Unha aproximación á cerería tradicional no Concello de Sober

velas-99

O lagar da cera e os cereiros de San Martiño de Anllo

Damián Copena Rodríguez
decopena@uvigo.es
Diego Copena Rodríguez
diegocopena@hotmail.com [1]

No Concello de Sober existen na actualidade vestixios dunha industria, noutrora florecente, relacionada coa obtención e a manipulación da cera para a fabricación de velas e exvotos de cera.
Neste traballo imos a debullar no oficio dos cereiros e das cereiras de San Martiño de Anllo. Tamén queremos presentar e analizar o lagar da cera que podemos atopar na mesma parroquia ademais de explorar os procesos relacionados coa cera así como os coñecementos tradicionais asociados a eles.
Sen embargo, o primeiro que precisamos facer é dar as grazas a tódalas persoas que nos recibiron tan amablemente no Concello de Sober e nos facilitaron información sobre estes singulares elementos e sobre o coñecemento tradicional vinculado ó oficio do cereiro.

Introdución

A nosa apicultura sempre estivo ligada as explotacións familiares agrarias, da que resultaba un complemento do resto das actividades campesiñas, pois o mel era un produto de autoconsumo e a cera era un bo complemento económico na economía de subsistencia campesiña.
A existencia de importantes cantidades de trobos e cortizos en moitos lugares do rural galego, como se pode observar no cadro 1 para o concello de Sober, propiciou que o aproveitamento da cera producida polas abellas desenvolvese, nalgúns lugares da Galiza, unha industria relacionada coas actividades derivadas da extracción e manipulación da cera. Deste xeito nace o oficio dos cereiros ou borreiros “que mercan nas casas as entenas das que se aporveitou o mel despois de castrar as colmeas” [2].
A principal aplicación desta industria consistía na elaboración de velas e exvotos, aínda que existían e existen moitos outros aproveitamentos para a cera como poden ser as utilidades na industria do calzado, a cosmética, a elaboración de cremas, sanidade animal, etc. As velas precisábanse como obxecto de utilidade á hora de alumear as casas e nas actividades relixiosas empregábanse importantes cantidades de velas e exvotos para realizar ofrendas nos cultos relixiosos.

cadro cerería
Cadro 1: Número de colmeas por parroquia no Concello de Sober. Ano 1750-54.

Fonte: Elaboración propia a partires do Catastro do Marqués de Ensenada [3].

O Lagar, o obradoiro e a eira de San Martiño de Anllo

O conxunto formado polo lagar da cera, o branqueadoiro ou eira da cera e o obradoiro de cerería están situados no medio da parroquia de San Martiño, moi perto da igrexa, no interior dunha parcela rodeada dun muro de pedras de granito de forma ovalada. O lagar atópase no patio da casa, denominada como a “casa do cereiro”, que non forma unha edificación independente como si sucede noutros lugares de Galiza como poden ser os lagares da Lamosa e de Paraños no concello de Covelo ou o de Casanova no de Forcarei, onde os lagares son de maior tamaño que o que imos a analizar e forman edificacións específicas coa única utilidade do proceso de obtención de bloques de cera virxe. Sen embargo este lagar si que se asemella a outros como o de Noceda no Concello do Incio, aínda que é de menor tamaño que este.

casa do cereiro
A “Casa do cereiro” en San Martiño de Anllo.

O lagar da cera de Sober, seméllase en moitos aspectos ó de viño, sidra ou aceite, aínda que cunhas especificidades propias derivadas da materia prima que vai a prensar. Atópase nun estado aceptable de conservación, aínda que xa se botan en falta algunhas partes do mesmo debido á falla de uso e ó abandono ó que se viu sometido pola inactividade do mesmo.
O conxunto de espremer a cera, atópase, como xa se indicou anteriormente no terreo a beira da casa, situado sobre un chan térreo, e cuberto por un tellado, extensión dunhas edificacións adxacentes que tamén cubre a entrada a propiedade. O tellado ten unha soa caída de auga ó exterior da propiedade dos cereiros.
O lagar da cera está formado por unha trabe, un fuso, o peso, a prensa, a caldeira, as pías. A falla de uso e o paso do tempo fixo que xa non exista a prensa, aínda que o resto dos elementos atópanse nun estado máis que aceptable de conservación.

