Aitor Freán presentou o traballo “Os Ibios de Sober” conmemorando o Día do Patrimonio 2017

traballo os ibios

coloquio ibios alcalde

óscar colado

aitor os ibios

coloquio xente pinol

Con motivo do Día do Patrimonio Mundial (16 de novembro), O Colado do Vento e o Grupo O Trícole sumámonos ás entidades da Rede do Patrimonio Cultural – na que estamos integrados – que celebramos esta efeméride.

Así, o 17 de novembro, en Sober, Aitor Freán Campo, de AGANTRO, presentou o seu traballo <Os Ibios de Sober. Confluencias simbólicas nun antigo asentamento da Ribeira Sacra>, unha análise da figura concreta dos “Ibios” dende unha perspectiva histórica e simbólica, enmarcada dentro do imaxinario dos “mouros”.

Aitor Freán non pretendeu dar unha interpretación da orixe da lenda, pois esa é patrimonio das xentes de Pinol que a conservaron até hoxe, senón que analizou os seus elementos, destacando a importancia das barcas fluviais de paso ou os elementos materiais que dan orixe á lenda, sen que importe de qué época son estes; o que importa é que hai un “elemento incomprensible e alleo ao que o campesiñado trata de dar resposta”.

Nun animado coloquio, no que participou veciñanza da parroquia de Pinol, Aitor Freán reivindicou o estudo do patrimonio inmaterial e anotamos novas reviravoltas lendarias da historia do Souto de Chanteiro, como sinalou o Toño: seica serían “as casas de citas” dos romanos e foi abandonada por “unha praga de formigas”.

Asemblea Xeral anual 2016: 27 de febreiro ás 20 h na Biblioteca de Sober

 
Convocatoria de xuntanza da ASEMBLEA XERAL para o sábado, 27 de febreiro de 2016 , ás 20 h na Biblioteca Pública Municipal de Sober.

Orde do Día:

– Balance do traballo do ano 2015.
– Dación de contas anuais.
– Páxina web.
– Subvencións e axudas dispoñibles para 2016.
– Proposta de reorganización e/ou continuidade da Xunta Directiva, se procede.
– Ideas de actividades para 2016 e proposta de calendario.

NOTA 1: por favor, as persoas que poidades, traede o importe da cota de 2016 (20 €) en efectivo, e xa queda actualizada.


NOTA 2: quen desexe anotarse para a cea posterior, debe facelo antes do 22 de febreiro, enviando un correo a coladodovento@gmail.com ou mensaxe ou chamada ao teléfono 674473695

Recollida solidaria en Sober o 28 de decembro na feira

Dende O Colado do Vento decidimos colaborar este Nadal coa recollida solidaria que organizar a Asociación Náufragos do Paradiso para as persoas sen recursos da comarca de Lemos.

Así, o luns día 28, na feira de Sober, haberá un posto de recollida solidaria de 11 a 14 horas, onde a xente que o desexe pode depositar alimentos non perecedeiros, produtos de hixiene persoal, xoguetes, material escolar ou roupa.

A recollida está organizada en colaboración con Náufragos do Paradiso, que colabora con Cáritas, coa Cruz Vermella e coa Fundación Banco de Alimentos.
Todo o recollido polo Colado do Vento trasladarase a Asociación Náufragos do Paradiso, que o doará ás entidades solidarias para o seu reparto.

Ademais do día 28 de decembro na feira de Sober, de 11 a 14 h, as persoas que o desexen poden facer as súas doazóns en Sober antes do 31 de decembro, contactando no correo coladodovento@gmail.com ou no teléfono 674473695.

Neste Nadal, con este pequeno xesto de solidariedade, pedimos xustiza para que ninguén pase fame nin penurias.

O COLADO DO VENTO
Decembro, 2015

Ruta da feira de Parada: reencontro entre “caldelaos e lemeses”

* Track en wikiloc da ruta aquí.
Cedo nunha mañá de néboa mesta, O Colado do Vento dispuxémonos a saír de ruta dende Barantes, parroquia no Concello de Sober, ata Parada de Sil, da banda ourensá, recuperando os vellos camiños do río polos que os “antigos d’antes” cruzaban para ir dende as terras de Sober ata a feira de Parada.
Ata a feira de Parada ían rosqueiros da Somoza a vender o seu produto, cargadiñas as roscas na burra ou ao lombo, ou ían xentes labregas de Sober a mercar as xatas, que logo usaban ou vendían xa medradas nas feiras de Lemos.
O río había que pasalo en barca, pola barca da Somoza ou, logo de asulagadas as terras polo encoro de Santo Estevo – encheuse durante a vendima do ano 1954-, na mesma zona, coa barca do Barril.
O detonante da ruta foi a lembranza das vellas peripecias da vaca Cachorra, un animal nunca amansado, á que o Xosé Verao trouxo dende Parada: que a ver como faría para pasar o río e subir logo polos camiños ribeiraos! E o deseño e acondicionamento da ruta hai que llo agradecer ao Suso Verao, que pasou longas xornadas pensando e limpando o traxecto, botando man tamén da sabedoría do Quintín de Barreiros – que lembrou vellos camiños do río -, de Tomás, biólogo e mestre do IES Río Cabe, ou das fotografías de Nacho.

