Coplas de lugares

Barantes, bajantes;
A Arriba, estudiantes;
A Somoza, boa moza;
Os Hortos, pican os porcos;
en Vilariño corre a auga,
en Chavián cocen o pan
e os de Vilariño
van mirar se llo dan.

* Informante: Ildefonso Campos; Francos de Proendos, 1993.

A cabra do cura

cura

Había unha vez, nun pequeno pobo, un matrimonio pobre que tiña moitos fillos. Como a xente fala, ás veces, por falar, contábase nas tertulias que os fillos eran do cura.

Resulta que o cura tiña unha cabra. Unha cabra gorda, ben mantida.

Certo día, ao pobre home daquel pobre matrimonio ocorréuselle roubala para ter algo consistente que levar á boca.

A familia comeu a cabra: todiña.

O fillo máis pequeno cantaba moi ufano polos camiños:

Matámoslle a cabra ó cura.
Unha crúa, outra asada,
unha media entrepelada,
deixámoslla media acabada!

O cura, sentíndolle cantar tal cousa, díxolle:

– Se dis esto na igrexa, dareiche unha propina.

O rapaz marchou para a casa e o pai preguntoulle:

– E logo… ¿De que estiveche a falar co cura?

– Canteille a canción da cabra e pediume que a repetira o domingo na misa.

– Pois, en lugar de dicirlle así, – faloulle o pai – dille destoutra maneira…

O domingo, o cura, cando foi predicar dixo:

– Escuchad a este niño, que dirá toda la verdad.

Entón, cantou o neno:

Todos los hijos que tiene mi madre,
todos son hijos del señor abade.

Nisto, o cura murmurou:

– Orates frates, con rapaces non trates.

* Informante: Pilar Pérez de Barantes.

Sober e a música

banda nas festas de Sober 2002
Festas do Carme de Sober, ano 2002.

“Sober, terra de músicos” é un dito popular que reflicte a realidade destas terras da beira do Sil.

Igual que para o resto de Galicia, faltan datos para o estudo da música antes do século XI, tendo que limitármonos a imaxinar que polas terras que hoxe se enmarcan administrativamente no Concello de Sober as xentes habitantes dos seus máis de vinte castros danzasen en círculo, mentras bebían, ao son da “frauta e corneta”, como refire Estabón, e que houbese mozas que cantasen “na súa lingua” acompañadas “dalgún instrumento de percusión” á vez que danzaban e batían cos pés no chan, como a galaica da que fala Silio Itálico, danzas que perviviron, seica, máis alá da Idade do Ferro e da época romana, pois foron prohibidas no concilio bracarense do ano 512. Quen sabe, tamén, se era certa a acusación verquida contra os priscilianistas de realizaren prácticas supersticiosas con abundante presenza de música e se estas se celebraron aquí, na nosa ribeira?

banda 2001
A banda a inicios do s. XXI, dirixe Luis F. Guitián.

Podemos supoñer que a finais do século XI chegaría aos mosteiros de Sober – o masculino de Amandi, o feminino de Lobios – o canto litúrxico coñecido como gregoriano, e que cara 1200 comezaría a facer acto de presenza a polifonía. Todo é suposición, que faltan datos, pero, como non imaxinar no Pazo dos López de Lemos unha representación trovadoresca durante os séculos XIII e XIV, época de auxe desta lírica?

pinturas Proendos
Pinturas murais do s. XVI, Proendos.

Podemos rememorar, tamén, as cantigas populares acompañadas de múltiples intrumentos, entre os que destacarían a zanfona e a gaita, esta con gran aceptación no século XVI, coa que se interpretaban danzas profanas e litúrxicas. Quizais o gaiteiro e o seu acompañante representados nun dos murais do presbiterio da igrexa de Proendos, datado cara 1550, sexan personaxes reais, tan loiros os dous e birollo un deles, en contraste co resto das figuras.

Se pechamos os ollos, mesmo podemos escoitar aos cegos acompañados da zanfona a cantar romances nas feiras da Verea, dende o século XVII en diante, e quizais as xentes de Sober daquelas oíran algún vilancico interpretado nalgunha igrexa. E, tamén por aquel tempo, non podemos saber qué influencia puido ter nas terras de Sober o esplendor musical do Monforte do VII conde de Lemos.

