[crónica] Unha visita ao patrimonio megalítico do Saviñao

Dolmen da Leira Rapada.
O domingo 27 de xullo de 2014 tivemos cita co patrimonio megalítico do Saviñao.
Nas parroquias deste municipio consérvanse evidencias de numerosos elementos megalíticos, por iso o escollimos como localización para achegarnos a este fenómeno construtivo, que se desenvolveu en Galicia dende os inicios da agricultura ata a primeiro milenio antes da nosa era.
Mámoa de Mosiños.
Guiados polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo e coa hospitalidade da Asociación Veciñal do Saviñao, acudimos a tres puntos con elementos arqueolóxicos megalíticos.
Visitamos en primeiro lugar a mámoa de Mosiños, de gran envergadura e con evidencias de ter sido saqueada. 
Aquí Iván Álvarez falounos do fenómeno megalítico – que non cultura, pois é un xeito de construír monumentos funerarios que pervive no tempo ao longo de distintas culturas -, facendo fincapé en que o monumento funerario colectivo é un elemento integrado no entorno, delimitándose o espazo sagrado cun círculo, dentro do cal se chantan idoliños, coma o atopado hai moitos anos no Saviñao por un dos membros da Asociación Veciñal, que gustosamente nos ensinou.
A mámoa de Mosiños é un exemplo de túmulo cuberto de terra, que recoñecemos polo notable abultamento do terreo e polo círculo central que evidencia que foi obxecto de excavacións antigas non profesionais.
Acudimos en segundo lugar ao dólmen de Abuíme, exemplo de estructura pétrea megalítica descuberta, composta na actualidade por cinco ortostatos chantados no terreo, correspondéntes á parte da cámara funeraria. Na zona colindante hai mámoas.
Dolmen de Abuíme.
Finalmente, utilizando un sendeiro circular á sombra das carballeiras – en parte acondicionado por membros da asociación – acudimos ao dólmen de Leira Rapada, estrutura tumular que na súa tapa conserva petróglifos con motivos de círculos concéntricos de gran tamaño. O entorno do camiño, presidido por un castro, é prolífico en toponimia que se pode relacionar con fenómenos megalíticos: O Chantado, Pena Escrita, etc.
Agradecemos moito a Iván Álvarez Merayo as explicacións e á Asociación Veciñal do Saviñao a hospitalidade.

[crónica] Boa música na horta de boas prácticas

Onte, 26 de xullo, pasamos unha estupenda xornada musical que serviu de presentación en sociedade da nosa horta de boas prácticas.
Iria Estévez e Gonzo Piña, na voz e na guitarra, ofrecéronnos un excepcional recital de fado e outras músicas namentras o sol se poñía perto dos Chancís, en Arxemil.
 
Houbo tempo tamén para que Mar Sabater nos explicase a filosofía da nosa horta comunal, que debe saber “que é unha horta”, na que usamos sementes tradicionais, non usamos pesticidas artificiais, botando man de remedios naturais contra as pragas, e na que dispoñemos a terra en bancais profundos, para que non se desgaste. O resultado é unha horta na que os froitos medran vizosos (e saborosos). Ademais, Rosa García Machado leunos un poema adicado á horta.
 
Foi máis dunha hora de música nun entorno natural marabilloso.
Grazas inmensas a Tere e José María pola hospitalidade e loxística.
 

Ruta megalítica polo Saviñao

O vindeiro domingo 27 de xullo de 2014 imos de ruta polos conxuntos megalíticos do Saviñao.
Visitaremos:
– dolmen de Abuíme.
– mámoas de Os Pedrouzos.
– ruta circular por Vilatán (2,35 km), para ver o dolmen da Leira da Rapada. [Pódese ver o perfil e percorrido da ruta en Wiki-Loc aquí].
Saídas (en coches particulares):
– 9:30 h: praza do concello de Sober.
– 9:45 h: praza do concello do Saviñao; dende onde iremos ata os puntos; a ruta farémola en terceiro lugar; é un camiño sinxela e sombiza, sobre todo na última parte.

Xornada horta 5 de xullo e merenda nos Chancís

Este sábado, día 5 de xullo, estaremos de novo na horta do Colado do Vento a partir das seis da tarde. 
É día de  raíz, polo que plantaremos unhas sementes de cenoura que aínda temos pendentes.
Faremos tamén un control dos bancais: pragas, limpeza, e, como non, recolleremos as leitugas, acelgas e fresas que xa estén maduras.

Este día hai unha romaría nos Chancís, polo que temos pensado achegarnos á hora da merenda para tomar alí unhas tapiñas. Xa están comprometidas para levar: unha empanada, unha tortilla e algún dáce; quen queira pode aportar outras viandas ou bebidas que tomaremos alí nos muíños a partir das oito da tarde.