Calendario de actividades: primavera-verán 2014 (avance)

Deixámosvos un primeiro avance coas datas dalgunhas das actividades da primavera e verán deste ano 2014.
11 – maio – Visita a Allariz.
18 – maio – Taller de cervexa artesá.
24 – maio – Taller de olería (?).
1 – xuño – Visita a Guimaraes, Portugal.
8 – agosto – VIII xornada á luz da lúa.

Horta de boas prácticas: comeza a tempada 2014

Logo de acondicionar a nosa horta, mañá (sábado, 26 de abril) comeza a tempada de plantación na horta.
Mañá abrirase un bancal e plantaranse porros, berzas, rúcula, acelgas e leitugas.
A cita será ás 17 h en Arxemil, na horta comunal do Colado do Vento.
Para calquera información para novo alumnado, podedes chamar ao 636129233 (Alfonso).

Ruta por San Vitoiro-Covas-Muíño do Coxo (Pobra do Brollón)

* A ruta en Wikiloc (aquí).
O vindeiro domingo, 27 de abril de 2014, imos de ruta de sendeirismo pola Pobra do Brollón.
É unha ruta que dura aproximadamente tres horas con ritmo lento, de dificultade media.
Serán uns 8 km de percorrido, nunha ruta circular que sae de San Vitoiro, pasando por Covas e o Muíño do Coxo.
Sairemos en coches particulares ás 10 h das “casiñas” da Compañía de Monforte de Lemos.
Cada persoa levará a súa comida para xantar ao remate da ruta ao aire libre na fermosa área de San Vitoiro.
Non é preciso anotarse previamente, pero recoméndase que nos avisedes se ides vir no correo coladodovento@gmail.com

Crónica fotográfica crítica da visita á “Gándara Grande”, Baamorto e Fiolleda (Monforte)

– A lagoa da Gándara Grande, nas Lamas, Monforte 
A Gándara Grande (ou Gándara de Arriba) é unha zona de turbeira.
As turbeiras son zonas húmidas con plantas adaptadas á auga nas cales a gran cantidade de materia vexetal morta se vai acumulando en capas sen descompoñense (por baixas temperaturas, falta de osíxeno), formándose a turba.
Na actualidade, está sendo drenada artificialmente, o que impide ver a extensión orixinal da lagoa, e impide que se desenvolva a turba.
Queda unha zona lagoeira, lugar onde se documentan especies propias destes ecosistemas, coma o sapo de esporóns, un anfibio en perigo de extinción.
É un hábitat en perigo, pola drenaxe e por terse construído moi perto dela un centro para a investigación da construcción hoxe abandonado.
A pista pola que se accede é lugar onde existen puntos con vertedoiros incontrolados. Nesta zona, tense dado o caso de queima de desperdicios creando lumes que tardaban moito en apagarse, podendo deberse ao fenómeno dos incendios subterráneos.
O ecosistema da lagoa das Lamas é un medio que precisa especial protección, pois albergan especies naturais particulares e son hábitats moi sensibles ás mudanzas do entorno; son, ademais, espazos que permiten estudar a evolución do clima ao longo da historia.
A sociedade da comarca de Lemos deberíamos conservar este ecosistema único e loitar contra a degradación do seu entorno.

Máis información aquí.

– Igrexa de Baamorto (ver información da igrexa aquí).
Quedan algúns elementos románicos na igrexa de Baamorto. 
A casa reitoral da parroquia de Baamorto ten escudos con cruces da orde de Malta, de cuia xurisdicción foi esta parroquia.
As pinturas murais da igrexa parroquial de Baamorto son un dos bens culturais máis importantes da comarca de Lemos, que a sociedade debería coñecer e preservar.
– Parroquia de Fiolleda.
Arquitectura popular.

Fermosas vistas do val de Lemos.
Monte de San Roque, onde se leva o santo dende a igrexa para a celebración o 16 de agosto.

Carballo de Figueira.

Notas sobre a igrexa de Baamorto

No ano 2005, a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos editou un folletiño para ilustrar a súa visita ás parroquias monfortinas de Baamorto e Valverde.
Aproveitando que o domingo (6 de abril de 2014) imos a Fiolleda e faremos unha parada na igrexa de Baamorto, deixámosvos unhas notas sobre ela, sacadas da publicación citada.

A igrexa parroquial de Santa María de Baamorto (Monforte de Lemos) conserva algún resto románico – canzorros, contrafortes, saeteiras, porta sur con mochetas e arco interior – mais a fasquía actual débese á importante transformación que sufriu a finais do século XVI: cunha nova fachada principal (oeste) e un atrio cuberto columnado que abrangue a fachada principal e o lado sur.
No século XVIII engádese a sancristía, na cabeceira, e unha dependencia no lado sur.
A planta orixinal románica é de unha soa nave rectangular.

O lugar de Palleres, desta parroquia, podería ter dado lugar ao condado pallarense de época sueva. A parroquia foi da xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén (encomenda do Incio).

PINTURA MURAL
Na parede sur da igrexa, protexidas polo pórtico engadido a finais do século XVI, conservouse un conxunto de pintura mural único.
O ciclo de pinturas de Baamorto versa en torno aos derradeiros momentos da vida de Cristo. Organízase en dúas bandas que se len cronoloxicamente comezando dende a parte superior esquerda e rematando na inferior dereita.
Nos paneis, algún moi perdido, recoñécense os seguintes temas:
– a Derradeira Cea
– prendemento no horto das oliveiras
– Pedro cortándolle a orella ao criado do Sumo Sacerdote
– Cristo na casa de Anás
– Cristo conducido ante Pilatos
– a Flaxelación
– a Coroación de espiñas
Xa que logo, atopámonos ante un ciclo da paixón segundo o evanxeo de San Xoán, que quizais se completase no interior cun ciclo do nacemento de Xesús (por exemplo, coma o de Proendos).

“A presenza de arquitecturas, detalles coma a decoración da cátedra de Anás, as perspectivas dos soldados, as vestimentas, así como a decoración de tipo vexetal e fitas que enmarcan as esceas, etc, datan este ciclo na segunda metade do s. XVI. Para (José Manuel) García Iglesias o autor deste importante conxunto sería o chamado mestre de Nogueira”.
VINCULACIÓN Á ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

A casa rectoral de Baamorto conserva tres escudos coa Cruz de Malta, propia da orde de Xerusalén.
Nas comarcas de Lemos e Quiroga, a orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén tivo importante presenza.
BIBLIOGRAFÍA
– “Pinturas murais de Baamorto e igrexa de Valverde” (2005). Texto: César Carnero. Amigos do Patrimonio de Lemos.

Visita á parroquia de Fiolleda

O domingo, 6 de abril de 2014, imos coñecer a parroquia monfortina de Fiolleda.
Sairemos ás 10 h das “Casiñas” da Compañía (Monforte) en coches particulares, para dirixirnos a Fiolleda.
Alí, visitaremos os seguintes elementos patrimoniais artísticos e naturais:
– Lagoa da Gándara Grande.
– Igrexa de Santa María de Baamorto, con restos románicos e pinturas murais exteriores do século XVI.
– Ruta a pé por Fiolleda (4 km), onde iremos ata o alto de San Roque, o carballo de Filgueira, Vilamaior e Fiolleda.
* Aquí podedes ver un paseo similar por Fiolleda.