Rebasada a metade do século XIX apareceu en Canaval a primeira banda da que se teña constancia nas Terras de Lemos* e a inventiva popular deixounos coplas e cantos, coma os que discurría pola mesma época o chamado “Tío Sabina”, que ensinaba a doutrina cunha peculiar cantiga en latín macarrónico.

banda 1933
Banda de Sober en 1933. Dirixe: Antonio P. García, o “Rei”.

No primeiro terzo do século XX apareceron outras dúas bandas en Sober e soou a música nas festas e romarías dos distintos lugares, nos salóns do Café Galicia ou nos bailes e representacións teatrais do entroido de Proendos, que se financiaba coa venda de coplas nas feiras de Sober, que a propia veciñanza da parroquia musicaba. Imaxinemos así mesmo o papel que a música tería na romaría de Cadeiras, da que Ramón Castro López informa sobre a presenza de “Amazonas” e “Danzantes”. Ben seguro, tamén, que soarían polos camiños as coplas que “O Trícole”, personaxe singular, inventaba sobre a xente da zona ao irlles cantar os Reis.

café galicia

Pasado o tempo da morte e da fame, unha formación de gaiteiros coñecida coma “A Tamborrada dos Carrazúas”, naturais da parroquia de Amandi, acudían a festas da contorna gañando o suficiente como para poder pagar o xornal dun home que lles atendese os eidos mentras eles vivían, folgadamente, da música. E apareceron tamén as orquestras para amenizar os bailes nos anos 50 e 60.

foto2c_Punteiros da Tamborrada dos Carrazúas
Punteiros da “Tamborrada dos Carrazúas”.

Tiñan as xentes de Sober boas aptitudes para a música, sabendo cantar espontaneamente a dúas voces, especialmente en Proendos, onde os mozotes da parroquia chegaban a facer tres ou catro voces ben harmonizadas, cun aquel de competición por ver quen resaltaba máis, o que sorprendeu a Xosé Luis Rivas, “Mini”, cando impartiu clases no colexio “Virxe do Carme” a mediados dos 70. Así, enténdese a proliferación de agrupacións corais en Sober polos anos 60 e 70, con coros en Telleiros e Vilamaior, dirixidos polos irmáns Rodríguez Guitián, o Orfeón de Proendos, creado polo párroco Don Anxel, o Coro da Sección Femenina e logo a Coral e a Escolanía de Sober, premiada varias veces, ambas as dúas últimas creadas e dirixidas por Ramiro Ares Devesa, párroco de Sober dende finais dos 50 ata o 2009, que foi, sobor de todo, sensibilísimo músico e compositor. Hoxe, a tradición de canto coral pervive no grupo músico-vocal “O Trícole”, creado a finais dos 90, e no grupo de coro da Escola Municipal de Música.

la Soberana
Orquestra “La Soberana”.

A finais do século XX tamén xurdiu en Sober un grupo de rock, composto por rapaces da vila, e asentáronse por aquí músicos doutros lares, como Gary Kupa, e hoxe son moitas as persoas que non lle perdoan unha “arrincada” nas interminábeis sobremesas das festas “do patrón”.

Visto o fermento musical destas terras, non é extraño que nelas sobreviva unha das bandas máis antigas de Galicia, que é, sen dúbida, o estandarte máis senlleiro da cultura musical de Sober.

escola de música Sober 1975
Primeira promoción da Escola de Música de Sober de 1975.

* Para coñecer a historia da Banda de Música de Sober, pódese adquirir, por só 10 €, o libro Banda de Música de Sober, Un século e medio de historia, editado pola nosa banda cunha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración de distintas empresas e asociacións de Sober. Pódese adquirir na oficina da Casa da Cultura ou nas actuacións da banda.

BIBLIOGRAFÍA E REFERENCIAS

– Informacións de Luis Fernández Guitián e Alfonso Campos Pérez.