A viga, probablemente de freixo, mide 3,22 m de lonxitude, 0,46 m de ancho e 0,37 m de alto. A parte final da viga remata perto do muro, aínda que este non serve como contrapeso, senón que enriba da trabe hai unha singular estrutura feita de madeira que conta na súa parte superior cunha importante cantidade de pedras de granito dun certo tamaño e que exerce a función de resistir a presión exercida pola trabe. A viga conta cun burato con rosca polo que pasa o fuso, tamén de freixo, que ten unha altura de 2,7 m, un paso de 8 cm e un diámetro perimetral de 0,60 m. A parte de abaixo do fuso está enganchada ó peso, de granito, cunha altura de 0,40 m e un diámetro 0.76 m na parte superior do mesmo e de 0,95 m na parte inferior cun volume de 0,23 m3 e unha masa de aproximadamente 612 kg. A caldeira, que está situada á dereita da porta de entrada, está feita de cobre e recuberta de dun enfoscado cemento, contando cun diámetro de 0,60 m e unha altura de 1,10 m.

peso lagar cera
Detalle do peso do lagar da cera.

As pías, que se colocaban debaixo da prensa e seguindo a liña da trabe, son de madeira de carballo e resultaban móbiles, o que o diferencia do resto de lagares que coñecemos ate a actualidade, no que as pías soen ser de pedra. As pías normalmente atópanse semisoterradas coa súa parte superior a ras de chan, manténdose neste lugar de maneira estable. O conxunto das pías estaba feito dunha soa peza de madeira e constituíano tres pías comunicadas entre si por embaixo e con buracos para baleirar o seu contido. Teñen 2,33 m de longo, 26,5 cm de alto e 0,50 cm de ancho.
Moi perto do lagar estaba o branqueadoiro ou eira da cera, agora derrubada e da que se conservan algúns restos, que estaba elevada e feita de laxes de granito, case a ras da fiestra do obradoiro do cereiro. Para o acceso da mesma dispuña dunhas escaleiras que subían dende o patio da casa ata o branqueadoiro.
No mesmo recinto é onde se atopa unha edificación onde se localizaba o obradoiro de cera que empregaban os mestres e as mestras cereiras para confeccionar as velas e os exvotos
Cómpre remarcar algúns elementos que definen a singularidade deste conxunto etnográfico. O aspecto máis destacable constitúeo o feito de que no mesmo espazo podamos atopar o lagar, a eira da cera e o obradoiro de ceraría. Este feito indica que, probablemente a cera obtida só se empregaría para o obradoiro alí existente e non comercializaría con bloques de cera en bruto como si sucedeu noutros lugares de Galiza. O tamaño e a posibilidade de desenvolver tódalas tarefas relacionadas coa cera nun mesmo espazo garante un certo grao de autosuficiencia e manexo de tódolos procesos relativos á cera que imos a desenvolver a continuación. Outro elemento singular do lagar de San Martiño é a mobilidade das pías de madeira, o que favorece o aproveitamento do espazo.

contrapeso lagar cera
O peculiar sistema de contrapeso do lagar.

O lagar e o obradoiro da cera son de titularidade privada. Este réxime de propiedade dos lagares é unha constante nos coñecidos en Galiza e no resto do estado. Cómpre destacar, por interesante e singular, o caso do lagar comunitario da cera de Felgueiras na cámara municipal de Torre de Moncorvo en Portugal, onde a titularidade do lagar é comunitaria e pertencía a tódolos cereiros de Felgueiras. [4]
Uns dos derradeiros donos do lagar, Alfonso Pérez e Generosa Rodríguez, foron unha parella de cereiros moi coñecidos na comarca e unha das referencias dos cereiros de San Martiño de Anllo.
Durante o traballo de recollida de información en San Martiño de Anllo, atopouse que na vivenda lindeira á casa do cereiro existiu outro lagar da cera pertencente a outra familia, chegando a coexistir os dous ó mesmo tempo. Este feito é bastante posible, posto que nos lugares onde se desenvolveu unha industria da cera resulta común que se estendese a actividade nas familias e nas casas veciñas. Exemplos paradigmático son os grandes centros cereiros da comarca de Terra de Montes ou a cantidade de pequenas cererías que existiron no Concello de Covelo.

lagar cera San Martiño Anllo
O lagar de cera de San Martiño de Anllo.

