A caza do Patrimonio por Sober: crónica da xornada

O domingo, 21 de xuño de 2015, a xente da Asociación O Colado do Vento achegámonos a distintos puntos con elementos patrimoniais en Sober coa finalidade de coñecer e divulgar o noso Patrimonio, así como analizar o estado de conservación e comprender o entorno no que se sitúa.
Esta xornada de “cacería” do Patrimonio foi secundada por unha vintena de persoas que nos axudaron a recoller información e forografías de cada sitio, a fin de subir os resultados da pesquisa ao catálogo social do Patrimonio galego (www.patrimoniogalego.net), tarefa que iremos facendo ao longo do mes de xullo.
Na tarde do domingo, variando un pouco o programa previsto, achegámonos aos seguintes elementos:
Foto: Carlos Rueda.
1. Na parroquia de Millán visitamos:
– Pena de Santa Apolonia.

Non catalogada como elemento arqueolóxico, considerámola elemento etnográfico de grande interese. Trátase dun afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se lle atribuían propiedades sanadoras dos males de moas, pois nas penas contiguas a tradición di que se agochou Santa Apolonia da persecución pagá.
Vázquez Seijas sinalara que semella un animal deitado.
– Coviñas do Monte do Cura

 Petróglifos xa catalogados, con coviñas e sucos sobre unha pedra que foi mutilada.

Atópanse nun altiño, o Monte do Cura, cara o NO, fronte ao monte de Santo André.
De ambos elementos hai referencia de Vázquez Seijas no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo.
No entorno, atopamos a Fonte das Bruxas – hoxe destruída polo campo de fútbol – , Fonterdá, fonte curativa dos males estomacais, ou a Pena de Belán.
2. Na parroquia de Proendos coñecemos:
– Necrópole medieval de Proendos.

Lugar contiguo á zona da casa rectoral onde apareceron sepulturas con laxas de lousa e campás tipo cencerro, xunto con elementos cerámicos. Unha destas laxas está no Museo Provincial de Lugo.

Xacemento xa catalogado.
– Inscultura romana no muro do igrexario, partida e deteriorada.
– Petróglifos do Xestal (I e II).

Foto: Carlos Rueda.

Penas con petróglifos na finca do Xestal, xa catalogadas.

Unha delas cun gran motivo con 8 círculos concéntricos e unha coviña central; a outra con sucos, coviñas e círculos concéntricos continua pola pena que hoxe cobre o muro de peche da finca e a terra do outro lado do muro.
Pese a tratarse dos motivos máis coñecidos e espectaculares de Sober, as penas non son visitables.

Foto: Carlos Rueda.

Ademais, observamos o pombal, situado no antigo xardín dos curas de Proendos; sobre a laxa na que se asenta, atópase un petróglifo.

Camiñando polo núcleo de Proendos fomos debullando os elementos de época romana que se sitúan nas casas do lugar: unha ara encastrada nun muro, un trisquel, columnas, canalizacións… Así como unha pedra con cruces de época indeterminada. Tamén camiñamos sobre o lameiro onde apareceu un hipocausto nunhas obras e que, probablemente, albergue os restos dunha casa de importancia de época romana.
Ademais, observamos a boa factura das casas grandes dos Bertonías e dos Ojeas.
3. Na parroquia de Pinol, visitamos:

Xa en Cadeiras, visitamos o Castro das Medorras, un dos máis grandes de Sober, onde vimos unhas penas con cazoletas xa catalogadas. Ademais, baixando pola ladeira, aínda na zona de terrazas, visitamos unha nova pena co mesmo tipo de cazoletas atopadas nas xa descubertas.
A este novo achádego de Óscar Alonso, de Veliños, engadimos outras dúas penas, que tamén visitamos: unha pedra que formaría parte dunha estrutura e que sostería unha porta e máis unha pena onde hai varias coviñas. De todas estas penas e doutros novos achédegos noutras parroquias informaremos para que se proceda á súa catalogación.

Foto de Álex Pazó.

Foto de Álex Pazó.
Logo de Cadeiras, baixamos ata Sampil para ver unha das penas de petróglifos deste núcleo: un dos petróglifos do Agro.

Despedímonos coa vontade de continuar visitando o noso Patrimonio máis esquecido, en moitos casos sen camiño de acceso ou non visitable, como os fermosos petróglifos do Xestal en Proendos.

Agradecemos a todas as persoas participantes a súa colaboración e aportacións para o traballo da nosa asociación.

Xornada “á caza do Patrimonio”, en Sober

Visitaremos distintos elementos do Patrimonio arqueolóxico de Sober, coa finalidade de coñecelos, divulgar a súa existencia e importancia histórica, dar conta de novos achádegos non catalogados e subir todos os que visitemos ao Catálogo Social do Patrimonio Galego (http://patrimoniogalego.net). Reivindicamos a función social do Patrimonio, o seu valor como factor de cohesión de sociedades democráticas.


PLAN DA XORNADA


* Punto de encontro: na praza do Concello de Sober, diante do edificio do concello, ás 16:30 h do domingo, 21 de xuño de 2015.


* Mecánica da xornada: desprazándonos nos coches, achegarémonos aos distintos puntos para fotografiar, sinalizar co gps e describir as características de cada ben patrimonial, así como coñecer máis sobre o seu emprazamento.


* Sitios a visitar:


A Anta, Arroxo.