É polo tanto, esta, a recuperación dunha paisaxe vivida, de medida humana, e non unha postal estática.

O ritmo da ruta marcouno a visualización das diversas especies de flora de ámbito maioritariamente mediterráneo, comezando por grandes acivros en Barantes ata a multitude de sobreiras e aciñeiras do lado lemés e castiñeiros do lado caldelao, ou a omnipresencia dos érvedos, dos que desfrutamos os morotes.
Primeiro, con inicio no Sagrado, ao carán da igrexa de Barantes, fomos achegándonos á ribeira de Barantes, pasando antes pola Riba, para descender dende A Barrionca ata Os Groís e logo ata a zona dos Pousos, onde tiña barca o Barril.
 
Cruzamos o río da man de Álex e Keka, de Turismo en la Ribeira Sacra;
… e comezamos a ascender entre soutos e sequeiros, para alcanzar o regato de Portela, o lugar de Portela e logo Parada.
Sequeiro.
Regato de Portela.

Xa pola tarde, despois de xantar, visitamos Castro, fermoso lugar de impresionantes vistas cara a ribeira de Bolmente, e a Casa Museo do Chocolate, onde contemplamos as máquinas de Chocolates Caldelas, que abastecía de tabletas á zona de Caldelas e a Sober e Monforte.
 

 
En Castro, Iván Álvarez Merayo e Óscar Alonso, ao mesmo tempo, atoparon coviñas na pena que sustenta un dos apoios do miradoiro; e Sandoval outra pena na croa do castro.
Logo da magnífica xornada que pasamos, non poden faltar os agradecementos.
En primeiro lugar, a todas as persoas que nos acompañastes, polo ambiente e por contribuír ao financiamento desta actividade. Vós sodes quen facedes “Colado do Vento”. De moitas das 50 persoas que participastes, era a vosa primeira vez: agardámosvos de novo!
Ao Concello de Sober, por colaborar aportando os gastos de autobús. E a Luis, o seu alcalde, por acompañarnos.
Ao Concello de Parada de Sil, por axudarnos a organizar, por colaborar e por abrir para nós o Museo do Chocolate, da antiga fábrica de chocolate de Teimende. E a Yolanda, a súa alcaldesa, por acompañarnos na ruta e en outros días e darnos múltiples facilidades.

A todas as empresas e proxectos cos que contratamos ou dos que precisamos servizos.
E, moi especialmente, a Xesús Verao, por preparar a ruta e recuperar os vellos camiños e relacións entre “caldelaos e lemeses”.

Ruta da feira de Parada

O domingo, 29 de novembro, recuperamos cunha andaina o antigo camiño polo que a xente das parroquias de Sober ía á feira de Parada (de Sil).

A ruta foi deseñada por Xesús Verao e debullaremos a flora – fundamentalmente mediterránea – e as antigas relacións socieconómicas entre ambas ribeiras, as vellas barcas e os vellos camiños que unían o mundo ribeirao.

Estamos anotadas 43 48 persoas para baixar a ribeira de Barantes, cruzar o río en barco – por onde antes tiña barca o Barril – e subir a ribeira ata Parada de Sil.

Unha vez alí, logo de xantar, aproveitaremos para visitar a antiga fábrica de chocolate de Teimende.

Agradecemos a colaboración dos Concellos de Sober e Parada de Sil.

* Deixaremos – por mor da luz minguante do outono – para outra ocasión Santa Cristina e a necrópole de San Vitor.

Toda a información para a xente anotada á ruta.

Ruta “O Coxo de Bulso” o domingo, 15 de novembro

Este domingo: sendeirismo en torno á historia do “Coxo de Bulso”. Realizaremos unha andaina sinxela, de aproximadamente 10 km, facendo parte da ruta “O Coxo de Bulso”, deseñada polo Colado do Vento.

Acompañaranos un grupo sendeirista da zona de Vigo.

