Mámoa do Monte dos Cousos (Doade)

mámoa dos Cousos

Polo Monte dos Cousos pasaba o antigo camiño a Mourentán frecuentado na época de muíñada polos de Ceceda e os de Marcelle. Todos miraban para aquel bulto redondiño emerxido da chaira do redor e imaxinaban os tesouros agochados polos mouros, esa raza de homes e mulleres con poderes sobrenaturais. Mais ninguén se lembraba xa dos buscadores de alfaias agochadas na medorra aínda que fose evidente o gran foxo practicado no seu centro e xa ninguén daba fe de que o que sacaron dalí, ademáis duns anacos de olas rotas, foran unhas pedras grandes da mesma clase esquistosa que as da parroquia. Eran tempos de máis de novecentas almas na feligresía, de rabaños de ovellas, de terras traballadas ata converter aqueles montes en agros de pan coma un mar de ondulacións verdes ao son do vento da tardiña; tempos de tránsitos e trafegos. Logo, veu o despoboamento e o abandono, cubríuse todo de broza e con ela tamén a mámoa redondiña e o vello camiño transformouse en pista asfaltada cara o cruce do Cadaval onde se celebraba o dezasete de cada mes unha concurrida feira: pendellos, as cantinas do Colón, do Pistón, do Mourentán e a cantina do Chorlas resistindo, aínda, como esquelete de ladrillo.

mourentán

No Monte dos Cousos fíxose o campo de fútbol e o aeródromo para a prevención de incendios e a mámoa resistiu no borde mesmo, como atalaia dende a que algún, á sombra dun carballo que nacera nela, seguía os partidos entre os solteiros e casados de Doade. Resistiu. Doutras da contorna só quedaron os nomes cos que a xente bautizou aqueles fitos singulares da paisaxe: Medorra, mámoa, anta, meda, forno, arca… E moitos máis, que a nosa língua é rica nos matices e nas exactitudes cando cómpre. Por iso estamos no Monte dos Cousos e a toponimia parece referirse a un peche para o gando ou foxo para os lobos. Velaí como os máis vellos acordan un foxo de lobos que era dos Camberos, feito cando abundaba este fermoso e mítico animal nos nosos montes. Nesa ancestral guerra entre o home e o lobo, tamén convivencia e colaboración – aí está o can para demostrárnolo -, o devir fixo perdedores aos dous: o inimigo era outro.

ponte de Paradela

A mámoa durmiu o soño dos seus moradores durante moito tempo ata que os responsables da loita contra os incendios forestais decidiron desbrozar a zona para despexar a área de despegue – aterraxe das avionetas. A casualidade fixo o resto. O noso amigo Daniel, arqueólogo e enfermeiro da Coruña, que xa ten participado con nós nas actividades do Colado do Vento, veu de visita. A nosa intención era que vira a Ponte de Paradela, esa que nos describe o licenciado Molina no 1550 e logo, entre outros o pai Sarmiento que xa a ve escagallada. A baixada do nivel das augas do encoro daban a oportunidade de ver os seus restos a carón do Sil, no límite entre os concellos de Sober e de Monforte. O destino,¡xa vedes!, dá sempre reviravoltas coa súa esencia tarabela. Íamos no coche latricando apaixoadamente e, sen saber como, chegamos a Mourentán, fóra da ruta pensada. O Daniel, coas súas teimas de avezado escudriñador, cortou a conversa para decir: “Esta es una zona buena de mámoas”. Foi decilo, berrar ¡mámoa! e mandar parar o coche. Ao pouco estaba empoleirado no cima.

Daniel

Engadamos, pois, á mámoa da Carqueixa a do Monte dos Cousos de uns 30 metros de diámetro por 2 metros de altura co seu foxo de violación no medio.

Fotos e texto: Alfonso Campos Pérez.