Posibles restos dun dolmen; dubidoso, pero con toponimia relacionada.

Lugar de: A Anta, á entrada da capital municipal de Sober.

Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.

 – Pena de Santa Apolonia, Millán.


Lugar de interese etnográfico. Afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se lle atribuían propiedades sanadoras dos males de gorxa.


Xacemento romano de Proendos, Proendos. [GA-2705915]


Dentro do espazo que abrangue o xacemento romano de Proendos, moi alterado, visitaremos distintos elementos.


Necrópole medieval, “Campo das Olas”, Proendos. [GA-2705916]


Casa rectoral, Proendos.

Inscultura romana en muro, Proendos.



Petróglifos do Xesta (I) e (II), Proendos. [GA27059018 – Xestal II]


Trisquel, nunha casa do núcleo de Proendos.

Casa con elementos romanos reutilizados, Proendos.


Petróglifo do Barcal en Sampil, Pinol. [GA-27059043]


Lugar de Cimadevila, núcleo de poboamento tradicional, Pinol.


Núcleo de poboamento rural ben conservado.


Castro das Medorras, ou de Cadeiras, Pinol. [GA-27099035]


Neste asentamento fortificado sobre o Sil, coñeceremos pedras con cazoletas, dúas xa catalogadas e outras recentemente descubertas.


Pena da Virxe de Cadeiras, Pinol. [GA-2705REF004]



————————————————————————————————————-

Daremos conta, ademais, de outros novos achádegos da asociación, pero non poderemos visitalos todos pola dificultade do acceso.


Remataremos a xornada cuns pinchos para repor forzas en Cadeiras.


Para organizar mellor, tanto desprazamentos como a comida, recoméndase anotarse antes do 20 de xuño, no correo coladodovento@gmail.comou teléfono 674473695.


Cada participante porá unha pequena cantidade, para contribuír cos gastos da xornada:


– 3 €, persoas socias do Colado do Vento

– 6 €, non asociadas

Balance da horta a inicios de xuño de 2015

* A vindeira quedada será o sábado, 13 de xuño, ás 18 horas.

Xa temos todos os bancais completos, logo de poñer, o pasado sábado, máis tomateiras, pementos e algunha leituga e porro máis.
Tivemos que clarear os rabaniños, que xa están medrados, e quitarlle os cartóns protectores ás cenouras, que comezan a medrar.
Tamén van medrando as cabazas e xa poidemos recolectar framboesas, fresas, espinacas, tirabeques, rabaniños, leitugas e acelgas.

O sábado pasado, quitáronse todos os fillos da tomateiras e atáronse as plantas de tomate ás cañas. Ademais, pulverizámoslles Neem e Potasa, igual que a todos os bancais.
Tamén se limparon os camiños entre bancais e se engadiu máis palla aos bancais.
Agora, cómpre regar todo moi ben todos os días e agardar a que medren os froitos.
O vindeiro sábado, 13 de xuño, é día de freito.
Imos cribar todo o compost e plantar un semilleiro con leitugas, porros, brécol e col de Bruxelas. 
Ademais, temos que repasar que funcione todo o sistema de rego por goteo.

Xornada entre Entrimo e Castro Laboreiro

Na serra de Queguas.
Dende Sober, saímos cara Entrimo (aproximadamente 1 hora e media en coche, pola N-120, a AG-52 e AG-31), chegando a Terrachán, capital municipal, dende onde nos diriximos en coches ata Queguas.
Aira de mallar en Queguas.
Queguas, lugar da parroquia de Venceáns, dende onde se pode realizar o roteiro PR-G 27, unha camiñata circular de 6,5 km aprox pola zona de Queguas, na serra de Laboreiro.
[ver a ruta en Wikiloc: aquí]
No percorrido, con cotas en torno aos 1000 m, puidemos ver as Cortes da Carballeira, hoxe abandonadas, usadas para gardar o gando en primaveira e verán, cando se levaba aos pastos máis altos.
Cortes da Carballeira, Venceáns.
Ao carón das zona das cortes, a capela da Ascensión, un edificio do s. XIX.
Mediada a ruta, en plena serra, atopamos a Casa da Moura, dolmen do que se conserva a cámara megalítica e parte do túmulo.
Casa da Moura
As visión das paisaxes dende a serra son impresionantes, cunha boa vista do Laboreiro, Montes do Quinxo e ata a serra do Xurés.

A ruta remata coa volta ao lugar de Queguas.
Xa de volta en Entrimo, logo de xantar en Parrillada O Toural, saímos en coches dirección Olelas, lugar da parroquia da Illa.
Dende a carretera a Olelas, logo de pasar o núcleo da Illa, pódense apreciar vistas moi boas do Limia.
Dende esta mesma estrada pode accederse a unha ruta que leva ata o Castelo da Pica, lugar das “penas cabaleiras”, de menos de 3 km.
En Olelas.
En Olelas, singular asentamento de montaña, divisamos o río de Castro Leboreiro e a serra do Soajo, xa de Portugal.
Retornando de novo a Entrimo, visitamos a igrexa de Santa María a Real, impresionante obra barroca do século XVIII.
Dende Entrimo, partimos en coches ata Castro Laboreiro, dende onde subimos andando ata o Castelo, os restos dunha fortaleza do s. XIII.

Fotos e texto: O Colado do Vento