Comezaremos ás 10 h na praza do cruceiro de Pinol, xunto á igrexa.
A ruta levará unhas tres horas. Non é preciso anotarse.

Crónica da visita ao Monforte de Manuel María

No domingo 8 de novembro, O Colado do Vento e Lemos Le organizamos un percorrido por Monforte, usando como fío o poemario Cancioneiro de Monforte de Lemos, de Manuel María.

A idea e formato do roteiro correu ao cargo de Xosé Martínez Rodríguez, que nos guiou por toda a cidade nunha intensa xornada que rematou cunha ofrenda floral e musical fronte á escultura adicada ao poeta na praza da Compañía.

Comezamos diante da fachada da igrexa da Nosa Señora da Antiga, no Colexo dos Escolapios, edificio iniciado a finais do século XVI polo cardeal Rodrigo de Castro.

Na praza da Compañía, espazo urbano concebido por Rodrigo de Castro.



Dentro do templo, contemplamos o magnífico retábulo maior de madeira, obra de Francisco de Moure, onde Xosé Lois García nos explicou cómo o Manuel levaba ás amizades a observar, con picardía, a escena da circuncisión e os curiosos óculos da personaxe central.


Nunha primeira parada fronte á escultura de Manuel María, achegámonos á súa vida e obra, ollando para o piso no que viviu, na rúa Roberto Baamonde. O Manuel procurador, colaborador de radio, poeta, político, libreiro ou editor.


Pasando pola rúa do Cardeal, lugar de paseo querido por Manuel María, e pasando polas Galerías Fontecha, onde estivo a libraría Xistral, de Saleta e Manuel, chegamos ata a praza de España, que foi chamada tamén “da Constitución”, onde estivo a igrexa da Régoa, dende onde contemplamos casonas con blasóns.


Continuando o ascenso a San Vicente, chegamos á intersección da rúa do Burato e Zapaterías, onde se observan restos da muralla, que continuamos a contemplar ascendendo pola rúa Zapaterías, observando a construción con base e peche de sillares, pero con recheo de canto rodado, material este que existe abundantemente no val.

Fixemos parada fronte á porta de Peixerías, ou da Alcazaba, ao carón da Casa dos Gaibor.


Chegados ao monte de San Vicente, comezamos a visita pola igrexa de San Vicente do Pino, de estilo gótico tardío, cos seus magníficos retábulos e pinturas.

O Pazo Condal e os seus brasóns, testemuño da grandeza da Casa de Lemos, igual que a torre chamada da Homenaxe e o mosteiro de San Vicente, onde repousamos para debullar a longa historia de Monforte, dende o importante asentamento do castro de San Vicente, pasando pola fundación do mosteiro, o poder do señorío de Lemos e logo o condado.


Nesta parada lemos os poemas de Cancioneiro do Val de Lemos adicados ao conxunto de San Vicente ou ao val, que divisamos dende aquí. Ademais, serviunos o encadre para comentar as anécdotas do Ledo, poeta popular monfortino, ou a lembranza da IVª Asemblea Nacionalista de 1922, da que se conserva unha lembranza en foto nas escaleiras de San Vicente.

Saímos do conxunto pola Porta Nova, reconstruída despois da gran revolta irmandiña, que en Monforte tivo gran alcance, e por ela entramos á rúa da Falagueira, logo chamada da Cruz, considerada a rúa de asentamento da comunidade xudía medieval de Monforte. Nunhas casas desta rúa estivo a comunidade das clarisas antes de terse rematado o edificio do convento de Santa Clara.


Porta Nova.

De volta, pasamos diante da igrexa da Régoa e baixamos á praza Doutor Goyanes, antes Cantón de Ferradores e Cantón de Bailén, pola Calexa.

Pola tarde comezamos a ruta na praza de San Antonio, ubicación do desaparecido convento, que foi o meirande de Monforte. Dende alí, pasamos a carón da Ponte Vella para volver cara a explanada do convento de Santa Clara, fundado no s. XVII por Catalina de la Cerda y Sandoval, a esposa do VIIº conde de Lemos. Nesta praza sitúase un cruceiro cuxa construción foi promovida por Manuel María.


Cruzamos a ponte e saímos á praza que foi chamada do Cantón de Bailén, pola resistencia antifrancesa neste lugar, que tivo tamén un episodio en Santa Clara, coas súas monxas agochando obras relixiosas no propio convento ou entregándoas a familias pudentes para a súa custodia durante a “francesada”. De alí, fomos pola rúa do Comercio ata o Centro do Viño, antigo convento que foi tamén hospital e edificio do concello de Monforte.



