O rei do Palacio de Sober

Así no lo contou o Alfonso do Ferreiro de Francos:

“Vivía no palacio de Sober un rei ó que non lle sabemos nome.
Tivo que acudir á guerra contra os mouros, volvendo, pasado algún tempo, victorioso das súas batallas. Cando chegou a Monforte deuse conta de que non o esperaba naide para darlle noticia ningunha. Pensou no malo e dirixiuse ó palacio encontrándose con que a víspera enterráranlle a filla.

Pasou un ano averiguando polos máis amigos o que pasara: entre o médico e o capellán sacáronlle á filla en estado e logo envenenárona para que non poidera delatalos. Ó terlle o cabodano invitounos a todos a un banquete, e cando estiveron todos xuntos, coas tropas que tiña preparadas, rodeounos e colleu presos ós cómplices. Ós de menos castigo decapitounos e ós demais meteulles un ferro candente polo cerebro. Ó médico montouno nun burro de ferro cun peso nas pernas ata que, polo seu propio peso, se foi abrindo en dous. Ó capellán, como lle apuña a maior culpa, fíxolle unha caseta onde o amarrou e onde lle caía unha gota de auga que lle foi pudrindo o cerebro.
Decepcionado e aburrido polos acontecementos o rei vendeulle o palacio á Condesa de Lemos, que quería vivir sola e tranquila eiquí no palacio. Pero entre as amistades que lle cobraban os forales (tiña 73 forales para cobrar), empezaron a decir que había unha culebra moi grande no palomar para ver si así lle vendía os forales (o meu pai era cabezaleiro dun dos descendentes dos que lle compraron).
Á condesa ó final amedrentárona, marchou para Monforte e dende alí puxo caseiros que venderon as terras quedándose tan sólo cos arredores do palacio.
Esí mo contou o meu pai moitas veces”.

* Recollida de:
Alfonso do Ferreiro de Francos – Proendos – 12-I-2000.

As penas de Sinos e do Sol

“Hai unhas penas entre Vilaescura e Rosende chamadas A Pena de Sinos e A Pena do Sol, que eran a morada dos mouros, uns personaxes grandes e fortes que iban mercar xatos grandes á feira e que os pagaban cunhas monedas moi raras; levaban os xatos cara a ribeira e desaparecían por un túnel que tiñan elí e que iba dar do Cabe ó Sil. Di a miña nai que lle contaba a súa avoa que os mouros eran moi calados: só falaban o preciso pra axustar o trato da compra dos bois, e marchaban”.

* Recollida de:
Tomás de Corvelle – Proendos – 27-III-1999.

A Pena da Serpe

pena da serpe cestola

Cóntase, xa hai moitísimos anos, cando os mouros chegaron a esta zona de Galicia, que unha fermosa moura namorouse dun rapaz da vila. Os xoves namorados víanse ás agachadas na fraga, sempre no mesmo lugar, onde había unha enorme pedra nun camiño perdido. Un día, a familia da moura decatouse do que estaba a acontecer e decidiron asasinar o mozo, pois por entón non se concebía unha historia de amor tal entre dous sangues e culturas tan desemellantes.

Cando a fermosa muller descubríu a morte do seu namorado, entoleou. Fixo un feitizo e converteuse en negra serpe. Desde entón ronda a gran pedra que escondía as citas segredas da parella na fraga, suponse que agardando a que apareza o seu namorado.
Por iso, hoxe en día, cando un pasea polas fragas de Vilaescura e pode ver unha serpe negra, ten bon coidado de non magoala; está rondando a pedra da moura.

(Texto remitido por María Oruña Reinoso, Padróns, Ponteareas, Pontevedra).
FONTE: Esta lenda contouma o meu marido, que se criou en Vilaescura e dende cativo pasou alí moitos veráns. Eu mesma visitei a Pedra da Moura ainda que atopala, agás que nos acompañe alguén do lugar, é moi complicado.

Antonio Reigosa: Galiciaencantada.com.

[Imaxe de Cestola na Cachola: mural realizado en Sober].

A Pena do Gato

“A Pena Atureira, A pena do Gato, por elí andiveron os mouros – di o Cachufeiro – elí, na pena, había un tesouro agochado.