Os procesos

Obtención da materia prima

A obtención da materia prima para poder conseguir a cera é un elemento moi importante en todo o proceso da cerería. Os cereiros de Anllo saían a cabalo,“cun macho”, durante 15 días ou mais a buscar “os trebos”, os restos das cortizas e dos trobos despois de castralos para retirarlles o mel e que traían en sacos ate o obradoiro da cera. Tamén aproveitaban os viaxes que facían para vender as velas e os exvotos que elaboraban para poder recoller materia prima coa que continuar co seu traballo. Os cereiros chegaban neste proceso a lugares tan lonxanos como Castrocaldelas, Ferreira de Pantón, Parada de Sil, Ourense, etc. Por outra banda, nas zonas de Sober máis achegadas a San Martiño de Anllo os cereiros chegaban a acordos cos veciños para “maquiar” a cera dos trobos, que lles cedían e que eles devolvían en forma de velas xa rematadas, quedándose cunha parte do total da cera.

Técnica da obtención da cera

Nas cererías, e a de San Martiño de Anllo non é unha excepción, adoitaban empregarse dous tipos de cera: a cera amarela, saída directamente do lagar, e a cera esperma ou virxe, obtida despois dun proceso de branqueo. Esta última clase de cera era máis apreciada que a primeira, por iso o branqueo foi o destino dunha parte importante da cera que se obtiña no lagar.
Empezaremos por explicar o proceso de obtención da cera amarela para o que se empregaba o lagar e que era utilizada posteriormente para a fabricación de velas ou exvotos.
Unha vez dispostos os restos dos trebos e limpo o lagar das posíbeis impurezas que poderían estragar a cera, o cereiro introducía na caldeira a auga [5], que se extraía dun pozo situado na propia facenda, e os trebos nunha proporción que os informantes non recordan. Cocíase a cachón durante un tempo que, segundo a bibliografía consultada [6], adoitaba ser de 30 minutos ou alongarse até que o ollo experto do cereiro o dictaminase. Para o proceso de fervido empregábase madeira de boas características (normalmente era de carballo como explican os informantes, aínda que noutras zonas utilizábanse os troncos do toxo) que producise a enerxía necesaria para levar a ebulición a cera e auga durante unha media hora.
Cando a mestura estaba preparada, comezaba a verterse no taco de prensar, cuberto previamente tanto nas paredes como no fondo cunha capa de esparto a xeito de filtro, empregando un cazo de cobre cun pao máis ou menos longo para introducir e remexer os favos fervidos. Unha vez botados tres cazos o taco cubríase cun serón circular de esparto co diámetro da base. A operación repetíase ata encher o taco. Cando se acadaba a cantidade necesaria para prensar, pechábase coa tapa de madeira e finalmente colocábanse os paos necesarios enriba para salvar a distancia que puidese quedar entre a tapa e a trabe.
A continuación procedíase a baixar a trabe. O cereiro, que normalmente estaba axudado por unha ou dúas persoas, facía xirar o fuso axudado por unha panca instalada na súa base, exercendo así a presión necesaria sobre a tapa para que fluisen cera e auga sobre as pías. Superado o umbral natural de baixada da trabe, a insistencia no xiro do fuso obrigaba ó levantamento da pedra sobre a que se instalaba o fuso. Se a pedra neste tempo descendía polo peso e volvía tocar o chan, podía repetirse o proceso facendo xirar novamente o fuso.
Ao exercer presión, o caldo escorrega ata unha pía de madeira dividida en tres partes, colocada parcialmente debaixo do taco de prensar. Faise pasar o caldo obtido desde a primeira sección da pía até a última a través dun entramado de buracos colocados estratexicamente a diferente altura, co fin de separar as sustancias en función da súa densidade. Deste xeito, o orificio colocado no fondo da primeira división deixaría escapar a auga da mestura, de maior densidade, retendo así a cera e a borralla.
Despois de ter rematado este proceso, o cereiro procedía á recollida da cera depositada na primeira pía. Para iso valíase dun cazo máis pequeno e de mango de menor dimensión que o empregado na fase do prensado e, con moito coidado para non arrastrar auga e impurezas, trasladaba a cera a outra pía específica onde arrefriaba durante 12 horas ou máis tempo.
Unha vez recollida a cera procedíase ao desarme da trabe. Para isto, enganchábase a tapa de prensado á trabe cun sistema de cordas ou ferros, de tal xeito que ao desenroscar o fuso que elevaba a trabe tamén ascendese a tapa de prensado.
Xa desarmado, recóllense os seróns de esparto utilizados e sacúndense para limpalos das impurezas que quedan tras do prensado. Así quedan xa arrombados para a seguinte prensado. A materia que quedaba despois deste proceso tiña un valor como fertilizante na agricultura, que era utilizado polo propio cereiro nas súas leiras ou vendido ós veciños.

pías e madeira do lagar de cera
As pías de madeira do lagar.