– ALÉN, Mª PILAR. Historia da música galega. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 1997.

– CASTRO LÓPEZ, RAMÓN. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca. Deputación Provincial de Lugo, 1929. [Edición facsimile, ano 2000].

– FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. “As bandas de música nas Terras de Lemos”. En: Coral Renfe. 1960-2000. Monforte de Lemos, 2000.

– FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. “Rasgos geográficos, económicos y humanos de Sober” (p. 19 – 30). En: FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. Descripción del término municipal de Sober. Monforte de Lemos, 1977.

– RIVERA ARMERO, RICHARD; REYES FERRÓN, FERNANDO e FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. Itinerarios histórico-musicais. Monforte de Lemos. 2008.

– VVAA. “Banda de Música de Sober. Dos siglos de tradición musical viva” (p. 108 – 111). En: VVAA. Sober. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial. Lugo, 1998.

– http://fgbmp.net – Web da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Texto: Paula Vázquez Verao

Romaría da Virxe de Cadeiras, Pinol

pena da virxe

“A Virxe de Cadeiras naceu nunha pena, onde ten unha pileta, o peite e o espello.”

Iso é o que nos contaban nais e avoas cando iamos xantar á Romaría de Cadeiras, celebrada entre o 7 e 9 de Setembro no monte de Cadeiras, en torno ao santuario.

O santuario iniciado no século XVIII, e nunca rematado, “non vén a ser máis que a última traslación de ritos que teñen ás pedras como obxetos de culto, non no seu ser físico, senón como símbolo de perdurabilidade, máis aló das efémeras vidas.” A pedra na que se di que naceu a virxe, con cazoletas e coviñas desaparecidas ao ser cortadas, non podemos separala deste inconcluso templo con elementos barrocos e retábulos rococós; o maior, ao parecer, traído dunha igrexa de Monforte.

Os pendellos foron en orixe protección para os canteiros que preparaban a pedra, mais remataron sendo, ampliados, refuxio para os romeiros ata o día de hoxe.

Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, fala das danzantes -aínda se poden recoller testemuñas delo- e as amazonas, coma ritos característicos da festa.

Segue a ser a romaría máis concorrida do concello de Sober con procesión, misas e corros de comida popular. O día grande é o 8 de Setembro.

pendello

O rei do Palacio de Sober

Así no lo contou o Alfonso do Ferreiro de Francos:

“Vivía no palacio de Sober un rei ó que non lle sabemos nome.
Tivo que acudir á guerra contra os mouros, volvendo, pasado algún tempo, victorioso das súas batallas. Cando chegou a Monforte deuse conta de que non o esperaba naide para darlle noticia ningunha. Pensou no malo e dirixiuse ó palacio encontrándose con que a víspera enterráranlle a filla.

Pasou un ano averiguando polos máis amigos o que pasara: entre o médico e o capellán sacáronlle á filla en estado e logo envenenárona para que non poidera delatalos. Ó terlle o cabodano invitounos a todos a un banquete, e cando estiveron todos xuntos, coas tropas que tiña preparadas, rodeounos e colleu presos ós cómplices. Ós de menos castigo decapitounos e ós demais meteulles un ferro candente polo cerebro. Ó médico montouno nun burro de ferro cun peso nas pernas ata que, polo seu propio peso, se foi abrindo en dous. Ó capellán, como lle apuña a maior culpa, fíxolle unha caseta onde o amarrou e onde lle caía unha gota de auga que lle foi pudrindo o cerebro.
Decepcionado e aburrido polos acontecementos o rei vendeulle o palacio á Condesa de Lemos, que quería vivir sola e tranquila eiquí no palacio. Pero entre as amistades que lle cobraban os forales (tiña 73 forales para cobrar), empezaron a decir que había unha culebra moi grande no palomar para ver si así lle vendía os forales (o meu pai era cabezaleiro dun dos descendentes dos que lle compraron).
Á condesa ó final amedrentárona, marchou para Monforte e dende alí puxo caseiros que venderon as terras quedándose tan sólo cos arredores do palacio.
Esí mo contou o meu pai moitas veces”.