Fai moitos anos o meu irmao e outros mozos puxéronse a cavar xunto da pedra e mesmo a partiron para encontrar o tesouro que os maiores lle contaban que había. Co tesouro non diron, os mouros debérono agochar moi ben, pero dende aquela elí quedou unha explanada xunto ó penedo. Para elí levaron un libro e unha pita. O libro líallo eu… lía pouco pero… O libro tiña unha piel de ovella que parecía engrasada. Esto sería… Eu teño 82 anos e tiña 12 anos. Bota contas.”

– Recollida de:

* José “Cachufeiro” da Somoza – Santiorxo – 23-V-2000.

O pobre de Albar

Albar

Foi hai tempo, cando había pobres de pedir. Andaban dun lado para outro, cruzaban pola Barca de Gudín o río Sil e pedían aloxamento para pasar a noite. Había unha barcaza grande que servía para pasar carros tirados por cabalerías ou bois, e outra máis pequena para as persoas. Subía o camiño real polas Forcadas, pasaba ao lado de Albar, os Chelos (onde está o mirador), para seguir á Tenencia xunto da igrexa de Amandi. De Albar pódese desviar un polas Avaínzas ao Monte Algareiro e seguir ao Alto de Amandi; e por riba, polo camiño da Lámpara podíase chegar a San Mateo, onde, ao parecer, houbo un mosteiro.

Por eses lares, a luz de Amandi invita a vivir: o sol, os penedos, o ar dos montes desde onde se ve o mundo, os socalcos agatiñando ata as cimas, os camiños abertos á sorpresa. Pero o inverno e as tebras na ribeira poden ser unha lousa e as sombras alónganse, os ruídos exténdense, o camiño bisbolletea medos e perigos incertos. Así debeu ser naquela tardiña na que un pobre foi pedir pousada nas Forcadas; como na casa xa tiñan un home hospedado mandárono cara Albar. En Albar tampouco deu atopado alonxamento e seguiu cara a Tenencia. Ao Chegar a altura dos Chelos, un lugar especialmente sombrizo, atacárono os lobos e comérono, deixándolle tan só o brazo e a perna dereita. Dende aquelas, cheos de remorsos, os veciños estableceron a obriga de darlle pousada a todos os viaxeros e proporcionarlles pan e auga para o camiño.

Anos despois, no tempo de escribir estas liñas, Albar desapareceu como unha maldición, ou, mellor, como desaparecían as cidades cando se resistían os imperios, arrasadas ata os alicerces, os campos sementados de sal, ermos e abandoados. Albar foi derruída e convertida en socalcos, incluída a fonte na que apagaron a sede tantos pelegríns. Son a técnicas da desmemoria, da indignidade, da destrucción das referencias vitais como suprema violencia. Albar aínda figura no mapa e no nomenclátor, mais desapareceu da paisaxe como si debera pagar unha culpa, un vello pecado do que parecen oírse os berros. Pobre de Albar!

– Recollida de:

* Aurelia do Carrazúa – Lobios – 9-VIII-2003.
* José Manuel do Barqueiro dos Lameiros – Amandi – 3-XI-2004.

ELEMENTO MATERIAL

Barca de Gudín, Camiño Real, lugar de Albar, hoxe desaparecido.

AO REDOR DA LENDA

Polo sendeiro que subía das Forcadas a Albar, cara a metade do camiño, nun lugar chamado A Regata, foi onde comeran os lobos o mendigo. Xa o contaban os avós e era cousa de velo.
Cando vivía a Amadora había no pobo tres casas e vivían dúas familias. Estaba alí a Fonte de Albar, moi perto dun Patao da Mina, o manantial do lugar; estaban, tamén, as hortas da Chousa, O Eido da Lama e A Leira. A casa da Amadora era a chamada casa de Albar que tivera, en tempos, terras ata o río, todo nunha peza. Era unha das máis ricas de Amandi xunto coa da Lama e a da Barca.
Abandonado Albar pronto se foi enchendo de broza mesta. Durante algún tempo algún veciño limpaba algo e podíase furar e aproveitar algúns froitos; ó fin, un día, xa foi practicamente imposible achegarse e o lugar vendeuse para ser socalcos das viñas do amandi. É o que queda.

* Recollida de:

Amadora Puga de Portabrosmos – Pinol – 14-XII-2006.

A RAÍÑA DOS ANXOS

* Lenda sobre a capela da Raíña dos Anxos e sobre o castro da Mota, en Lobios, recollida por Alfonso Campos do José do Tellada o 5 de xullo do ano 2000.