Branqueo da cera

Cando o cereiro reunía unha cantidade de cera amarela suficiente procedía ao branqueo da mesma. Cómpre recordar que no contexto histórico no que gozaron de presenza social e económica as cererías, a cera branca era máis apreciada que a amarela.
Como con este procedemento o que se buscaba era obter a máxima pureza da materia prima, o primeiro que se facía na fase de branqueo era limpar o branqueadoiro ou eira na que se ía estender a cera así como a pía e os utensilios que se ían empregar. Hai que lembrar que a eira de San Martiño de Anllo, agora derruída, era elevada o que supón unha singularidade importante e o máximo aproveitamento dos espazos. Esta colocación elevada ten como obxectivos conseguir que a cera reciba o maior tempo posible a influencia dos raios solares, así como de aproveitar de maneira mais eficiente o espazo que se tiña nas propiedades.

Para branquear a cera, unha vez eliminada a suciedade, colocábase a cera amarela nunha paila [7] de cobre para derretela. Este proceso debía estar moi controlado porque a cera non debía ferver en ningún momento.
Despois de preparada a cera, o cereiro votábaa nun caldeiro perforado para que a cera caese en forma de fío a través da fendedura nunha pía grande chea de auga fría. Cun pao rompíase o fío de cera para conseguir moitos pequenos anacos solidificados. O axudante do cereiro recollía esa sorte de lascas de cera, que introducía nun tinón, e que posteriormente levaba a eira da cera á que tamén lle chamaban “branqueador”. Nela estendíanse por toda a superficie permanecendo durante varios días á intemperie. Na segunda ou na terceira xornada, sempre a primeira hora para aproveitar a baixa temperatura da cera, o cereiro volteábaa. A operación repetíase varias veces durante o proceso de branqueo.
Noutros lugares de Galiza empregábanse rodillos inseridos en pías específicas de branqueo. O feito de que en San Martiño non se utilizase este sistema pode ser debido a que a cantidade de cera a branquear non era o suficientemente grande, polo que empregaban o mecanismo anteriormente descrito que era máis sinxelo e que precisaba de menos utensilios e de menor dificultade.
Co contacto coa luz solar e por un proceso fotoquímico, a cera branqueaba progresivamente. Cómpre mencionar que a cera debía permanecer estendida incluso cando a meteoroloxía era adversa. Por iso, preferentemente este proceso levábase a cabo nos meses de primavera e verán, coincidindo ademais co período do ano con máis horas de luz.
Transcorridos un prazo que ía dende os 10 ate os 20 días, procedía a recollerse con sumo coidado para non contaminala con impurezas. Posteriormente, o cereiro derretía novamente para elaborar os bloques de cera branca tamén denominada cera esperma. Quedaba así preparada para o posterior elaboración de velas e exvotos no obradoiro do cereiro.

antigo branqueador de cera
Localización do antigo “branquedor”. Aínda se poden distinguir os restos da mesma.

Elaboración das velas e exvotos

Como dixemos anteriormente, o obradoiro do cereiro atopábase moi perto do lagar e da eira da cera. Neste lugar é onde se facían as velas e os exvotos.
Para a fabricación das velas empregábase unha roda de madeira que estaba enganchada a un pau colocado de xeito vertical con respecto ó chan. Desta roda colgaban uns ganchos de onde se penduraban os pábilos (mechas) de algodón que eran bañados, un a un, cun caciño coa cera previamente derretida na paila de cobre. Despois de cada baño de cera líquida ía movéndose a roda ate que voltaba a chegar ó mesmo pábilo inicial que xa tiña un pouco solidificada a cera. Este proceso repetíase ate que as velas acadaban a metade do grosor que tiñan pensado. Entón retirábanse as velas e cortábase a parte inferior para, posteriormente, voltealas e voltar a bañalas ate chegar á medida desexada, momento no que se retiraban e cunha peza de madeira igualábanse na mesa de traballo do cereiro. Para cortar as velas utilizábase un elemento de madeira afiado, coñecido nalgúns lugares de Galiza como “talladeira”, que servía para cortar a cera sen rachar o pábilo. Os pequenos restos de cortar as velas denominábanse cabuxos e vendíanse ós veciños da zona no mesmo obradoiro do lagar.
Dependendo dos usos e das necesidades podían facerse velas de distintos tamaños. A meirande parte das que facían os cereiros de Sober eran de cor amarela e algunhas de cor branca. As facheiras, que eran as de maior tamaño e podían chegar a pesar cada unha 10 kilos, elaborábanse coa cera amarela e que se utilizaban moito para velar ós mortos.
No lugar de San Martiño de Anllo as mulleres cereiras eran as que normalmente se encargaban do proceso de elaboración das velas, ó contrario que o traballo no lagar da cera que adoitaban realizar os homes.

