Románico de Sober, folleto explicativo

centauros Lobios

Imos achegarnos á arte europea por excelencia: o Románico, estilo que no país galego ten a súa auxe no século XII, momento de peso político do Reino de Galicia no contexto europeo, prolongádose no século seguinte.

En Sober, o Románico maniféstase en forma de pequenas igrexas rurais; xoias que se manteñen, mal que ben, no seu uso orixinal e principal: lugar de culto cristián e de reunión da comunidade parroquial.

ventá Proendos

Intentemos, cando visitemos as igrexas, vislumbrar os motivos polos que foron feitas, poñérmonos no lugar das comunidades que invertiron os crecentes excedentes da actividade agraria na edificación de templos e cidades de Deus: estaban soamente destinados a manter o control da sociedade por parte das elites ou motivábaos un profundo sentimento relixioso? Acaso habería que combinar ambas explicacións? Eran os humanos da época conscientes de estar erguendo sólidas edificacións que os ían sobrevivir séculos?

Preguntas que ha de desvelar o exercicio da ciencia histórica e cuia resposta nos axuda a comprendérmonos mellor a nós mesmos. Temos algunhas claves, pero é moito o camiño por andar na procura da verdade histórica nun país coma Galicia. De momento, penetremos na peculiar atmósfera das igrexas románicas e gocemos da beleza que crearon os nosos antergos.

* Aquí podes descargar un folleto de 16 páxinas, con fotografías, sobre o Románico de Sober.

rosetón pinol

Igrexa de Santa María de Baamorto

* No ano 2005, a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos editou un folletiño para ilustrar a súa visita ás parroquias monfortinas de Baamorto e Valverde. As notas seguintes están sacadas da publicación cidatada; as fotos son de Paula Vázquez Verao.
A igrexa parroquial de Santa María de Baamorto (Monforte de Lemos) conserva algún resto románico – canzorros, contrafortes, saeteiras, porta sur con mochetas e arco interior – mais a fasquía actual débese á importante transformación que sufriu a finais do século XVI: cunha nova fachada principal (oeste) e un atrio cuberto columnado que abrangue a fachada principal e o lado sur.
No século XVIII engádese a sancristía, na cabeceira, e unha dependencia no lado sur.
A planta orixinal románica é dunha soa nave rectangular.

O lugar de Palleres, desta parroquia, podería ter dado lugar ao condado pallarense de época sueva. A parroquia foi da xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén (encomenda do Incio).

PINTURA MURAL
Na parede sur da igrexa, protexidas polo pórtico engadido a finais do século XVI, conservouse un conxunto de pintura mural único.
O ciclo de pinturas de Baamorto versa en torno aos derradeiros momentos da vida de Cristo. Organízase en dúas bandas que se len cronoloxicamente comezando dende a parte superior esquerda e rematando na inferior dereita.
Nos paneis, algún moi perdido, recoñécense os seguintes temas:
– a Derradeira Cea
– prendemento no horto das oliveiras
– Pedro cortándolle a orella ao criado do Sumo Sacerdote
– Cristo na casa de Anás
– Cristo conducido ante Pilatos
– a Flaxelación
– a Coroación de espiñas
Xa que logo, atopámonos ante un ciclo da paixón segundo o evanxeo de San Xoán, que quizais se completase no interior cun ciclo do nacemento de Xesús (por exemplo, coma o de Proendos).

“A presenza de arquitecturas, detalles coma a decoración da cátedra de Anás, as perspectivas dos soldados, as vestimentas, así como a decoración de tipo vexetal e fitas que enmarcan as esceas, etc, datan este ciclo na segunda metade do s. XVI. Para (José Manuel) García Iglesias o autor deste importante conxunto sería o chamado mestre de Nogueira”.
VINCULACIÓN Á ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

A casa rectoral de Baamorto conserva tres escudos coa Cruz de Malta, propia da orde de Xerusalén.
Nas comarcas de Lemos e Quiroga, a orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén tivo importante presenza.
BIBLIOGRAFÍA
– “Pinturas murais de Baamorto e igrexa de Valverde” (2005). Texto: César Carnero. Amigos do Patrimonio de Lemos.

Portada norte da igrexa de San Xullán de Lobios


Porta norte da igrexa de San Xullán de Lobios (s. XIII).
Tapiada con bloques de pedra, dá ao cemiterio actual, pegado ao templo románico.
Arco de medio punto apuntado, con dúas arquivoltas; a interior con rosetas cuadrifolias, descansa sobre xambas, a exterior, de losanges e rosetas cuadrifolias máis pequenas, apoia en columnas de capiteis fitomórficos. Bordeado por unha moldura de billetes.