Ecoxeografía da “Ribeira Sacra”

sil dende o cotarro do castro

A Ribeira Sacra está constituída por parte das concas do Sil e o Miño.

Nas formas do terreo que atopamos, observamos o contraste entre as chairas do centro – a depresión de Monforte, drenada polo Cabe – e os bloques dos canóns de Sil e Miño, onde predomina a verticalidade, con vales encaixados de fondas pendentes.

En canto ao tipo de rocha, dominan as rochas xisto-pizarrosas e cuarcíticas, habendo tamén rochas sedimentarias terciarias e cuaternarias e, na zona oriental, rochas calcáreas. A forma do relevo está en relación ao tipo de rochedo: as zonas máis escarpadas do canón aparecen na zona de rochas graníticas (por exemplo, na zona sul de Sober), mentras que as zonas xistosas son de menor pendente (por exemplo, a zona de Doade).

O relevo da Ribeira Sacra é froito da interacción da tectónica e da dinámica fluvial. Esta zona, igual que o resto de Galicia, foi intensamente fracturada e presenta diferentes orientacións na dirección das fracturas, que condicionaron o curso dunha rede fluvial galega que é moi antiga. O encaixamento do Sil e o Miño produciuse a finais do Terciario e inicios do Cuaternario, cando se ergueron os bloques do que hoxe son os canóns. Antes, o Paleo-Miño pasaba polo que hoxe é a zona sarriana e o Paleo-Sil pola que hoxe é a depresión de Lemos, pero os movementos tectónicos aludidos expulsaron ao Miño cara ao oeste e ao Sil cara o sul (non obstante, o curso do Sil pola ribeira ourensá, polo que hoxe é Parada do Sil, ía máis ao sul que na actualidade).

O retoque final a este produto xeolóxico que é a Ribeira Sacra realizárono as mans de homes e mulleres, que fixeron desta unha paisaxe eminentemente antrópica. Os socalcos, que permiten a fixación da terra necesaria para o cultivo da vide nunha zona de fortes pendentes, son a gran obra humana da Ribeira Sacra, “a obra máis impresionante que ten Galicia” [PÉREZ ALBERTI, AUGUSTO; “Caracterización ecogeográfica del Valle del Sil”. En: Xunta de Galicia (2004): La Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidad de Galicia.]