Elaboración dos exvotos

A elaboración de figuriñas, “exvotos”, non era a principal actividade dos cereiros de Sober, aínda que tamén producían algunhas destas pezas que eran utilizadas nas romarías e en actividades eclesiásticas como ofrendas para solucionar problemas de saúde. A elaboración dos exvotos era bastante sinxela, o proceso consistía en introducir cera líquida en moldes coa forma que querían producir (ollos, pernas, caras, etc). Simplemente tiñan que agardar un pouco a que arrefriara a cera e despois separando o molde xa podían retirar a peza finalizada. Os moldes que empregaban en Sober eran de escaiola, de xeso.

Comercialización

Os cereiros de San Martiño de Anllo comercializaban os produtos elaborados na cerería principalmente ás igrexas, aínda que tamén vendían noutros ámbitos como nas feiras de Sober e da Comarca e directamente a particulares.
Tamén aproveitaban as viaxes que realizaban durante días para facerse acopio dos restos dos favos para poder vender as velas e os exvotos. Así chegaban a vender en lugares como a cidade de Ourense, Caldelas, Ribas do Sil e outras poboacións cercanas ó Concello de Sober.

Conclusións

A cerería en San Martiño de Anllo, o patrimonio material que aínda se conserva como o lagar da cera e todo o coñecemento tradicional relacionados con esta actividade tradicional non deben de desaparecer e ficar nos recordo dunhas poucas persoas que viviron a actividade desta fábrica artesanal. É preciso coñecer que na península ibérica apenas quedan en pe lagares e eiras da cera, polo que o conxunto cereiro de San Martiño conta con moita importancia [8].
A cerería de Sober pode e debe de ser conservada e restaurada dentro do posible. As distintas administracións públicas deben de apoiar ós propietarios para a conservación da cerería. Como noutros lugares de Galiza e do estado este singular elemento pode servir como unha posibilidade máis para dinamizar turística e comercialmente o Concello e a Comarca [9].
Para finalizar queriamos reflectir o bo recordo que manteñen desta actividade artesanal as persoas que viviron e coñeceron o funcionamento da cerería. Lembran, cun sorriso, os xogos que facían daquela como cando metían as mans na cera tépeda e facían unhas luvas para xogar. Ougallá eles e tódalas persoas interesadas poidan voltar a ver funcionar a cerería e o lagar de San Martiño de Anllo.

[1] Os autores estamos a realizar un estudo sobre a cerería tradicional en Galiza, polo que agradeceriamos calquera achega ó respecto (Obradoiros de cera, lagares da cera, eiras de cera ou curadoiros, etc.)

[2] Lourenzo Fernández, Xaquín. 1962. Os oficios.

[3] Pódese consultar no seguinte enlace web: http://pares.mcu.es/Catastro.

[4] Santos Junior J. R. dos. 1983. Lagar comunitario da cera, Felgueiras, Moncorvo. Trabalhos de Antropologia e Etnologia da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia Porto.

[5] Como se apreciará ó ler o artigo, a constancia da auga para os procesos de obter a cera é unha constante, así que pódese dicir que este elemento ten moitísima importancia no proceso de elaboración dos bloques de cera.

[6] Ente outros traballos podemos destacar os seguintes: Castellote Herrero, Eulalia. 1988. Cera y cerería en Guadalajara. Revista de dialectología y tradiciones populares,. e Santos Junior J. R. dos. 1983. Lagar comunitario da cera, Felgueiras, Moncorvo. Trabalhos de Antropologia e Etnologia da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia Porto.

