Un percorrido outonizo polo couto do mosteiro de San Paio da Abeleda co “Sorriso de Daniel”

Para a xente de aquén Sil, a Abeleda é lugar de paso e parada no camiño no Castro (de Caldelas), unha estación onde comer e beber ben para continuar a ruta. E dicir Abeleda é dicir viño, que madura de xeito excelente neste val do río Edo, zona onde enseñoraba o mosteiro de San Paio da Abeleda ata que a cobiza da Casa de Alba fixo decaer o seu poder.

As nosas guías foron Carmen, do Sorriso de Daniel, e outras amigas do Sorriso e da parroquia de Abeleda, que nos descubriron á vintena de camiñantes os segredos deste val da Abeleda un 23 de novembro de 2014.
Comezamos o percorrido no campo de San Paio, onde antano se celebrou a festa de Santa Lucía por parte dunha comunidade parroquial viva, a de San Paio de Abeleda, hoxe parroquia anexionada a Santa Tegra de Abeleda. Aquí, fronte ao vello cárcere onde penaban os encarcelados pola xustiza do mosteiro, tomamos camiño cara as adegas pertencentes a San Paio, ata onde chegaban, de entre os viños do val do Edo, os de Idrás, que seica eran os mellores, porque, como di a copla:

“Os viños de Idrás
fan andar aos homes
de diante pa’atrás.”

Xa na igrexa de San Paio, admiramos o inxente traballo de limpeza que fixeron as boas xentes do Sorriso de Daniel e da parroquia de San Paio da Abeleda, recuperando un espazo da nosa historia.
 
A igrexa, románica, conserva capiteis e canzorros ben interesantes e a súa boa factura fixo que permaneza en pé, malia que precise con urxencia unha teitume – polo menos! – para que os elementos non sigan a estragar San Paio. Tanto custa a dignidade para que non se invirtan uns poucos miles de euros nun dos edificios máis deteriorados destas comarcas ribeirás?
Tamén poidemos ver a capela dos señores do Couto, renacentista, na parte norte, e a parte sur da igrexa, dende a sancristía, onde se utiliza pedra de “ollo de sapo”, unha rareza.
O que non puidemos ver foi a portada gótica co pantrocrátor con San Pedro e San Paulo, pois esta parte está en mans privadas e permanece pechada, malia ser un dos fitos máis interesantes do noso patrimonio ribeirao.

Logo das adegas e da visita á igrexa, collemos camiño a carón do río Edo, que figura nos mapas como río da Abeleda porque, din, seica un mestre non lle sabía o nome propio deste afluente do Sil. Chegando ao río, coñecemos os muíños foran do mosteiro, que un deles o aforaran a un veciño de Soutelo e que a Ponte Cabalar, sobre o Edo, unía as parroquias de Santa María da Abeleda (hoxe da Teixeira) e San Paio da Abeleda (de Castro Caldelas). Tamén contan que esta distribución parroquial entre dous concellos das tres parroquias da Abeleda (Santa María, San Paio e Santa Tegra) se xogou nunha timba de cartas.

No lugar de Soutelo paramos na capeliña de Santo Antón, onde se garda a antiga pía bautismal de San Paio da Abeleda, onde se bautizaron as xentes de San Paio ata inicios dos anos 70 (a parroquia foi clausurada en 1972).
Subimos de Soutelo cara O Couto, pasando polo seu curioso Pazo. Foron estes señores quen construíron para se enterrar a capela renacentista da igrexa de San Paio.

Do Couto pasamos por Santiurxo e dalí a Santa Tegra de Abeleda, parroquia á que foi anexionada a desaparecida de San Paio. 
A pequena igrexa parroquial de Santa Tegra garda unha pía medieval e magníficos retábulos barrocos, que se cren relacionados coa inxente herdanza que deixou na zona o que fora na súa mocedade abade de San Paio e logo arcebispo de Sevilla , Rodrigo de Castro Osorio, da Casa de Lemos.

As xentes de Santa Tegra recuperaron a festa da Luz, que fora prohibída en 1936, que se celebra en torno ao 5 de agosto (se cadra a domingo, se non o domingo seguinte) e na que se baila con arquiños de cores e co Coco e a Coca, dous xigantes. Por esta labor recibiron un premio que lles entregarán en decembro deste ano. Parabéns!

Para rematar a andaina, camiñamos ata as fervenzas do Cachón, a ponte medieval de Lumeares – pola que pasou o padre Sarmiento durante a súa viaxe a Galicia, na que pernectou dúas noites en San Paio – e voltamos a San Paio polo camiño do Romeu, quizais antigo paso de romeiros cara este mosteiro da Abeleda, que precisa de todas e todos nós para recuperalo do abandono.
Visitade ao Sorriso de Daniel aquí.

Presentación do proxecto “Atlas do Viño”

 
O 28 de novembro imos presentar o noso traballo sobre a recollida de testemuños do cultivo tradicional do viñedo na D. O. Ribeira Sacra.
Aquel traballo formaba parte do proxecto “Atlas del Vino”, que en Galicia coordinou Isabel Aguirre e que na Ribeira Sacra colaboramos O Colado do Vento.