Fronte á praza de Abastos, na intersección coa rúa de Inés de Castro, aproveitamos para ler a composición de Manuel María adicada a esta “raíña despois de morta”.

Cruzamos cara o edificio dos xulgados, antigo colexo, parando no monumento ao 400º centenario da segunda parte do Quijote, que este ano se celebra, e lembrando a intensa relación de Monforte coa literatura.

E para pechar, xunto á estatua de Manuel María na Compañía, foi o turno da música, con compoñentes do grupo O Trícole, que cantaron composicións de Suso Baamonde con poemas de Manuel María, e para a ofrenda floral con rosas vermellas e brancas, lembrando o poema: 

SEMPRE a rosa. Sempre: 
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.

Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.

Plan de actividades do OUTONO de 2015: un outono ribeirao

outono de 2015

NOVEMBRO

* Domingo, 1 de novembro

Andaina entre o castro da Cividade (Bolmente) e o Castriño (Barantes).
Enlazaremos estes dous castros con impresionantes vistas nunha ruta circular de aproximadamente 8 km.
Acompañaranos un grupo sendeirista da zona de Vigo.
Comezaremos ás 10:30 h no Pinal, en Bolmente.
A ruta levará unhas tres horas.
Non é preciso anotarse.
Seguiremos máis ou menos este circuito, xa realizado polo Colado do Vento, con algunha variante:

http://coladodovento.gal/andaina-entre-barantes-e-bolmente/

* Domingo, 8 de novembro

Roteiro por Monforte en torno ao “Cancioneiro de Monforte de Lemos” de Manuel María.
Será unha xornada de mañá e de tarde.
Haberá xantar organizado en Monforte para quen o desexe, para o cal hai que anotarse antes do 4 de novembro (coladodovento@gmail.com /600712389).
A saída está prevista para as 10:15 h diante dos Escolapios. O remate, sobre as 19 h na escultura de Manuel María.
Guiaranos Xosé Martínez Rodríguez, a quen llo agradecemos inmensamente.
Esta ruta realizarase en conxunto co colectivo Lemos Le.
Haberá lectura de poesía, acompañamentos musicais e realizaremos unha ofrenda floral, tendo a xornada vontade participativa.

* Domingo, 15 de novembro

Sendeirismo en torno á historia do “Coxo de Bulso”.
Realizaremos unha andaina sinxela, de aproximadamente 10 km, facendo parte da ruta “O Coxo de Bulso”, deseñada polo Colado do Vento.
Acompañaranos un grupo sendeirista da zona de Vigo.
Comezaremos ás 10 h na praza do cruceiro de Pinol, xunto á igrexa.
A ruta levará unhas tres horas.
Non é preciso anotarse.

http://coladodovento.blogspot.com.es/2007/08/por-terras-de-brosmos.html

* Domingo, 29 de novembro

Ruta da feira de Parada.
Deseñada por Xesús Verao.
Con este camiño de aproximadamente 8 km rememoraremos a andaina tradicional a pé dende a zona de Sober ata a feira de Parada de Sil.
Sairemos de Barantes e cruzaremos o río en barco, para subir a ribeira ata Parada de Sil, onde xantaremos.
Aproveitando a estancia, pola tarde visitaremos a fábrica de chocolate de Teimende.
Quedaremos en Barantes ás 9:00 h.

Prazas limitadas: 50 prazas.
É preciso anotarse antes do 23 de novembro. No caso de cubrirse as prazas terán preferencia as persoas socias.

DECEMBRO

* Presentación da páxina web do Colado do Vento, renovada no seu deseño e máis áxil para a consulta de contidos.

NOTA – Entre medias tamén realizaremos unha viaxe exploratoria para preparar unha ruta pola zona de Trives e Caldelas.

IX encontro á luz da lúa: en Cadeiras o 1 de agosto de 2015

Un ano máis – e xa van nove – O Colado do Vento organiza o “encontro á luz da lúa”, singular xornada nocturna na que compartimos contos, cantos, saberes, poemas ou o que cada quen desexe.
Este ano contamos coa presenza dos grupos de Sober The Carallos e O Trícole, e cunha violonchelista, Paula. Ademais, as persoas participantes poden aportar poemas, cancións, contos, reflexións… 
O encontro celebrarase en Cadeiras a partir das 22:30 h, iniciando a noite cuns pinchiños de rosca con queixo e viño e licores de Sober. Quedamos nas mesas de pedra que hai xunto ao bar.
Logo, no entorno do miradoiro e santuario desenvolveranse as actuacións e intervencións das persoas participantes a partir das 11:15 aproximadamente.
Achegádevos a vivir unha noite de verán ao plenilunio!