Roteiro poético

O domingo, 12 de abril de 2015, realizamos unha andaina pola parroquia de Barantes.
Ademais da súa fermosa paisaxe debruzada sobre o Sil, teremos unha xornada poética nas terras de Ramón Sandoval, da Arriba.
Así, convidámosvos a participar coas vosas composicións poéticas nas catro paradiñas que faremos ao longo da ruta.
A ruta imos comezala no cruce de Barantes de Riba. Quedamos alí ás 10 da mañá, pois temos sitio para deixar os coches aparcados.
A primeira parada poética será na igrexa de Barantes.
Logo, seguiremos andando ata O Bouzo, cunha fermosa vista sobre a ribeira. Aquí faremos a segunda parada.
Despois, camiñaremos ata a croa do Castro de Vilanova, onde faremos a terceira parada poética.
Dende o castro, iremos ata o lugar da Arriba, lugar de natal do Ramón Sandoval, onde teremos a parada poética que dará peche á xornada, dende onde retornaremos ao punto de orixe.
A ruta completa levará unhas tres horas. É moi sinxela de camiñar.
Non é preciso anotarse, salvo que desexedes xantar despois en Sober, día de feira, para o cal tedes que enviar un correo a coladodovento@gmail.com antes do venres día 10.
Punto de quedada: aquí.

Paseíño comentado á Pena do Castelo

Dende Doade podemos achegarnos á Pena do Castelo, a penas a 1,5 km do cruce coa pista de acceso a este curuto rochoso.

No cruce de Doade, na estrada Monforte – Castro Caldelas, hai que coller dirección á Adega Algueira e pouco antes está a pista de acceso á Pena do Castelo.

Accédese en coche ata a metade da ruta, pero o ideal é ir camiñando todo o treito, cun sendeiro limpo e cómodo.

No inicio da ruta, á esquerda segundo camiñamos cara o Castelo, atopamos o que queda do Souto de Valgüaire, castiñeiros centenarios que sobreviven nunha plantación de piñeiros.

Pronto iremos vendo que nos atopamos diante da zona da Teixeira.

E divisaremos á dereita a zona de viñedos aterrazados con maquinaria da adega Regina Viarum.

Atopámonos na parroquia de Doade, a meirande e a máis oriental das que agrupa o Concello de Sober.

O Castelo é un curuto rochoso a 624 m sobre o nivel do mar, cunha fortísima pendente sobre o río Sil.

A Pena do Castelo é un dos castros catalogados en Sober. Conta con foxo defensivo e nel atopáronse restos de época romana.
Nas inmediacións atopábase unha capela a San Amaro, sen que se determinase o lugar desta. En 2004, rematou a construción, ex novo, no propio castro, da capela actual a San Mauro, respectando as formas construtivas e materiais da zona.

No lugar situábanse lendas de mouros, que “van beber á Fonte de San Xermunde”, perto do Castelo. “Fonte de San Xermunde, fonte de ouro”, din as lendas, como tamén recolle Arias Sanjurjo en 1914.
O propio Castelo está inzado de lendas: alí había un “pucheiro de ouro” e “vivían os mouros”.
Foi outro mouro distinto o que guindou un pobre burro da Pena do Castelo berrándolle ao señor Manuel, que andaba na Tapada do San Amaro: “Escape, tío Manuel, que aí vai o Mouro!”
Pola Pena do Castelo pasa a ruta PR-G 157, que une Doade con Augas Mestas, que tamén pasa pola Fonte de San Xermunde.

Mapa coa localización da Pena do Castelo: aquí.
Información sobre a PR G 157: aquí.

Horta: 5 de abril

Como esta fin de semana é a Feira do Viño,non haberá horta, así que quedaremos para o domingo 5 de abril.
 

Coma sempre, ás 16:30.

Abriremos máis bancais e plantaremos as zenouras, pois é día de raíz.
De todas formas, as de Sober podemos pasar a revisar a horta o domingo 28 pola tarde, porque habería que botarlle algo de material vexetal ao novo compost.