Aquela experiencia serviu para coñecer moito máis sobre as nosas formas de cultivo tradicional do viño e queremos compartilas con toda a sociedade.

É por iso que vos convocamos o venres, día 28 de novembro, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra, ás 8 da tarde.

http://coladodovento.blogspot.com.es/2011/12/o-proxecto-do-atlas-do-vino.html

Pastel de berenxena e porro

Ingredientes:

Salsa de tomate (feita con tomates maduros, un allo e albahaca).
Berenxenas (4 ou 5 pequenas).
Porros (2).
Cebola (media).
Allo (2 dentes).
Ovos (4 ou 5).
Xamón ou touciño ao gusto.
Queixo para gratinar.

Póchase media cebola cos porros e engádense as berenxenas ata que estén listas.
Por outra parte, tense preparada salsa de tomate.
Póñense os allos nunha sartén e dóranse.
Engádese xamón en cachiños, engádeselle as berenxenas, o porro e faise moi despacio, para coller o gusto do allo e o xamón.
Bátense 4 ou 5 ovos e mixtúranse coas verduras e engádeselle unhas culleradas de tomate.
A esta mixtura engádese pementa, albahaca e pirixil, ao gusto.
Métese todo no forno e ponse unha xenerosa capa de queixo por riba.

Tarta de crema de marmelo

Esta tarta é apta para celíacos e, de paso, para todas aquelas persoas que prefiran non sobrecargar nin o seu peso nin o seu estómago sen perder o placer do gusto. Ademais, é moi sinxela de facer.
INGREDIENTES
– Un paquete de galletas sen gluten.
– Leite de avelá ou améndoa ou de soia.
– Azucre moreno.
– Canela.
– Sésamo.
– Avelas ou noces para adornar.
– Comporta de marmelo.
Nun molde de forno póñense as galletas (mellor dúas capas).
Quéntase medio vaso de leite e engádenselle dúas culleradas de azucre e espolvoréase xenerosamente con canela. Revólvese e vértese sobre as galletas, empapándoas ben, e esmágase un pouco.
Sobre esta base, exténdese a compota ou marmelada de marmelos, que se fai con catro marmelos limpios de pel, cortados en cachos pequenos e deixándoos cocer con dúas culleradas de azucre morena revolvendo forte (uns 20 minutos, segundo a madurez da froita).
Sobre a compota espolvoréase o sésamo e o azucre e adórnase con noces e vaelás.
Métese todo no forno gratinando un cuarto de hora a 250 graos.

Ensalada de remolacha e rúcula

Cócense unha ou dúas remolachas unha ou dúas horas, coa metade das súas raíces e rabos de follas para que non perdan cor.
Cando arrefría, trocéase e engádeselle rúcula, unha presada de noces, queixo fresco e tomates cherry. 
Engádeselle, un pouco batido, aceite de oliva virxe mixturado con sal e vinagre de Módena.

No momento de servir, engádense pétalos de caléndula e flores enteiras de capuchina, de sabor suave e lixeiramente picante coma a pementa e con importantes propiedades para a saúde.

Arroz con verduras da horta

O arroz elixido foi un arroz integral (facultativo).
Cócese o arroz en abundante auga o tempo que precise o tipo de arroz. Neste caso, corenta minutos a lume lento, tapado e con sal. 
Cólase o arroz e resérvase.
Pícanse as verduras e vanse incorporando nunha sartén ampla, por esta orde: cebola, allo, porro, pimento verde e vermello. Déixanse pochar un chisco e despois incorpóranse: cenouras, berenxena, acelgas coas súas pencas cortadas miúdo e abundante pirixil. Déixase dun cuarto de hora a vinte minutos dándolles voltas de cando en vez.
Pásase a incorporar o arroz, que se saltea coas verduras.
Engádeselle un pouco de paprika ao gusto e tamén se lle pode engadir un pouco de comino. Corríxese de sal. 
As verduras poden variar segundo gustos e tempada.

Entrantes de “insectos”

Trátase de poñer un chisco de imaxinación e preparar unhas visuais bandexas de canapás de bichos.

Sobre unha base de pan torrado, exténdese queixo de untar; sobre este, pode agregarse unha loncha de salmón afumado e logo, para facer os diferentes insectos: tomates cherry, aceitunas…

Para os caracois pode usarse salmón e unha loncha de queixo.

Os ovos están recheos da súa propia xema e con maionesa e paus de caragexo. Para preparar a forma de arañas, úsanse olivas negras.

Tarta de marmelada de “chayota”

INGREDIENTES
– Masa de hoxaldre.
– Crema pasteleira.
– Marmelada de chayota (mazá ou outra froita)

PREPARACIÓN
Untar un molde con manteiga, colocar nel a masa de hoxaldre e sobre ela a crema pasteleira. Para rematar, superpoñer a marmelada e cocer a tarta.