Mini e Mero, horta e sendeirismo

Informamos a todas as socias e socios das vindeiras actividades e da data definitiva da ruta de sendeirismo por Doade.

– sábado, 2 de maio: a Asociación “Proencia” organiza un corcerto de Mini e Mero.
Ás 7 da tarde na Casa da Cultura.
Entrada gratuíta.

– domingo, 3 de maio: xornada da horta en Arxemil.
Coma sempre, quedamos ás 6 da tarde. Este fin de semana plantaremos as cebolas.

– sábado, 9 de maio: ruta de sendeirismo Vilar de Mouros – Doade.

Quedamos ás 16:15 h na praza de Doade (fronte á Cantina) para ir cos coches a Vilar de Mouros. Dende alí, faremos a ruta de 11 km aproximadamente e, ao remate, haberá uns pinchos, para os que é preciso anotarse antes do venres 8.



Queda pendente de data a ruta polo románico de Carballedo.

Unha aperta.

Guxeva, na burata da vida longa

* Colaboración de Xosé Lois García.
 
Non hai moito que unha web facilitou votar o nome mais orixinal dunha aldea do concello de Chantada. Das 266 aldeas espalladas polas 36 parroquias que compoñen este municipio, o topónimo da aldea agraciada foi Guxeva, acochadiña, recollidiña no colo celmoso da nosa ribeira miñota, na parroquia de Santiago Darriba -como a denominamos os chantadeses- mais a podiamos normalizar como Santiago de Riba, tal como aparece nun documento de 1094, Sanctus Iacobus de Ripa. E noutro de 1309 como Santiago de Riba.
Verdadeiramente Guxeva é un nome delicado e sonoro que apetece ir ás orixes do mesmo, e ninguén mais que o noso excelente rigorista en toponimia como é D. Nicandro Ares Vázquez que revela o seguinte: “Guxeva procede do xinecónimo godo Gudigeva”. Gudixeva foi nome feminino moi común entre a nobreza galega dos séculos X e XI. Unha sobriña de S. Rosendo tiña ese nome.

Guxeva é o único e xenuíno topónimo que hai en Galiza. Un nome ben antigo para un recuncho de terra acazapado ás orelas do Miño, que non se fai visíbel desde a cimeira da estrada de Nogueira de Miño nin desde as rentes do río. Caxato en mao e cámara fotográfica ás costas, trepei corredoira de ribeira desde a ponte de Belesar por unhas paraxes de viñas, soutos e carballos druídicos. A verba poética no cantar dos regueiriños de ribeira; vimbios a danzar ao son do ar e servindo de coral, nunha espesa vexetación que nos libera. Por esta inmensa soidade implora un sentimento panteísta, nunha tarde de sol que aloumiña o río con danzarinas cores que cativan o ollar.

Florecen as cerdeiras e os pexegueiros; as cepas xermolan froito, ben atadas ao vello uso con vimbio groso á estaca que conforma unha escultura cambiante até a chegada da vendima. Os espazos de Guxeva están ben partillados e en comedidas cortiñas para producir viño e hortalizas. Os primeiros froitos que acugulan a praza da vila diariamente e nos días de feira, veñen da ribeira e seus produtores que denominan rianxo. Á nosa ribeira non entra o arado, só o sacho, eixada e legón que temperan as maos áxiles e ásperas de mulleres e homes de suor a cachón que se converte en sorriso fraternal.

Na entrada de Guxeva, pola banda norte, un can vén cara a min e sube todo contento e expansivo, mentres unha voz feminina advirte: “Non lle fai nada, é un cadelo novo e gústalle brincar”. Serviume de compañeiro polo rueiro de Guxeva. Todo silencio, parece que só viven cinco persoas, mais a decadencia do noso rural, aquí non é declive. Aínda que se manifesta o deterioro do cal, reluce o branco, en casas de fartura que exhiben soleira e balconadas. Casas a feitura do que se consume e do que é excedente, con adegas enormes que recenden ao que a videira ordena. Pallares de barrotes para secar herba e palla: a medida xusta do que se precisa conservar para a mantenza de gando groso e de miudanza.