Unha visita ao Ecomuseo de Arxeriz

O 22 de marzo de 2015 visitamos o Ecomuseo de Arxeriz, un espazo de interpretación da cultura ribeirá.
Conducidos por Daniela, a guía do Ecomuseo, coñecimos que a “casa dos escudos”, unida en U coa “casa do patín”, xunto coa capela, teñen orixe no século XVII.
Este conxunto pasou ao coñecido “Xan de Forcados” – Juan López Suárez -, que puxo en marcha en 1933 a pimeira granxa leiteira de Galicia – Granja Argeriz -, que logo pasou a ser Larsa en 1947.
Quen comezou a restauración do pazo de Arxeriz foi o seu descendente Xosé Soto Rodríguez, de quen recibe o nome a Fundación Soto de Fión, rexente do Ecomuseo.
Na cociña, con lareira, vimos curiosidades como a “cantareira” ou “cantareiro”, moble para dispoñer as cántaras.
“cantareira”
No sala grande coñecemos pezas saídas do castro de Arxeriz, que se comezou a excavar no ano 2013. Datado entre o s. IV e o I a. C., non se atoparon materiais de adscripción romana e non hai evidencias de abandono traumático do sitio de ocupación. Ademais de muíños e morteiros atopáronse dúas fíbulas e fusaiolas.
Na visita ao castro puidemos comprobar os espazos descubertos polas campañas de excavación e o seu emprazamento debruzado sobre o Miño fronte ao Cabo do Mundo, co castro da parroquia de Nogueira de Miño, en Chantada, xusto en fronte.
A finca de Arxeriz ten 35 ha e está repoboada con bosque mixto e bosque autóctono. Dende a solaina do pazo contemplamos a plantación de videiras autóctonas e o pombal.
Na sala adicada á interpretación da paisaxe e territorio ribeirao observamos os traxes do entroido ribeirao e unha coroza labrega, elaborada por un paisano da zona.
Antes de pasar á sala relacionada cos traballos do viño, topamos unha “pipa carrela”, chamada así por ter a mesma lonxitude que o carro, que se usaba para transportar o viño ou, como sinalou o Quintín, para carretar auga dende a fonte a un alxibe da casa.
Observamos na sala da viticultura instrumental semellante ao usado en Sober tradicionalmente, salvo os pelexos de cabra, propios da ribeira do Miño, que aí servían para transportar o viño xa feito na caseta da ribeira cara a adega. O pelexo sacábase dunha peza do animal e a parte do pelo, que ía por dentro, impermeabilizábase con pez.

Na sala da cultura fluvial puidemos observar as artes de pesca e distintos tipos de barcas, testemuños dun mundo ribeirao asulagado polos encoros, neste caso, o de Belesar, o encoro meirande de Europa cando foi construído (1957 – 1963). En lembranza deste mundo mergullado, un mapa cos lugares perdidos ou a imaxe de Manuel Serodio, o derradeiro barqueiro desta zona do Miño, que cruzaba dende a Barciela cara a outra beira.

Dende o Colado do Vento agradecemos a Daniela o seu bo facer e a José Antonio Quiroga o convite ao museo.

3ª xornada horta 2015: sábado 21 de marzo


A terceira xornada da horta consistirá en seguir limpando bancais.


Toca engadir masa vexetal ao compost que preparamos hai 15 días.

Facer o caldo de ortiga.

Como é día de folla, vanse plantar leitugas.

Quedamos o sábado 21 a partir das 16:30 h na horta de Arxemil.

Visita guiada: Ecomuseo de Arxeriz

O domingo, 22 de marzo, pola mañá, visitaremos o Ecomuseo de Arxeriz, asistindo a unha visita guiada polas súas salas e o castro.

A visita comeza ás 12:30 h no museo, polo que quedamos nos seguintes sitios (en coches particulares):

– Sober: diante da Casa do Concello ás 11:50 horas.

– Ferreira: na rotonda ás 12:05 horas.

– Ecomuseo de Arxeriz: ás 12:20 horas.

Non é preciso anotarse.

Volveremos para xantar na casa.

Páxina web da Fundación Soto de Fión e do Ecomuseo:

http://www.sotodefion.org/principal.htm

Horta do día 15 de marzo de 2015


Para a segunda xornada de horta quedamos o domingo, día 15, ás 16:30 h.
– O principal do traballo do domingo é comezar coa limpeza dos bancais.
– Hai que colocar o calendario lunar e o esquema dos cultivos debaixo do depósito de auga.

– Hai que preparar o compost para telo listo para cando sexa hora de botalo.
Hai que levar uns sacos para gardalo.

– Facer o morteiro: traer dúas caixas de porexpán e area.
– Facer o té de ortiga.

Crónica (subxectiva) do encontro con Xurxo Ayán sobre a Ribeira Sacra: un problema non só de relato

* Crónica de Paula Vázquez Verao.

