Poda tipo Amandi

Javier Vivirido Salgado 


Xa pasada a XXXIII Feira do viño de Amandi que homenaxea ós seus adegueiros, quería facer unha breve referencia ó traballo deses viticultores, e máis en concreto ós podadores destas terras do sur de Lugo. Xa falamos algo das variedades históricas cando tratamos sobre o libro Observaciones sobre El Cultivo de la Vid en Galicia do ilustre científico monfortino Antonio Casares, de 1842, e tamén sobre unha recopilación de historia da viticultura destes terruños porparte do historiador Germán Vázquez.
Toca agora toca falar de algo distintivo e chamativo, exclusivo dos traballadores das viñas de Sober respecto do resto do mundo, e digo ben… do mundo.

Falamos da poda que se fixo sempre na ribeira soberina e que segundo o mestre da EVEGA Francisco Rego denominan tipo “Amandi”.

Poda en Vaso
Poda “tipo Amandi”

 
A poda tipo “Amandi” é unha formación tradicional de orixe grega (típica de zonas cálidas e secas), cun esqueleto de “Vaso” tradicional, pero coa modificación de que nun dos seus brazos se deixa un cotón e unha vara atada a unha estaca. Este tipo de poda só se coñece nesta subzona, de aí o nome de poda tipo Amandi. 
Búscabase un baixo custe de implantación, garantindo boa calidade. Coa introducción desta vara incrementábanse os kilos de uva por cepa, ou sexa os cartos para o viticultor (hai que pensar que en moitas casas da ribeira era a única fonte de ingresos). Desta forma, optimizábase a distribución dos acios, cun mellor aproveitamento da radiación solar e un incremento da aireación interior da cepa.
 

Este tipo de poda tradicional, coa introducción das novas técnicas vitícolas (formación en espaldeira, arameado dos liños…), está case a extinguirse na búsqueda dun mellor rendemento na producción e na calidade.
 
Tamén quería falar neste artigo doutra peculiaridade que se produce en Sober e que eu descoñecía. Hai algúns anos lembro que un veciño de Millán, un dese homes renacentistas e autodidactas (rosqueiro, carpinteiro, canteiro, alfareiro, e un longo etc) me preguntou onde poñía eu o cotón, se por riba ou por baixo da vara. 
 
Eu non entendín a pregunta xa que, na Universidade, os que en teoría saben desto, me explicaron que a vide é unha liana que sofre acrotonía (o vigor sempre vai ás puntas).

 
Efecto da acrotonía: o vigor vai ás puntas da vara.

Efecto do arqueado da vara: o vigor concéntrase na base.

Polo tanto, o cotón tense que deixar retrasado respecto da vara, así controlamos o alongamento da cepa e prolongamos a vida da planta. Ademais, para retraer a forza da cepa hai que arquear a vara para dificultar o paso da savia, incrementando o vigor dos ollos que están máis preto da base.

Este cotón preto da base servirá de reemplazo para o ano seguinte, ou sexa, impedirá que a cepa se nos “escape”. A este tipo de poda chamase tipo “guyot”.
Cotón para remprazo na poda tipo “guyot”.
 
En Sober, (e digo Sober porque as fotos son da ribeira de Rosende) faise ó revés do sistema guyot: aquí o cotón déixano por enriba da vara, e non por debaixo.
O viticultor de Millán contoume unha historia curiosa. Nun curso destes que organiza Medio Rural, trouxeron un técnico da zona de Portomarín que lles explicou o mesmo que ensinaran a min no tempo de estudiante: que para reducir o vigor e controlar a cepa, o cotón ten que estar antes que a vara. Os alumnos replicaron e refutaron esta teoría que vén nos libros escritos por eminentes catedráticos franceses. Estas diferencias tiñan fácil resolución… había clases prácticas.
Poda tipo “guyot”

Poda “tipo Amandi”

Fixeron as dúas formas de poda, en “Guyot” e en “Amandi”, e, pasados os meses, este técnico comprobou que as cepas máis equilibradas e con mellor distribución da producción dábanse coa poda tipo Amandi. Unha vez máis a sabedoría popular venceu á teoría.

Dende aquelas, este técnico nos seguintes cursos recoméndalles ós alumnos que podasen como fan estes “asilvestrados” de Sober.
Poda “tipo Amandi”
Poda “tipo Amandi”

Esperando que practiquedes para o ano que vén (os lacazáns aínda están a tempo), e recomendando que lle fagades caso a eses ribeiraos fachendosos que tanto presumen saber desto. Pero, se aínda dubidades, comparade e comprade a que máis vos guste.


Eu, sinceiramente, creo que o “truco” está en retorcer ben a vara e que agromen con vigor os ollos máis próximos á base. É que… non son ribeirao (son da parroquia de S. Martiño de Anllo).

Seica hai outros tolos por Tuiriz que tamén podan raro: podan tipo bimbieira deixando unha vara. Pero esto será outra historia. 
 

Deíxovos que, como di o meu pai, hai que ir coller as “pugas” para enxertar. Agora toca.

[reseña] Herdeiros pola forza

“Entrado o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que é de todos”.


AYÁN, XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI

O Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.

Colección: supertextos. No. 12.


Paula Vázquez Verao

Herdeiros pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que, como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido amplo.


Defenden Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico, dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo da maioría social.


Cun toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que debería servir.


Herdeir@stamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.


E podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha delas, quen sabe.


Estas páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.


Cando rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio e na re-construción do noso pasado.


Dos distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago, arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en Galicia.


Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.


E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.

