A misteriosa cabeza de Pinol

cabeza Pinol

* Artigo de Francisco Albo en La Voz de Galicia, edición Lemos, o 13 de xullo de 2011 (aquí).

Un elemento descoñecido do patrimonio histórico de Sober foi descuberto recentemente na parroquia de Pinol. Trátase dunha figura tallada en baixorrelevo que representa de forma moi esquemática un rostro humano. A talla encóntrase nunha pedra embutida no muro exterior dunha vivenda situada xunto á igrexa románica de San Vicente e ata agora non foi mencionada en ningún inventario do patrimonio nin en calquera outra publicación.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo sinala que a figura mostra un grande parecido coas representacións de rostros humanos que poden verse en diversos relevos castrexos de Galicia e do norte de Portugal. “Se a peza tivese aparecido nun castro, non tería ningunha dúbida en rotulala como un baixorrelevo castrexo -afirma-, pero como apareceu noutro contexto iso xa non se pode afirmar con seguridade”.

Nas proximidades de Pinol encóntrase o castro das Medorras, pero a falta de máis indicios arqueolóxicos, non se pode afirmar que a pedra tallada fose traída dese lugar cando se construíu a casa, que ten unha antigüidade considerable.

A peza foi descuberta casualmente por Alfonso Campos, membro da asociación cultural O Colado do Vento, cando mostraba a igrexa de Pinol a un grupo de visitantes. “Pasei por ese mesmo sitio moitísimas veces e nunca me fixara no relevo pero esa vez vino con claridade, seguramente porque a luz do sol axudaba nese momento a distinguir mellor os trazos”, explica.

Texto: Francisco Albo.

cabeza de Pinol