[7] Este utensilio ten unha estrutura troncocónica que, dependendo da súa función, pode ter diferente grao de inclinación e tamaño.

[8] Orantes Bermejo Francisco José. 2009. Lagares y Tendales. Geografía de la cera en España . Vida apícola: revista de apicultura.

[9] A nivel de Galiza, resulta de enorme interese o proxecto que está desenvolvendo na actualidade a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños no Concello do Covelo. Esta CMVMC está a crear un museo sobre a cerería tradicional no seu Concello e xa ten feito un interesante roteiro no que introduciu os elementos patrimoniais relacionados coa cerería.

UNHA APROXIMACIÓN Á CERERÍA TRADICIONAL NO CONCELLO DE SOBER

OS MUÍÑOS DO XABREGA

Leticia Sáez Rodríguez sobre notas de Alfonso Campos Pérez

Os muíños denomínanse polo mote da casa do dono. 
Loxicamente, os muíños estaban comunicados entre eles. Nos Portelos había un camiño ao que lle chamaban O Camiño Novo. Hoxe están practicamente cegos, pero antigamente foron moi transitados.

ALGUNHA FLORA
Ameneiro ou amieiro (o máis abundante).
Bidueiro ou bídolo.
Carballo.
Piñeiro.
Salgueiro.
Chopo.
Olmeiro.
Castiñeiro
Freixo.
Acacia.
Xesta.
Xesta rubia.
Érbedo.
Aciñeira.
Cirdeira.
Tomiño.
Romeo.
Silva.
Videira.

PLANO DOS MUÍÑOS E ESTADO DE CONSERVACIÓN
[NOTA – Hai que ter en conta que algúns dos muíños están sendo rehabilitados por un Obradoiro de Emprego, co cal esta información pode cambiar proximamente].

1 – Do Xosé de Vales – Desaparecido.
2 – Do Sindo do Faldrán – Estado aceptábel de conservación.
3 – Do Sindo do Faldrán – En moi bo estado de conservación.
4 – Escaleira de Vales, do Sindo do Taro – Estado ruinoso.
5 – Do Riol de Camilo – Desaparecido.
6 – Do Guicho – Estado ruinoso.
7 . Do Ferreiro – Estado ruinoso.
8 – Do Arias de Arxemil – Desaparecido.
9 – Do Noguedo de Santiorxo – Estado ruinoso.
10 – Do Roque do Arroxó – Entre maleza, ruinoso.
11 – Do Conde de Camilo – Entre maleza, ruinoso.
12 – Do Souto de Arroxó – Conserva as paredes.
13 – Do Chucán de Matamá – Ruinoso, conserva algunha roda.
14 – Do Roque do Arroxó – Restaurado por atoparse en bo estado de conservación.

15 – Do Nemesio Fernández da Boca – Conserva parte das paredes e das rodas. Restaurado.

16 – IDEM – Ruinoso.
17 – Do Ramiro Pérez da Boca – Conserva todos os elementos propios dun muíño.
18 – Do Chucán do Couto – Ruinoso, perto de viñedos. [NOTA – Hoxe restaurado cun deseño contemporáneo como fábrica de luz (que nunca funcionou)].

19 – Dos Navás – Conserva as paredes e o lintel da porta.
20 – Do Chucán do Couto – Inaccesible pola maleza.
21 – Do Conde de Camilo – Sen tellado dende 1987. Muíño de doble rodicio.

22 – Do Santomé do Arroxó – “O mellor”, a dicir do informante.
23 – Do Nemesio Fernández da Boca – En bo estado de conservación. De noria vertical.
24 – Do Santomé de Arroxó – Sen cuberta, pero en bo estado.
25 – Pedras do Couto – De difícil acceso e ruinoso.
26 – Do Ramiro da Boca – Restos da canle e ponte.
27 – Do Toxedo – Desaparecido.