* Recollida de:
Alfonso do Ferreiro de Francos – Proendos – 12-I-2000.

As penas de Sinos e do Sol

“Hai unhas penas entre Vilaescura e Rosende chamadas A Pena de Sinos e A Pena do Sol, que eran a morada dos mouros, uns personaxes grandes e fortes que iban mercar xatos grandes á feira e que os pagaban cunhas monedas moi raras; levaban os xatos cara a ribeira e desaparecían por un túnel que tiñan elí e que iba dar do Cabe ó Sil. Di a miña nai que lle contaba a súa avoa que os mouros eran moi calados: só falaban o preciso pra axustar o trato da compra dos bois, e marchaban”.

* Recollida de:
Tomás de Corvelle – Proendos – 27-III-1999.

A Pena da Serpe

pena da serpe cestola

Cóntase, xa hai moitísimos anos, cando os mouros chegaron a esta zona de Galicia, que unha fermosa moura namorouse dun rapaz da vila. Os xoves namorados víanse ás agachadas na fraga, sempre no mesmo lugar, onde había unha enorme pedra nun camiño perdido. Un día, a familia da moura decatouse do que estaba a acontecer e decidiron asasinar o mozo, pois por entón non se concebía unha historia de amor tal entre dous sangues e culturas tan desemellantes.

Cando a fermosa muller descubríu a morte do seu namorado, entoleou. Fixo un feitizo e converteuse en negra serpe. Desde entón ronda a gran pedra que escondía as citas segredas da parella na fraga, suponse que agardando a que apareza o seu namorado.
Por iso, hoxe en día, cando un pasea polas fragas de Vilaescura e pode ver unha serpe negra, ten bon coidado de non magoala; está rondando a pedra da moura.

(Texto remitido por María Oruña Reinoso, Padróns, Ponteareas, Pontevedra).
FONTE: Esta lenda contouma o meu marido, que se criou en Vilaescura e dende cativo pasou alí moitos veráns. Eu mesma visitei a Pedra da Moura ainda que atopala, agás que nos acompañe alguén do lugar, é moi complicado.

Antonio Reigosa: Galiciaencantada.com.

[Imaxe de Cestola na Cachola: mural realizado en Sober].

A Pena do Gato

“A Pena Atureira, A pena do Gato, por elí andiveron os mouros – di o Cachufeiro – elí, na pena, había un tesouro agochado.

Fai moitos anos o meu irmao e outros mozos puxéronse a cavar xunto da pedra e mesmo a partiron para encontrar o tesouro que os maiores lle contaban que había. Co tesouro non diron, os mouros debérono agochar moi ben, pero dende aquela elí quedou unha explanada xunto ó penedo. Para elí levaron un libro e unha pita. O libro líallo eu… lía pouco pero… O libro tiña unha piel de ovella que parecía engrasada. Esto sería… Eu teño 82 anos e tiña 12 anos. Bota contas.”

– Recollida de:

* José “Cachufeiro” da Somoza – Santiorxo – 23-V-2000.

O pobre de Albar

Albar

Foi hai tempo, cando había pobres de pedir. Andaban dun lado para outro, cruzaban pola Barca de Gudín o río Sil e pedían aloxamento para pasar a noite. Había unha barcaza grande que servía para pasar carros tirados por cabalerías ou bois, e outra máis pequena para as persoas. Subía o camiño real polas Forcadas, pasaba ao lado de Albar, os Chelos (onde está o mirador), para seguir á Tenencia xunto da igrexa de Amandi. De Albar pódese desviar un polas Avaínzas ao Monte Algareiro e seguir ao Alto de Amandi; e por riba, polo camiño da Lámpara podíase chegar a San Mateo, onde, ao parecer, houbo un mosteiro.

