Ruta dos Colados

colados

Impresionante ruta de sendeirismo pola ribeira de Bolmente percorrendo os “colados”, puntos da ribeira ata onde se podía chegar cos carros. A ruta recupera os nomes propios do territorio, a microtoponimia creada polas xentes que secularmente humanizaron a paisaxe ribeirá, e rememora os distintos traballos que facían desta ribeira unha zona productivísima.

– Lonxitude: 9 km.
– Desnivel: 100 m.
– Tempo: 220 minutos.

mapa ruta Colados

 

 

 

 

 

 

 

Esta ruta realizouse por primeira vez o Domingo, 11 de Xuño de 2006, como actividade das Festas de San Antón da parroquia de Bolmente, organizada pola Asociación de Veciños O Pinal de Bolmente, ideada por Manuel Verao e Alfonso Campos, coa axuda das informacións recollidas ao Verísimo.

colados 2

 

 

 

 

 

 

Achegarémonos ós camiños do río, case perdidos, por onde andaban os homes cos seus trafegos, subindo ata os colados por carreiros pinos a desenvolverse coma serpes polas abas; por camiños, onde ata onte, se habemos de pensar no tempo fuxidío, as nosas xentes humanizaron a ribeira para aproveitar os seus recursos: pasto para cabras e ovellas, outono, leña, mel, froitas, pamplina, prantas medicinais, peixes, caza, pedra granítica para a construcción e para as moas dos muiños, etc; sen esquecernos do viño saboroso, criado nestes socalcos abertos ó sol e ó precipicio. Achegarémonos a través dos colados, como fitos do camiño, ás regas, ós regos, ás fontes, ós pousos, ás penas, ás laxas, ás covas, á natureza aloumiñada polo Sil, domeñada polo encoro, agardando nas lamas fondas volver facerse río, para correr de novo nesa fractura do mundo penedío, lección xeolóxica de millóns de anos.

Caldelas sempre á espreixa, irmá da paisaxe ribeirá dende onde parecen oírse, aínda, os aturuxos doutrora.
Achegarémonos á desmesura axeitando formas caprichosas, eidos imposibles, ós que o home soubo darlle medida sen estragalos; ó sacro das igrexas, santuarios, mosteiros, ollados dende estes altiños cuturuleiros.

colados

Achegarémonos ás mámoas, ós castros, que xunto cas formacións xeolóxicas singulares son un pulo para a imaxinación, forxadora de vellas historias da Cova da Moura, a Pena de Don Pedro, O Ciriguilloto do Demo, A Casiña dos Ladróns, e outras non menos extraordinarias vividas polos homes, que fixeron destes camiños, hoxe solitarios, espazos de vida cotiá.

Achegarémonos ós pobos, verdadeira lección etnográfica ó alcance, que debera ser posible seguir habitando, preservando, mellorando, para conxurar ós perigos da desmemoria e o abandono.

E achegarémonos a estes camiños do río chamando ás cousas polos seus nomes; O Pouso do Castelo, O Colado do Vento, O Colado do Boqueiriño, A Cividade, A Rega das Pesqueiras, A Laxa Negra, O Cotarro do Castro, A Loupiñeira, O Forniño, A Nogueira da Laxa, O Carriziño… E pronunciarémolos case coma unha ladaíña, ou mellor, para facelos outra vez nosos, coma un berro liberador ecoando pola ribeira.

Ciriguilloto do Demo

Texto e foto: Alfonso Campos.
Mapa: Paula Vázquez Verao.

Paseíño comentado á Pena do Castelo

Dende Doade podemos achegarnos á Pena do Castelo, a penas a 1,5 km do cruce coa pista de acceso a este curuto rochoso.

No cruce de Doade, na estrada Monforte – Castro Caldelas, hai que coller dirección á Adega Algueira e pouco antes está a pista de acceso á Pena do Castelo.

Accédese en coche ata a metade da ruta, pero o ideal é ir camiñando todo o treito, cun sendeiro limpo e cómodo.

No inicio da ruta, á esquerda segundo camiñamos cara o Castelo, atopamos o que queda do Souto de Valgüaire, castiñeiros centenarios que sobreviven nunha plantación de piñeiros.

Pronto iremos vendo que nos atopamos diante da zona da Teixeira.

E divisaremos á dereita a zona de viñedos aterrazados con maquinaria da adega Regina Viarum.