O venres, 27 de febreiro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, edificio do antigo Concello de Monforte, Xurxo Ayán, “neto de indíxenas” pronunciou a exposición titulada “Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) comunidade(s)”. A solemnidade do formato non foi obstáculo para abrir un debate irreverente, polémico e que buscou ir ás raiceiras da situación de decadencia socioeconómica das terras lemavas.


Cun auditorio desbordado pola asistencia quedou claro o interese social da temática: a poboación das comarcas da denominada Ribeira Sacra quere ser parte da decisión sobre a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, o que significa que quere decidir que tipo de sociedade quere ser.

Dende O Colado do Vento, precisamente, impulsouse este debate público por considerar que é necesario dotarse de espazos de intercambio real de ideas por parte da cidadanía, pois, de non existir dinámica social de debate e participación sobre o modelo de sociedade que queremos, o modelo será imposto, irremediablemente.

A asociación convidou a Ayán por coincidir no desacordo co modelo de xestión do Patrimonio, afastado da implicación das comunidades locais, na crítica do relato hexemónico – institucional e turístico – sobre este territorio e na vontade de exercer de cidadanía consciente.

O caso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é un exemplo de proxecto impulsado dende as institucións (as Deputacións de Ourense e Lugo) que non contou coa poboación máis que para rular un autobús recollendo sinaturas polas vilas, descoñecendo a xente deste territorio tanto o documento técnico da candidatura que está a elaborar a USC coma as implicacións da declaración Patrimonio da Humanidade.

Analizou Ayán que existe neste territorio de Lemos “unha estratexia de resistencia indíxena”, que se expresa no mantemento de costumes e do hábitat disperso que se resiste a amoldarse ás uniformidades dos estados contemporáneos. Coa Ribeira Sacra pode suceder – ou sucede xa – o que Xurxo Ayán comentou sobre Ancares: unha construción artificial coa que as diversas comunidades de tan extenso e diverso territorio non se identifican.

E é que as paisaxes, como construción ideolóxica e política, non son obxectivas, constrúense cun determinado relato. Así, a da Ribeira Sacra adórnase dun misticismo decimonónico, “plagada de Panoramix e meigas”. Trátase dun relato inzado de invencións e incorreccións que se introduce nas páxinas e publicacións institucionais, sen ter en conta os avances na investigación histórica. Por exemplo, non tiveron incidencia no relato hexemónico da “Ribeira Sacra” os temas e conclusións do congreso Home (sic: nótese a ausencia reiterada da muller no relato histórico), auga e paisaxe na Ribeira Sacra (resumo aquí), organizado polas propias administracións que logo editan os folletos informativos.

Un territorio con abondo historia como para non termos que inventar, moito menos financiar esas invencións e despropósitos históricos con cartos públicos. Exemplos como o “castro celta dos Brigantes” sinalizado en Santo Estevo e que resulta ser unhas ruínas dun forno é o paradigma do despilfarro e a ignorancia. No entanto, non houbo financiación para continuar a excavar os interesantes castros de San Vicente (Monforte), dos Penedos do Castro (Luíntra) ou da Xabrega (Sober), permitiuse unha “rehabilitación” (entre aspas) desastrosa do mosteiro de San Vicente e do pazo condal (Monforte), cae a cachos San Paio da Abeleda (Castro Caldelas) ou o edificio anexo a San Paio de Diomondi (O Saviñao) leva esborrallado anos.
Sinaléctica do falso castro de Santo Estevo. Foto: Xurxo Ayán.
San Paio da Abeleda sen tellado.
O relato histórico é unha construción política e, neste caso, o que domina actualmente na RS responde a un modelo de desenvolvemento turístico que non ten en conta ás persoas que habitan e traballan o espazo. Priorízase a romanidade case como mito fundacional, coa teima do viño de Amandi en Roma, unha historia que parte dunha confusión histórica, mentras non se introduce globalmente no relato a explotación industrial romana do Courel e Quiroga (por certo, como sinalou Xurxo Ayán, a mina de Os Medos, cun sistema de produción aurífera único en Europa, foi destruída por un campo de fútbol e… por unha fábrica de biquinis que nunca funcionou). E, ao tempo que este patrimonio romano se destrúe (numerosas villae e castros) fináncianse reconstruccións de calzadas romanas con fondos europeos. 