[receita] Rosca

Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.

 

Receita de Pilar Pérez, nacida en Barantes, que vive no Outeiro de Bolmente.

NOTA – Ter a receita da rosca tradicional non é garantía de que saia ben: cómpre praticar moito e coller o punto ao amasado, levedado e enfornado. Non deixedes de experimentar, mais tampouco de mercar as roscas ás afamadas rosqueiras e rosqueiros de Sober, especialmente de Millán, parroquia rosqueira por excelencia. Na XXXIII Feira do Viño de Sober, o 23 e 24 de abril.

INGREDIENTES
(para 3 kg de fariña)

– 3 kg de fariña
– 1 kg de azucre (sabor bastante dóce; reducir azucre ao gusto)
– 3 culleradas de sal (unha cullerada tamaño café por cada kg de fariña)
– 1,5 l de auga morna (1,5 l de auga por cada 3 kg de fariña aprox)
– un dadiño de levadura fresca
9 ovos (3 ovos por cada kg de fariña)
azafrán en rama e colorante ao gusto (o azafrán en rama é o que dá o toque de sabor distintivo da rosca)

MODO DE FACER AS ROSCAS

1 – Dilvese o azucre, o sal, o azafrán e o colorante na auga.
2 – Cólase a auga.
3 – Faise un volcán coa fariña e desmigállase a levadura no centro.
4 – Bótanse os ovos no centro do volcán de fariña e amásase todo.
5 – Vaise agregando a auga á mixtura ata que se consigue a textura da masa desexada. Ten que quedar algo máis “pringosa” que a do pan.
6 – Déixase levedar, máis ou menos 3 horas, ao sol ou ao calor da cociña, nunha tina tapada con tea, tendo moito coidado de non a mover nin destapar. Pódese poñer unha pota con auga ao lume e colocar a tina por riba.
7 – Fanse bolos coa masa e déixanse a levedar un pouco.
8 – Mentras se quenta o forno dáselle forma ás roscas, para que aínda leveden un bocadiño máis antes de enfornalas (as roscas colócanse en papel cunha pouca fariña extendida para que non se peguen).
9 – Vernízanse as roscas con ovo batido mixturado cun pouco colorante ou azafrán.
10 – O forno ha de estar menos quente que para cocer o pan. Se se coce o pan, métese este antes e, unha vez que baixa o primeiro quentor do forno, métense as roscas.
11 – Cócense 20 minutos aproximadamente.
12 – Déixanse arrefriar un pouco e disfrútanse.   

[receita] Un dóce típico: vixiga ou tripón.

Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.
A vixiga é un dóce típico que recibe ese nome porque tradicionalmente se usaba como continente para facelo cocido nunha pota esa parte do porco. Dende hai tempo faise no forno en latas ou en moldes de cociña.
INGREDIENTES
– Leite (un litro de leite por cada 6 ovos)
– Ovos (6 ovos por litro de leite)
– Pan de días (pan duro de días anteriores, pero tamén se pode usar pan do día; supoñemos que se facía aproveitando o pan que quedaba duro da fornada anterior)
– Azucre (unha cullerada sopeira colmada por cada ovo)
– Manteiga
PREPARACIÓN
Botamos o pan no leite para abrandalo. O pan podemos botalo xa esmigallado ou cortado en trociños ou ben esmigallalo dentro do leite. Depende do gusto de cada quen deixar que queden anaquiños de pan enteiros ou que o pan quede ben triturado.
Batimos ben os ovos e engadimos o azucre, volvendo batir ata que quede consistente a mixtura.
Unimos ambas mixturas (leite e pan con ovo e azucre) e remexemos. Opcional: engadir algún dadiño de manteiga e/ou uvas pasas.
Untamos con manteiga o molde onde vaiamos facer o dóce.
Botamos a mixtura no molde e metémolo no forno.
O dóce facíase no forno de leña, meténdoo cando o pan xa collera o primeiro quentor do forno, ao final da fornada. 
No forno eléctrico pódese poñer a 180º durante uns 40 minutos, aproximadamente. 
Compróbase que coceu introducindo un coitelo ou cando se dora por riba pero, para garantir a cocción cando o dóce é moi gordo, pódese cubrir a capa cun papel de cociña ou de aluminio para que non se torre.
O mellor é probar a facelo e aportarlle o toque persoal, segundo o gusto de cada quen.
Bo proveito!

Éxito da xornada do pan e do queixo: aprendizaxe e moita festa.

O domingo, 3 de marzo, unhas cuarenta persoas desfrutamos en Neiras dunha xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
 
As oficiantes, Carmen e Manola, amosáronnos a técnica do amasado, o proceso completo de cocer pan e empanada, cómo facer queixo só con leite e a técnica da rosca, e aínda aprendimos a facer leite mazado e manteiga, así coma outras lambetadas como torta de roxós, tripón e empanada de rosca. Tamén experimentamos coa bola de millo, que antes se facía na lareira ou na cociña, metida na boleira.
 Foi unha xornada moi participativa, con moitas ganas de aprender e moitas preguntas, que rematou cun xantar, no que tomamos os propios produtos feitos no día.
A maioría dos ingredientes (leite, fariña, ovos, cebola, coello, polo, chourizo…) foron produtos locais.
Proximamente disponibilizaremos no noso blog as receitas e explicacións dos pasos que se precisan para facer o queixo e o pan ao xeito tradicional.
Dende O Colado do Vento agradecemos a todas as persoas que viñestes a vosa participación: foi un pracer! Agradecementos especiais a Carmen, Manola
 e Ovidio.