Na prensa: Unha mámoa descoñecida, Francisco Albo.

mámoa

O MARCO DA PENA LONGA

Abondosas son as manifestacións tumulares no noso país: As casiñas dos mouros, antas, arcas, mámoas, medorras, fornos, etc, xalonan toda Galicia; e alí onde xa non queda vestixio material, a toponimia segue gardando o seu recordo. Comunmente adscritos á mesma época, nos séculos medios do V milenio antes de cristo, os círculos líticos e as chamadas pedras fitas son casos excepcionais.

CÍRCULOS LÍTICOS

Dos círculos líticos ou cromlech só hai referencias na Chaira da Mourela (As Pontes) e recentemente, nas terras arrasadas polos incendios, apareceu outro en Vilanova de Arousa.
En Sober poderíamos ter un na chamada Aira dos Mouros na intersección da parroquia de Proendos con Millán e Rosende.

PEDRAS FITAS

En canto as pedras fitas, está a coñecidísima Lapa de Gargantáns en Moraña e outros exemplos como a Pedra Chantada en Vilalba, a de Cristal en Ribeira, xunto con achádegos recentes de tipoloxía non moi semellante Á de Gargantáns.
En Sober, a toponimia reflexa nomes tan suxerentes como O Marco Vello entre O Arroxó e a Burdalla; Pedra Fita, un pouco ó norte da Lama Longa (Refoxo), e, non moi lonxe, O Marco da Pena Longa que ben podería ser un dos poucos menhires coñecidos de Galicia.

O MARCO DA PENA LONGA

Mide a pedra 1´76 m. de longo, presentando unha tendencia estilizada con coviñas alineadas, sucos e un círculo prepucial na parte superior que lle confire un aspecto fálico.
A pena servía de límite entre as parroquias de Refoxo, Neiras, Canaval e Mañente (Pantón), asegurando algúns veciños ser marco divisorio entre a casa dos Andrade coa de Tor ou da Bastida.
A pedra foi atopada nunha canle de regadío, e o arqueólogo que supervisaba as obras do desterre para un paso sobre a vía do tren no traxecto Monforte–Canaval, decidiu, para protexela, levala o Museo Provincial, onde se encontra depositada.
Somos da idea de estudar a posibilidade de ubicar A Pena do Marco Longo no seu lugar orixinal, pois é no seu contexto onde adquire o seu valor, e se esto non fora posible debido a transformación do seu contorno, nalgún outro lugar adecuado do noso municipio.

Lembremos: estamos a falar dunha das escasísimas pedras fitas coñecidas en Galicia.
Outro monumento excepcional asentado no Concello de Sober.

TÚMULOS MEGALÍTICOS EN SOBER

Andando por Galicia é doado ver na paisaxe eses pequenos montículos elevados sobre o terreo, de planta tendente a circular e, aínda menos extendida, ovalada. Se nos fixamos, e a maleza nos deixa, apreciarémoslle na parte central un oco en forma de funil, producto da violación para a extracción de pedra ou na procura de tesouros; feito iste que se estendeu despois de que en 1609 Vázquez Orxas pedira permiso ó rei para buscar nas súas propiedades o ouro que contivesen, como así llelo indicaban as tradicións seculares. É tal a cantidade destes monumentos megalíticos, cunha media de entre 18 a 30 m. de diámetro por 1 a 3 m. de altura, que Manuel Murguía na súa Historia de Galicia afirma: “Apenas hai un campo inculto en Galicia en donde los ojos acostumbrados no perciban al momento la grande o pequeña mámoa”.

Falamos dunha das primeiras apropiacións da paisaxe, unha marca de territorialidade, un indicativo simbólico de comunidade, posta en lugares de máxima visibilidade, dende a alta montaña á beira do mar, aptos para o cultivo e/ou para o pastoreo; en xeral, próximos ó sitio de extracción das materias primas utilizadas (polo común rocha granítica) e posiblemente ubicados en puntos do terreo cunhas características xeomagnéticas consideradas polo pobo constructor, significativas. Falamos de construccións megalíticas iniciadas a finais do V milenio a.c., época de agricultura incipiente, construidas a base de pedras verticais (ortostatos), cubertos por outro horizontal ou tapa, formando o chamado dolmen ou anta, que ó ser cuberto por un túmulo de terra e pedras (ás veces pedras só) se lle chama, no seu conxunto (dolmen e túmulo) mámoa, medorra, etc, cunhas características morfolóxicas moi ben definidas, illadas ou formando conxuntos como o de Santa Mariña no Incio o os da Moura en Nogueira de Ramuín.


