuro desta Terra.

Se desexas participar en
calquera das nosas
actividades, ponte en
contacto connosco en:
659 323 833
coladodovento@gmail.com

Francos de Proendos
nº 34 (SOBER)

II ROTEIRO Á LUZ DA LÚA

Sábado, 19 de xullo – 2008
Visitaremos varios lugares máxicos das terras de Sober que adquiren, se cabe, un maior encanto bañados pola tenue luz da lúa (chea, por suposto) destas noites de verán.
En cada paraxe acompañaranos a Música e os poemas ou relatos cos que queirades agasallarnos cada un dos que nos acompañedes nesta aventura nocturna; o tema, a extensión e a cantidade de lecturas son libres, como libre é a luz de cada plenilunio que acariña a paisaxe ribeirá.
E, para facer todo isto aínda máis misterioso, non che diremos a onde imos, nin o que escoitaremos; só te convidamos a achegarte contra ás dez da noite do sábado 19 de xullo á Praza de Sober e desfrutar do luar.
* Podes ver as fotos do I Roteiro Músico-Poético á luz da lúa aquí.