En Guxeva percíbese o prodixio dunha terra fértil, envolta e tapizada por unha paisaxe incomparábel, que tempera a súa personalidade individualizada, tan súa e tan soia como ofrenda das divindades. A imaxe que nos dá esta aldea é comparábel a aquela terra de promisión que encontramos no libro de Deuteronomio 8, 7-9: “Olla que o Señor, o teu Deus, vaite levar a un país bo, terra de regueiros de auga, de fontes e piagos que saen das veigas e das montañas; terra de trigo e de cebada, de viñas, de figueiras e de romaceiras, terra de aceite e de mel; terra onde has de comer o pan á mesquindade, onde nada che faltará”.

O cadelo e mais eu percorremos Guxeva sen ver a ninguén mais que a señora da advertencia. A demografía aquí tamén está de rebaixa, aínda que unha casa de estrea, con vistas ao Miño e ás terras de Diomondi e Mourelos, no Saviñao, testemuña a presenza identitaria do que non debemos perder: o herdo de tódalas emocións posíbeis ilústranos neste recuncho paradisíaco coa presenza activa dunha cultura e, aínda, dun espazo cultual que nos xustifica ser galegos e amar esta terra pródiga, aínda en súas decadencias. Guxeva ben merece unha camiñada, unha reflexión e, como París, unha misa.

Memorizar a desfeita

Artigo de Xosé Lois García, publicado en Galicia Dixital, sobre a abandonada aldea de Bexán, na parroquia de Diomondi.
Bexán pode ser a viva testemuña dunha desfeita anunciada que paulatinamente incrementa o desastre, xa se ve que non hai volta atrás para recuperar a identidade do que foi esta enorme aldea ribeirá do Saviñao, na parroquia de Diomondi. Unha aldea viñateira nos rentes do río Miño, modelada e erguida no ritmo da pendente, desde onde albiscamos unha das belezas paisaxísticas mais interesantes de entre lindes do Saviñao e Chantada.
Bexán fica no insólito silencio do despoboamento que soporta a nosa Ribeira Sacra luguesa. Esta realidade contrasta co seu pasado histórico e, até non fai moito, era un dos lugares con maior poboación de Diomondi que se dedicaba ao coidado das viñas e á elaboración dos diversos produtos vinícolas. Os longos viñedos apuntalados nese tecido de muradas, onde as vides retortas e centenarias testemuñan a longa historia de vivencias e irmandades dunha terra que moldeou á súa feitura a toda unha liñaxe de ribeiraos que a fixeron produtiva, agrandando o misterio que en tantas cousas creativas se manifesta.

Bexán forma parte do milenario herdo que no século VIII fomentou o bispo Odoario desde Diomondi, centro de repoboación destas ladeiras miñotas converténdoas en terras produtivas deses maxestosos e opulentos viños que ían acugular as adegas do bispado de Lugo. Este foi un espazo de prelatura e de monxes bieitos, transmisores dunha cultura viñateira que propiciou esa idiosincrasia e un xeito de facer as cousas en convivencia solidaria. Non podía ser doutra maneira, o medio esixe convivios entre a veciñanza, así o mostra a estrutura desta aldea, feita á medida de súas necesidades e hábitos.

Bexán garda a súa historia neses documentos de plebe, de foros e prebendas lucrativas que antano tiña seu dominio o bispado de Lugo. Un feudo de servos con ideas e inventivas que coñeceron drástica pobreza e austeridade. E nese ámbito crearon cousas nobres das que se nutre a nosa cultura que modelou país, aínda que seus autores fiquen no anonimato, mais en Bexán tódolos ámbitos esclarecen esa presenza.

Bexán é un lugar viñateiro que foi flor de ribeira recendendo a savia humana; ben fixado nunha valgada soleada que deixa mirar seu ímpeto de tempos idos desde a outra banda do río, da ribeira chantadesa de Santiago Darriba. Desde este lado sempre me apeteceu visitar a este agrandado lugar que atrae seu doce candor como panal de mel.
Tiña curiosidade de pisar Bexán e alá fun, e encontreime coa desolación, con casas abandonadas e caídas. Os espazos de Bexán proclaman cataclismo, nun microcosmos que admite a fuxida dunha poboación que sustentou este pobo de rúas estreitas, de carreiriños e escaleiras de ribeira, con teitumes derrubadas, fiestras en soidade, pedras desobedecendo as normas arquitectónicas erguidas por simples maos que teceron e engrandeceron, con beleza e simplicidade, estes espazos que en tantos momentos foron paraíso inmortal, para finar dunha maneira súbita e tráxica.