E non só: véndese a estética románica sen preocuparse pola conservación das igrexas e ocultando que a maioría dos templos son recreacións posteriores ou/e pastiches de moitas épocas; fálase de bruxas e de Xúpiter fendendo o canón do Sil mentras se deixan perder as lendas e relatos das comunidades que traballaron as ribeiras e que poden nomear cada recuncho das súas abas, cotarros e colados; preséntase a paisaxe como “virxe” e “sublime” sen resaltar que estamos ante unha paisaxe eminentemente “antropizada”, coma toda a galega, e ocultando o relato da “colonización franquista”, presente nos encoros – construídos con man de obra exclavizada, presos políticos – ou nas obras de regadío da comarca de Lemos, “inspiradas nun modelo da Italia mussoliniana”. Modelo este, por certo, que resultou un fracaso, como se comproba nos índices de emigración das comarcas da Ribeira Sacra ao longo do século XX. Así, esquécese este patrimonio industrial (o poboado da Chaira, todo o relacionado co ferrocarril…) – con excepcións coma a Fábrica de Luz de Parada de Sil -, apoiándose no cal “se pode explicar a historia galega do século XX”. De todo isto nos falou Xurxo Ayán.

Atán, igrexa “pastiche” de distintas épocas.
Inauguración dunha calzada a modo romano na Adega Regina Viarum. Foto: A Cantina.

Deste relato tópico e promocionado polas institucións quedan ocultas as mulleres, a xente humilde, a loita de poder, as inxustizas… Por exemplo, a presentación idílica dos socalcos (ou muras, ou pataos…) esquece que estamos ante unha gran obra de explotación feudal do territorio. Así, cre Ayán que seguimos “nun modelo turístico nacido nos anos 60, do Spain is different, folcklorizante”, continuado na “reconversión rural” do fraguismo e no modelo de turismo rural financiado con fondos FEDER, o modelo dos iates e de “Galicia como embarcación de recreo”, que se reflexa, a xuízo de Ayán, no feito de que a oferta turística da zona se centrara nos catamaráns. Catamaráns onde se lles explicou aos visitantes que podían ver a silueta dun indio americano nunha pedra sen explicarlles o que son os inchadoiros ou sinalarlles os puntos romanos de control dos pasos do río, só por poñer dous exemplos.

O catamarán pasando por Chanteiro.

De cara á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, Ayán amosouse crítico polo feito de que as mesmas institucións e políticos que están promovendo a candidatura sexan as mesmas que destruíron patrimonio e permitiron o desbaldimento de cartos públicos. Ademais, cre que a UNESCO non vai aceptar a candidatura na medida en que persiste o descoido do patrimonio, a deliberada ocultación da lingua propia das comunidades da zona – o galego -, a falta de recoñecemento da parroquia, unidade social básica, o proxecto de autovía A-76, e o desinterese porque a poboación da zona se implique no deseño das estratexias territoriais e culturais.


Neste sentido, Xurxo Ayán identifica a construción do concepto Ribeira Sacra (denominación xurdida coa propia DO vitícola) “nun contexto político no que se deseñaron estratexias destinadas a captar fondos europeos”, os fondos estruturais da UE usados en proxectos fallidos e política errática en moitos casos.

Imaxes promocionais da Ribeira Sacra. Consorcio de Turismo.

En contraposición, Ayán propón un “patrimonio das comunidades”, unha sociedade que participe nas decisións, o apoio á investigación en I+D+i ou o control do patrimonio baixo xestión pública e participación cívica.

En resumo: é necesario que o patrimonio se poña ao servizo das nosas comunidades, das persoas “indíxenas”, e que o relato sobre o que somos inclúa ás xentes que habitaron e habitamos este territorio. Citando a Ayán, é preciso que “as xentes do lugar non queden fóra do discurso nin da toma de decisións” e que se comprenda que a sociedade da zona hoxe, século XXI, é “multiétnica” e complexa.

Fronte a esta realidade rocambolesca, penso que dende O Colado do Vento debemos continuar co debate porque o que sucedeu en Monforte o pasado venres 27, que poucas veces tiña acontecido, unha confrontación pública crítica sobre o tipo de sociedade que queremos ser, é unha das claves de que as xentes das terras lemavas poidamos continuar a vivir nestas con dignidade.

* Crónica de Paula Vázquez Verao. As opinións verquidas neste artigo non teñen porque coincidir coas do Colado do Vento. As fotos, se non se indica a fonte, son da autora.

Para saber máis pódese consultar o artigo de Xurxo Ayán na publicación El pasado en su lugar, que se pode consultar aquí.

Sinaléctica popular en Pantón.