ELEMENTOS DUN MUÍÑO

A presa onde se desvía a auga do regato que se conduce por unha canle que por ir subida nun muro na parte final para aproveitar mellor a forza da auga. 
O cubo por onde se precipita a auga, regulada polas canadelas, que ía parar ao rodicio; a auga cae nas pás do rodicio e move a vara que fai xirar a pedra situada sobre o . Todo é rodado pola caixa para que a fariña non se extenda polo muíño.
Por riba está a moxega onde se bota o grao e os andantes para mover a pedra á hora de picala. Nesta andar estaban os picos para preparar as pedras, as cribas ou peneiras. No andar interior atopábase, ademais do rodicio, o aliviadoiro, que era o lugar por onde saía a auga outra vez para o regato. As paredes eran de pedra granítica mampostada, xeralmente con xanelas para que entrase a luz. Cerca da porta acostumaba a haber unha ou varias pedras saíntes na parede: os pousadoiros.
Os muíños tiñan un dispositivo que o facía parar en canto se acababa o grao: a trampa que pechaba a auga. Tamén acostumaba a haber rodos, fouces e candís por se era preciso quedar pola noite.

RELACIÓNS SOCIAIS NO MUÍÑO

Cando participaban as mulleres facíano cuns papeis específicos.
Cada muíño tiña o seu lugar e a súa clientela máis ou menos fixa. “Eiquí había moitos que cando había auga non había que moere e cando había que moere non había auga”.
O muíño tamén era lugar para bromas. O informante estaba durmindo no muíño do Chucán cando veu o Secundino e díxolle:
– Levántate!
“Abrinlle a porta medio nu.
– E logo, que queres? – díxenlle -.
– Vístete que lle imos tocar o acordeón ó Chucán.
Mentres me vestía, el preparou unha ganzúa, mais con esta non deu aberto a porta (do muíño do Chucán). Entón, quitoulle a auga ó muíño e entrou por baixo. O Chucán estaba durmido coma unha pedra.
– Xa espertarás!
Quitoulle o acordeón e nunha manta que tiña o Chucán por riba fíxolle unha focha e botoulle auga.
Para o outro día o Chucán espertou mollado e sen o acordeón.
– Foi o Secundino do carallo!”.
* Publicado orixinalmente na revista do IES A Pinguela (http://www.apinguela.com/) pola alumna de Proendos Leticia Sáez Rodríguez con informacións de Alfonso Campos. Publicámolo aquí con permiso da autora.
– Se queres tripticos coa ruta por estes muíños (en galego, castelán ou inglés) podes solicitalos por correo electrónico en javivivirido@terra.es. 

os debuxos en cal de Sober

Casa da Fonte, Paradela, Santiorxo.
Casa da Fonte, Paradela, Santiorxo.

Os encachotados, esgrafiados, encintados, foron técnicas moi utilizadas dende o século XIX ata mediados do século XX. Aínda nos albores do século XXI algún sentimental arranxou os da súa casa, sen ter, case, mao de obra cualificada que conservara os saberes da técnica. Máis o que soe ocurrir, como pasou recentemente nunha casa de Sansillao, é que se pique para encintar as paredes con cemento, que é a moda dos nosos tempos. Así que, entre as novas reformas, e como xa non é o demo o que anda nos tellados senón o abandono o que os anica definitivamente, o oficio foise perdendo e con el os debuxos das nosas paredes.

Momelle, Gundivós.

O esgrafiado é unha técnica basada na utilización de morteiros realizados con cal grasa apagada, que nalgúns sitios, como no medievo en Segovia ou no século XVIII en Cataluña, levou a superposición de capas de revoques de distintos cores, para conseguir, sobre un debuxo previo, unha decoración policromada e moi resistente. A súa orixe parece ser oriental, coñecéndose moitos exemplos no arte islámico, clara raíz do esgrafiado segoviano. O catalán que tuvo no Barroco unha ampla repercusión, parece ter unha orixe italiana a través dos amplos contactos mercantiles mediterráneos. Refléxase este, sobre todo, na Barcelona burguesa con temática mitolóxica ou con motivos relacionados co oficio do rico propietario que os encarga. 

 A Devesa, Neiras.
As decoracións con cal galegas son máis modestas, utilizando o branco sobre o fondo da parede ou sobre a base do morteiro, pero igualmente estéticos e resistentes. Así, podemos contemplar dende os máis simples encintados da pedra dos muros á repetición de diferentes motivos: figuras curvilíneas, faixas con trazado xeométrico, nubeiros, aves, peixes, serpes, animais fantásticos, recipientes, plantas, rosetas, cruces, e mesmo, nalgunha zonas, escenas diversas onde aparecen pitas e gaiteiros. Estamos a falar de figuras feitas para disimular, en xeral, os paramentos de menos calidade, formados, en moitas ocasións, por cachote miudo e para resaltar as pedras de maior tamaño e máis regulares con, según Fernández Oxea, figuras caprichosas resultantes das irregularidades das pedras. 