A emigración, as carencias de labregancia, a economía de mercado provocaron a espantada, a fuxida do que se ama. O panorama de Bexán é terríbel, un can a ladrar atado á porta dunha casa, talvez, a visiten o fin de semana. Outra casa branca como a capela de Santo Antonio, que aínda relocen o esplendor que tiña o lugar. Esa reminiscencia obrígame a ir polas reviravoltas das calexas e entre paredes fendidas que anuncian a totalidade do desastre. Ningunha idea, ningunha mao xenerosa é capaz de reconstruír todo un escenario que deu vida propia a Galiza. Un lugar que aínda pode rexurdir e volver a ter vida propia. Debe! De momento un pechar de ollos, fronte a unha fiestra estragada, convertida en arte tráxico do que consentimos e do que nunca tiña que suceder.

Sendeirismo entre Vilardemouros e Doade: cancélase a data do 25 de abril por choiva, pendente de data

Imos facer un tramo de 11 km da fermosa ruta Doade – Augas Mestas, PR G – 157, deseñada polo Colado do Vento.
O tramo que faremos é de Vilardemouros ata Doade. 
As persoas que o desexen poden facer a ruta enteira, pero non garantimos que esté toda limpa. A asociación revisou e desbrozou o tramo Vilardemouros-Doade, pero foran os Concellos polos que discurre quen se comprometeran a manter a ruta en condicións.
– saída: 16:15 horas
– punto de encontro: Doade (praza)
[quedamos en Doade para distribuírnos nos coches para ir a Vilardemouros e saír andando dende Vilardemouros non máis tarde das 16:45 horas]
– ruta de sendeirismo de 11 km aprox
– tramo de escaso desnivel salvo un pequeno tramo do final; dificultade media
– correctamente sinalizada
– elementos de interese: paisaxe, muíño do López, núcleos dos Palleiros e O Colado, Fonte de San Xermunde, Pena do Castelo, núcleo de Doade.

Non é preciso anotarse para a ruta, pero sí para os pinchos do remate; ao remate haberá un pincho en Doade, para o que as persoas non socias aboarán 5 € se desexan quedar.

Para a volta, as persoas do Colado levaremos ás persoas conductoras ata Vilardemouros, onde quedaron os coches.

Crónica audiovisual do roteiro poético por Barantes

Foi unha mañá de abril marabillosamente primaveral esta que pasamos por Barantes.
O obxecto foi facer un roteiro en torno aos lugares de inspiración da poesía de Ramón Sandoval, ao que acompañaron outras amizades poetas e coa xente de Barantes que se quixo achegar.
No Bouzo.
Comezamos na igrexa de Barantes, cunha peza de gaita para “os ancestros” e lectura poética, a de Sandoval do libro Territorios Estraños.
Camiñamos ata o Bouzo, dende onde se divisa a zona de viñas de Lobeiras e San Tomé, onde había unha capela.
No Bouzo, ademais de rememorar Sandoval a infancia en Barantes, con varias composicións, recitaron Mar Sabater, Rosa García Machado, Francisco Aldereguía e Carlos Rafael, e interpretouse Fincas en propiedá, con letra de Sandoval que fala de lugares da zona onte paramos, musicada polos Parentes.

 
A seguinte parada poética foi no Castriño, impresionante castro da parroquia de Barantes, sobre o Sil.

 
Para rematar, o recital de despedida foi na Arriba, lugar de Ramón Sandoval, fronte á súa casa natal.

Outro xeito de achegarnos a unha parroquia, aos camiños da ribeira e ás nosas paisaxes de encantamento.

5ª xornada de horta: 11 de abril

Esta fin de semana temos unha actividade de sendeirismo poético o domingo pola mañá, pero non podemos descoidar a horta.

O domingo pasado limpamos e preparamos o bancal das cenouras e plantamos dúas melocotoeiras, ademais de regar.

Imos facer dúas quedadas, aínda que a principal é o sábado.

– sábado, día 11: ás 18 horas. 
Limpeza das herbas dos pés das framboeseiras.

– domingo, día 12: a partir das 20 horas.
Achegarémonos dúas persoas a plantar as cenouras.
O domingo xa está cuberto, non é preciso asistir.

A seguinte xornada debería ser o 26 de abril para plantar leitugas roble e trocadero e 50 puerros.
Hai que mercar as leitugas e os puerros, pero iso con vistas ao día 26.

Ademais, informámosvos que xa están listas as camisetas da horta, das cales ás persoas que traballastes e traballades na horta as tedes de agasallo; para o resto de persoas socias estarán á venta.