Atopámonos na parroquia de Doade, a meirande e a máis oriental das que agrupa o Concello de Sober.

O Castelo é un curuto rochoso a 624 m sobre o nivel do mar, cunha fortísima pendente sobre o río Sil.

A Pena do Castelo é un dos castros catalogados en Sober. Conta con foxo defensivo e nel atopáronse restos de época romana.
Nas inmediacións atopábase unha capela a San Amaro, sen que se determinase o lugar desta. En 2004, rematou a construción, ex novo, no propio castro, da capela actual a San Mauro, respectando as formas construtivas e materiais da zona.

No lugar situábanse lendas de mouros, que “van beber á Fonte de San Xermunde”, perto do Castelo. “Fonte de San Xermunde, fonte de ouro”, din as lendas, como tamén recolle Arias Sanjurjo en 1914.
O propio Castelo está inzado de lendas: alí había un “pucheiro de ouro” e “vivían os mouros”.
Foi outro mouro distinto o que guindou un pobre burro da Pena do Castelo berrándolle ao señor Manuel, que andaba na Tapada do San Amaro: “Escape, tío Manuel, que aí vai o Mouro!”
Pola Pena do Castelo pasa a ruta PR-G 157, que une Doade con Augas Mestas, que tamén pasa pola Fonte de San Xermunde.

Mapa coa localización da Pena do Castelo: aquí.
Información sobre a PR G 157: aquí.

Ruta polo río Antiga (O Incio) en wikiloc

Deixámosvos o percorrido desta ruta de apenas 2 km polo río Antiga, a principal fonte do Cabe. Trátase do percorrido polo tramo onde fica seco o cauce do río; “desaparece” nos meses de verán baixo a terra, nunha zona calcárea, e volve aflorar na fonte do Arnada. Trátase do fenómeno da “resurxencia cárstica”.

Pódese acceder aquí.

Ruta megalítica polo Saviñao

O vindeiro domingo 27 de xullo de 2014 imos de ruta polos conxuntos megalíticos do Saviñao.
Visitaremos:
– dolmen de Abuíme.
– mámoas de Os Pedrouzos.
– ruta circular por Vilatán (2,35 km), para ver o dolmen da Leira da Rapada. [Pódese ver o perfil e percorrido da ruta en Wiki-Loc aquí].
Saídas (en coches particulares):
– 9:30 h: praza do concello de Sober.
– 9:45 h: praza do concello do Saviñao; dende onde iremos ata os puntos; a ruta farémola en terceiro lugar; é un camiño sinxela e sombiza, sobre todo na última parte.

Travesía Doade-Augas Mestas.

Imaxe da ruta en outono (foto: Alejandro, Club Acivro).
No ano 2011, O Colado do Vento impulsou a realización dunha ruta de sendeirismo pola ribeira do Sil, entre Doade e Augas Mestas, coa colaboración da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
Un ano despois, a ruta cumple as expectativas de camiñantes, polas súas fantásticas vistas e interese natural e etnográfico
Adegas de Vilachá na primavera (foto: O Colado do Vento).
Grazas ao Club Excursionista Acivro (http://acivro.blogspot.com.es/) dispoñemos da ruta marcada en Wikiloc e do perfi, así como de fermosas fotos. 
Agradecementos especiais do Colado do Vento ao Club Acivro e aos socios do Colado Alfonso Campos e Óscar Alonso, por comprobar o estado da ruta.
O Club Acivro no Muíño do López da Lampaza (foto: Alejandro, Club Acivro).
* Distancia: 28 km
* Dificultade: DURA
* Recoméndase facela en sentido Doade-Augas Mestas (W-E).
* Atópase correctamente sinalizada.
(foto: Alejandro, Club Acivro)
A ruta transita á beira do Sil, ofrecendo vistas espectaculares. 
Conta con numerosos elementos naturais, como soutos, e etnográficos, coma a Pena do Castelo, os núcleos de Froxende, Barxa, Parada, Vilar de Mouros, Os Palleiros, muíños, as adegas de Vilachá de Salvadur…  
(foto: Alejandro, Club Acivro)
(foto: Alejandro, Club Acivro)
* Consultar o mapa da ruta en Wikiloc aquí.
* Consultar o perfil da ruta aquí.
* Descrición da ruta por parte do Club Excursionista Acivro aquí.
(foto: O Colado do Vento)
Vista dende a Fonte de San Xermunde (foto: Alejandro, Club Acivro).