 Francos, Proendos.
Esta arte – permítaseme chamala así – referenciada no Seminario de Estudos Galegos por Fermín Bouza Brey, emparentada cos xeitos islámicos de decoración, cos grutescos renacentistas, os esgrafiados cataláns e, aínda máis, coa arquitectura popular cacereña e salmantina, debería ser contemplada con respecto. Nela, como en moitos saberes humáns, compéndianse moitas épocas: as curvas tan significativas nas nosas insculturas rupestres, as rosetas castrexas e romanas, a mourisca teima repetitiva, os motivos vexetais románicos, as molduras e faixas barrocas, a recreación imaxinativa do fantástico, e o cotián convertido en símbolo, coma os galos de Cacedo en Bolmente.
 Cacedo, Bolmente.
BIBLIOGRAFÍA
Os encachotados, esgrafiados, encintados, foron técnicas moi utilizadas dende o século XIX ata mediados do século XX. Aínda nos albores do século XXI algún sentimental arranxou os da súa casa, sen ter, case, mao de obra cualificada que conservara os saberes da técnica. Máis o que soe ocurrir, como pasou recentemente nunha casa de Sansillao, é que se pique para encintar as paredes con cemento, que é a moda dos nosos tempos. Así que, entre as novas reformas, e como xa non é o demo o que anda nos tellados senón o abandono o que os anica definitivamente, o oficio foise perdendo e con el os debuxos das nosas paredes.
A Devesa, Neiras.
O esgrafiado é unha técnica basada na utilización de morteiros realizados con cal grasa apagada, que nalgúns sitios, como no medievo en Segovia ou no século XVIII en Cataluña, levou a superposición de capas de revoques de distintos cores, para conseguir, sobre un debuxo previo, unha decoración policromada e moi resistente. O seu orixe parece ser oriental, coñecéndose moitos exemplos no arte islámico, clara raíz do esgrafiado segoviano. O catalán que tuvo no Barroco unha ampla repercusión, parece ter unha orixe italiana a través dos amplos contactos mercantiles mediterráneos. Refléxase este, sobre todo, na Barcelona burguesa con temática mitolóxica ou con motivos relacionados co oficio do rico propietario que os encarga.
Momelle, Gundivós.
As decoracións con cal galegas son máis modestas, utilizando o branco sobre o fondo da parede ou sobre a base do morteiro, pero igualmente estéticos e resistentes. Así, podemos contemplar dende os máis simples encintados da pedra dos muros á repetición de diferentes motivos: figuras curvilíneas, faixas con trazado xeométrico, nubeiros, aves, peixes, serpes, animais fantásticos, recipientes, plantas, rosetas, cruces, e mesmo, nalgunha zonas, escenas diversas onde aparecen pitas e gaiteiros. Estamos a falar de figuras feitas para disimular, en xeral, os paramentos de menos calidade, formados, en moitas ocasións, por cachote miudo e para resaltar as pedras de maior tamaño e máis regulares con, según Fernández Oxea, figuras caprichosas resultantes das irregularidades das pedras.
Francos, Proendos.
Esta arte – permítaseme chamala así – referenciada no Seminario de Estudos Galegos por Fermín Bouza Brey, emparentada cos xeitos islámicos de decoración, cos grutescos renacentistas, os esgrafiados cataláns e, aínda máis, coa arquitectura popular cacereña e salmantina, debería ser contemplada con respecto. Nela, como en moitos saberes humáns, compéndianse moitas épocas: as curvas tan significativas nas nosas insculturas rupestres, as rosetas castrexas e romanas, a mourisca teima repetitiva, os motivos vexetais románicos, as molduras e faixas barrocas, a recreación imaxinativa do fantástico, e o cotián convertido en símbolo, coma os galos de Cacedo en Bolmente.
Cacedo, Bolmente.
* VVAA; Guía Práctica de la Cal y el Estuco. Edit. De los oficios. León, 1998.
* Ignacio Garate Rojas; Artes de la Cal. Instituto español de arquitectura. MRRP.Universidad de Alcalá. Edit. Munilla-Lería- 2ª ed.2002.
* Xosé Vázquez Rodríguez; Histórias de Papeiros e Rabudos. Etnografía da Ribeira Sacra. Graficas Galegas, 2003.