IX encontro á luz da lúa: en Cadeiras o 1 de agosto de 2015

Un ano máis – e xa van nove – O Colado do Vento organiza o “encontro á luz da lúa”, singular xornada nocturna na que compartimos contos, cantos, saberes, poemas ou o que cada quen desexe.
Este ano contamos coa presenza dos grupos de Sober The Carallos e O Trícole, e cunha violonchelista, Paula. Ademais, as persoas participantes poden aportar poemas, cancións, contos, reflexións… 
O encontro celebrarase en Cadeiras a partir das 22:30 h, iniciando a noite cuns pinchiños de rosca con queixo e viño e licores de Sober. Quedamos nas mesas de pedra que hai xunto ao bar.
Logo, no entorno do miradoiro e santuario desenvolveranse as actuacións e intervencións das persoas participantes a partir das 11:15 aproximadamente.
Achegádevos a vivir unha noite de verán ao plenilunio!

Ruta de sendeirismo e xornada de praia no Morrazo

Data: domingo, 19 de xullo.
Horas e puntos de saída:
8:00 h – Diante da Casa do Concello de Sober.
8:40 h – Rotonda fronte ao IES AS Lagoas, Ourense.
10:20 h – O Hío, Cangas.
Sairemos pouco despois das 10:30 h do Hío para facer unha ruta de sendeirismo pola península do Morrazo, de aproximadamente 9 km, andando despacio e con paradas para xantar e para desfrutar da praia.
Cada participante debe levar o seu xantar propio.
Recomendacións: calzado cómodo, comida e auga para a ruta, cousas para a praia se se desexa darse un baño.
Regresaremos sobre as 7 da tarde, para estar de volta, aproximadamente, ás 9 da noite.
A ruta estará guiada por José Ramón Varela Nogueiras e acompañaranos o grupo de sendeirismo do Náutico de Vigo, o que agradecemos.
O prezo dependerá do número de persoas participantes.

Chamamento dende a horta

Na horta comunal de boas prácticas que o Colado do Vento temos nos Nabás (Arxemil), ademais de convidarvos a participar, estamos pensando en facer un pequeno espazo para gardarse do sol e descansar.
Así, decidimos reciclar materiais usados, e é por iso que vos precisamos. 
Se tedes bamcos, cadeiras, uralita ou un invernadoiro pequeno que non usedes, estamos encantadas de írvolos recoller.
Ademais, precisamos baldes, unha carretilla e algunha regadeira.
Xa sabedes, se tedes calquera cachivache destes que non usedes e o queredes donar, avisádenos, que volo recollemos se é por esta zona.
Ademais, a vindeira cita coa horta será previsiblemente este domingo, día 12, ás 19 horas.
coladodovento@gmail.com