Por eses lares, a luz de Amandi invita a vivir: o sol, os penedos, o ar dos montes desde onde se ve o mundo, os socalcos agatiñando ata as cimas, os camiños abertos á sorpresa. Pero o inverno e as tebras na ribeira poden ser unha lousa e as sombras alónganse, os ruídos exténdense, o camiño bisbolletea medos e perigos incertos. Así debeu ser naquela tardiña na que un pobre foi pedir pousada nas Forcadas; como na casa xa tiñan un home hospedado mandárono cara Albar. En Albar tampouco deu atopado alonxamento e seguiu cara a Tenencia. Ao Chegar a altura dos Chelos, un lugar especialmente sombrizo, atacárono os lobos e comérono, deixándolle tan só o brazo e a perna dereita. Dende aquelas, cheos de remorsos, os veciños estableceron a obriga de darlle pousada a todos os viaxeros e proporcionarlles pan e auga para o camiño.

Anos despois, no tempo de escribir estas liñas, Albar desapareceu como unha maldición, ou, mellor, como desaparecían as cidades cando se resistían os imperios, arrasadas ata os alicerces, os campos sementados de sal, ermos e abandoados. Albar foi derruída e convertida en socalcos, incluída a fonte na que apagaron a sede tantos pelegríns. Son a técnicas da desmemoria, da indignidade, da destrucción das referencias vitais como suprema violencia. Albar aínda figura no mapa e no nomenclátor, mais desapareceu da paisaxe como si debera pagar unha culpa, un vello pecado do que parecen oírse os berros. Pobre de Albar!

– Recollida de:

* Aurelia do Carrazúa – Lobios – 9-VIII-2003.
* José Manuel do Barqueiro dos Lameiros – Amandi – 3-XI-2004.

ELEMENTO MATERIAL

Barca de Gudín, Camiño Real, lugar de Albar, hoxe desaparecido.

AO REDOR DA LENDA

Polo sendeiro que subía das Forcadas a Albar, cara a metade do camiño, nun lugar chamado A Regata, foi onde comeran os lobos o mendigo. Xa o contaban os avós e era cousa de velo.
Cando vivía a Amadora había no pobo tres casas e vivían dúas familias. Estaba alí a Fonte de Albar, moi perto dun Patao da Mina, o manantial do lugar; estaban, tamén, as hortas da Chousa, O Eido da Lama e A Leira. A casa da Amadora era a chamada casa de Albar que tivera, en tempos, terras ata o río, todo nunha peza. Era unha das máis ricas de Amandi xunto coa da Lama e a da Barca.
Abandonado Albar pronto se foi enchendo de broza mesta. Durante algún tempo algún veciño limpaba algo e podíase furar e aproveitar algúns froitos; ó fin, un día, xa foi practicamente imposible achegarse e o lugar vendeuse para ser socalcos das viñas do amandi. É o que queda.

* Recollida de:

Amadora Puga de Portabrosmos – Pinol – 14-XII-2006.

A RAÍÑA DOS ANXOS

* Lenda sobre a capela da Raíña dos Anxos e sobre o castro da Mota, en Lobios, recollida por Alfonso Campos do José do Tellada o 5 de xullo do ano 2000.

Había unha moura que no alto da Mota tiña un cálice ao Sol. Por alí pasaba unha rapaza do lugar que, pensando que non a vían, colleu o cálice e botou a correr, mais a moura viuna e perseguiuna. A rapaza, ao verse seguida, ao pasar por riba dunhas laxas do camiño, mexouse co medo, quedando unhas marcas na pedra no lugar de Vilaronte, por debaixo da Mota, coma unhas raias por onde correron os mexos. Correndo, xa case sen alento, chegou á capela da Virxe, coa moura xa a punto de collela, e tirou o cálice polo burato da porta, exclamando: “Reina dos Anxos me valia”. “A boa madriña te encomendaches”, contestoulle a moura, marchando por onde viñera. 
O cálice, machucado polo lado que batera contra o chan, quedou na capela, gardándose durante moitos anos na casa do Tellada, da que saía polo día de Corpus e pola festa. Logo, o cura vendeuno e puxo unha réplica que non logrou enganar aos veciños, pois  faltáballe a machacadura de cando o tirou a rapaza perseguida pola moura.

O dono da casa do Tellada non deixou que gravaran a historia: “A min contáronmo os vellos, e eu cóntollo a vostede, e vostede contarallo a outros. ¿Que máis?”.