 Ubicámolos na fachada atlántica europea, proclive ó bosque caducifolio, nunha fase chamada de “óptimo climático”, de proliferación de chuvias, facilitando as praderías, gramíneas, e bon para a práctica da caza e da pesca.

Na Península Ibérica situámolos en Galicia, leste de Asturias, metade occidental de León e Zamora, e o norte de Portugal ata o Douro. Cun período de vixencia constructiva e de uso ata os inicios da chamada Idade de Ferro e o período castrexo, sendo reutilizadas, algunhas, xa en período histórico, polos romanos como postos de vixilancia. Neste período os usos e as tipoloxías foron variando, ou coexistindo, podendo ser de uso colectivo individual, de cámara simple a ter corredor, planta circular ou poliédrica, etc. Ademáis da propia estructura, hai que considerar outros elementos asociados ás mámoas: a carencia de ósos debido á acidez propia dos terreos graníticos, as pinturas dos orstostatos, os idoliños de bulto redondo, as marcas nas pedras (ondulados, zig-zag, reticulados), o enxoval funerario (doas de cor verde, microlitos, frechas de base triangular, aixolas, machados …), de cerámica de diversos tipos como é a lisa, a impresa con matriz de cuncha, acanalada, incisa e a máis tardía cerámica campaniforme, utilizadas, todas, para conter materiais perecedoiros a modo de ofrendas.

Estes monumentos megalíticos, vinculados, moitas veces, ó trazado de camiños tradicionais, deberon servir para fomentar a cohesión social ó participar dunha tarefa colectiva que requería unha organización e esforzo común, convertido en símbolo da comunidade, en lugar de culto, na superviencia e permanencia dun orde social. Sen dúbida, a vontade de primar o monumental sobre o espazo sepulcral en sí. Unha das primeiras apropiacións do espazo humanizando a paisaxe.

Polo que atinxe ó Concello de Sober, temos como case único exemplo visible a Mámoa da Carqueixa na parroquia de Figueiroá, cos seus 25 por 28 m. de diámetro por 1,30 m. de altura, sen restos de cámara nen de coiraza e con clara violación central de 2,5 m. de diámetro; ubicada nun lugar chao, resalta claramente do entorno, aínda que xa está un pouco achaiada por mor das labouras agrícolas.


Outro máis dubidoso pero que corresponde á toponimia alí existente é A Anta, á entrada da capital municipal de Sober. Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.


Polo resto, o único que coñecemos na actualidade é a toponimia, que delata a presencia destes monumentos megalíticos, posiblemente destruidos para aproveitar o seu material. Así, A Peniña do Ouro en Figueiroá, que foi derrubada ó construir a pista da Carqueixa a Matamá; A Mámoa do Arroxó, A Arca de Anllo, A Medorra de Bolmente, Brosmos, Doade, da Capota en Figueiroá, Pinol, Mer en Proendos; A Anta en Proendos e O Agro das Mámoas en Santiorxo. Pódense considerar, tamén, algúns lugares chamados Fornos, Forniños en Proendos e Figueiroá, respectivamente, a coñecida Pena de Belán co aproveitamento dunha formación rochosa natural para uso funerario e, aínda, a máis dubidosa acumulación de pedras de xeito tumular perto do Campo de Castaxúa en Proendos, onde tamén se teñen achado muiños barquiformes como os que adoitan aparecer cerca de moitas mámoas.

[Actualización: descuberta unha mámoa en Doade; ver aquí].