ruta de sendeirismo “O coxo de Bulso” – 25 de marzo

ruta de sendeirismo – “O coxo de Bulso” – Por terras de Brosmos
domingo, 25 de marzo de 2012

* saída (en coches particulares): 9:15 10:15 horas (HORA NOVA) de Sober (praza do Concello) – 9:30 10:30 horas (HORA NOVA) no punto de saída da ruta (praciña do cruceiro de Pinol). [Na madrugada do 25 hai cambio de hora].

* ruta circular.
 
* 12,3 km
 
* ruta con moi pouco desnivel (102 m), moi sinxela.
 
* duración: unhas 4 horas.

Puntos de especial interese: igrexa románica de Pinol – agro das mámoas – petróglifo do Preguiceiro – casa grande de Veliños – igrexa románica de Lobios – souto de Lobios – petróglifos de Sampil (3 conxuntos) – petróglifo do Val da Raña – cruceiros de Pinol, Santiorxo e Lobios.

Non é preciso anotarse. Para as persoas que desexen levar xantar para comer ao remate da ruta, recomendámoslles xantar na área de Cadeiras.
Ás persoas participantes facilitaráselles un folleto cun mapa da ruta a toda cor.

A vindeira ruta de sendeirismo do Colado do Vento será o domingo 8 de abril, entre Augas Mestas e Vilachá de Salvadur, da que informaremos.

* Máis información da historia do Coxo de Bulso: aquí.

Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez.

“Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez” é o título do artigo que Juan Sobriño Ceballos e Manuel Domínguez Ferro adicaron a esta muller con raiceiras na parroquia soberina de Vilaescura.
Podes lelo no número 18 de Cátedra – Revista eumesa de estudios, que se pode consultar on-line aquí.
Maruja, como lle chamaba a súa familia, natural de Vilaescura, foi mestra en diversas vilas e pobos galegos dende 1914 ata 1936, ano en que foi asasinada polos fascistas pola súa participación activa na política republicana no PSOE. Estaba, tamén, afiliada a UGT e participou na Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas, sendo fundadora do subcomité coruñés desa entidade.
Fora animada á “vida pública” polo seu pai, Joaquín Vázquez Fernández, militar retirado ascendido a capitán polos seus servizos na guerra de Cuba, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade [Fontes: testemuños orais, documentos atopados na casa familiar, proxecto nomesevoces.net].

Dende o asasinato de Maruja, o pai, xa con máis de sesenta anos, caeu nunha depresión que o mantivo afastado da sociedade ata a súa morte, salvo polas esporádicas visitas a outros represaliados da comarca, acudindo todas as tardes a un pequeno agocho que acondicionou en Vilaescura, cerca de Penabión, e que é coñecido como a casiña do capitán.
Por detrás da foto que se reproduce arriba Joaquín Vázquez escribiu as seguintes liñas, quizais pensando en que algún día se recoñecería a inxustiza da morte da súa filla e a de tantos mestres e mestras comprometidas na causa republicana:
“Maruja Vázquez Suárez – maestra de Miño – fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!”