O QUE IMOS VER O 3 DE ABRIL EN BARANTES

Vista do Sil dende o castro de Vilanova.

O 3 de abril, domingo, ás 11:00 horas, sairemos da igrexa de Barantes para facer unha ruta pola parroquia. Non é preciso anotarse.
Igrexa parroquial de Barantes.
Dende alí, camiñaremos pouco máis de 1,5 km sen pendentes ata chegar ao castro.
O castro de Vilanova conta cun gran foxo e un potente terraplén no que se atopan moitas pedras, quizais da muralla.

Parapeto do castro de Vilanova.
Na croa atópanse restos de pallabarro e cerámica.
Dende o castro, temos unhas fermosas vistas do Sil e da parroquia de Santiorxo.
Vista do Sil dende Vilanova: o inicio do canón.

Vista da Somoza, Santiorxo, dende Vilanova.

Despois de baixar aproximadamente 0,5 km, vemos a magnitude do castro.
Pasamos pola Arriba…
A Arriba.
… e por Barantes de Baixo, con fermosos exemplos de arquitectura tradicional.
Barantes de Baixo.
Tede coidado coas feras que se atopan polo camiño.
Barantes é lugar de abondosa auga, con boas fontes e árbores de noso.
Subindo, sen apenas pendente, imos chegando a Barantes de Riba, cunha fermosa vista da Casa Reitoral.
Chegamos ata a Casa da Pereira, cunha cabeza castrexa encastrada no muro, onde voltaremos para sentármonos a xantar.
Casa da Pereira.
Continuamos subindo por Barantes de Riba…
… ata chegar, de novo, á igrexa.
Este é o mapa da ruta.
Mapa: Javier Vivirido.
Que fermoso é Barantes! Unha fiestra cara o Sil.

O SALTO DO CABALO DE SANTIAGO

Dispoñémonos a dar un salto marabilloso, a rememorar o galope fantástico do albo cabalo de Santiago cando brincou dende a pedra da Tapada do Monte, xunto ó rego de Baldeiros en Anllo Santo Estevo, ás Cerdeiriñas, por baixo mesmo do impresionante Castro dos Penedos, preto do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, Ourense.

A nosa humanidade imperfecta obríganos a salvar a distancia a pé, mais camiñando porémoslle medida ó espazo e á paisaxe e paladeraremos, coma se de unha boa comida de tratase, cada recoveco, cada reviravolta, cada loita tarabela entre as luces e as tebras, as cores e as formas indefinidas das cousas.

A nosa batalla non será contra os mouros -ó fin, todos nós participamos da mesma esencia, pois sempre foron máis para a nosa Cultura os habitantes dos castros que os vidos de África -, a nosa porfía teimuda será contra o esquecemento, contra a perda das vellas relacións entre as dúas orelas do Sil, que a lenda que nos serve de leitmotiv pon en evidencia. As relacións familiares, comerciais, de encontros e desencontros, do imaxinario colectivo, dos vellos camiños romanos cruzando o río polo Pear da Ponte, ou subindo pola Barca e enlazando cos portus o antergo dominio do mosteiro bieito, a poderosísima abadía hoxe convertida en Parador, as intensas relacións dun territorio único, que mira un para o outro dende os outos ribeiraos, coma un reflexo de sí mesmos, e para quenes o río e os inmensos cavorcos configuran un xemelgo sentir.

Foi o encoro, feito a mediados do século XX, e a sangría da emigración, a causa da fenda entre as dúas metades deste paraíso, onde os cenobitas encontraron o repouso e a inspiración para achegarse a Deus. Paradoxa da imposta modernidade, feita para beneficiar ós alleos, asulagando os mellores eidos en troques dun progreso que aquí só deixou o abandono e a explotación.

Volvemos nós por estes vellos camiños engarzando co elo da lenda as vellas relacións; porque as lendas son verdade: as pontes, os saltos descomunais, os seres que se agochan nos penedos, nos regos, nos soutos, fan desta viaxe iniciática, da Pena do Baldeiros ó Castro dos Penedos, unha volta ó onphalos nutricio, dende onde poderemos abrirnos ó mundo.


* Texto e foto: Alfonso Campos Pérez. Mapa: Javier Vivirido.

Ver máis en ACTIVIDADES.