Había unha moura que no alto da Mota tiña un cálice ao Sol. Por alí pasaba unha rapaza do lugar que, pensando que non a vían, colleu o cálice e botou a correr, mais a moura viuna e perseguiuna. A rapaza, ao verse seguida, ao pasar por riba dunhas laxas do camiño, mexouse co medo, quedando unhas marcas na pedra no lugar de Vilaronte, por debaixo da Mota, coma unhas raias por onde correron os mexos. Correndo, xa case sen alento, chegou á capela da Virxe, coa moura xa a punto de collela, e tirou o cálice polo burato da porta, exclamando: “Reina dos Anxos me valia”. “A boa madriña te encomendaches”, contestoulle a moura, marchando por onde viñera. 
O cálice, machucado polo lado que batera contra o chan, quedou na capela, gardándose durante moitos anos na casa do Tellada, da que saía polo día de Corpus e pola festa. Logo, o cura vendeuno e puxo unha réplica que non logrou enganar aos veciños, pois  faltáballe a machacadura de cando o tirou a rapaza perseguida pola moura.

O dono da casa do Tellada non deixou que gravaran a historia: “A min contáronmo os vellos, e eu cóntollo a vostede, e vostede contarallo a outros. ¿Que máis?”.

As xacias

O pobo dos xacios, homes e mulleres anfibios de aspecto humano, vive nas pozas máis fondas do río Miño, entre as terras lemavas e as chantadinas.
As fermosas xacias atraen aos mozos do lugar, non só pola súa beleza, senon tamén polos tesouros que agochan no máis fondo do Miño.
Os xacios e xacias son moi semellantes a outros seres míticos nórdicos.
Tamén se conta que había mulleres-peixe no regato do Bao, en Sober.
LENDA – A xacia que casou en Vilar de Ortelle
Un veciño de Vilar de Ortelle topouse cunha fermosa xacia na beira do Miño, que lle dixo que a bautizase, para desencantarse e casar con el. Así fixeron e daquel matrimonio naceron uns nenos aos que lles gustaba tanto a auga que pasaban o tempo a bañarse no río, tanto que o pai, furioso, un día lles berrou:
– Ídevos daquí, fillos dunha xacia!
Dende entón, o matrimonio nunca volveu ser feliz. Como o home estaba sempre malhumorado, a xacia decidiu marchar e volver cos da súa estirpe. Pero, os xacios, en castigo por terse feito cristiá, descuartizárona no fondo do río. Cando o marido a foi buscar, atopou tan só as entrañas da xacia flotando nas augas.
Andando o tempo, a filla máis nova daquel casamento, que era a que levaba o gando ao monte, fíxose amiga dunha xacia que viña visitala e lle regalaba graos de millo que se lle voltaban ouro na faldriqueira, ca condición de que non contase nada a ninguén, pois se non obedecía levaríana as xacias para sempre.
A nena, de nome Sabela, rematou por contarllo a seu pai e, un día que foi ao monte non regresou.
O pai marchou na súa procura e andivo ao redor do castelo de Marce por ver se aparecía, viva ou morta.
Canso de berrar por ela, cando voltaba para a casa sen esperanza de volver ver á filla, escoitou unha voz fonda que dende o curuto do castelo lle dicía:
– Sabeliña, Sabelón,
fritida está en aceitón.
E o home renegaba daquela xacia maldita que coñecera á beira do río.

O ENCANTO DA PENA DO BOQUEIRO

Perto da Barca de Santo Estevo, cara o lugar do Boqueiro, había unha pedra cun burato que ía dar ó Cabe, que morre alí, a poucos metros, no Sil. Os que pasaban polo lugar á noitiña, din ter visto unha fermosísima rapaza de pelo dourado sentada no penedo, peiteándose cun peite de ouro, mentras se miraba arroubada nun espello do mesmo precioso metal, relocindo, naquela luz imprecisa, igual cós seus cabelos.

Din os do lugar que, cando se intentaban acercar á rapaza, esta se trocaba nunha serpe e desaparecía polo buraco.
Contaba o Casimiro da casa dos Piricos que para desfacer aquel encanto había que ler, a determinada hora, certos pasaxes da Biblia o revés; entón, poderíaste quedar cos tesouros que alí se gardaban; mais se o facías mal, viríase abaixo a montaña, como pasou non hai moitos anos en San Cosmede, cando por culpa dun feitizo o monte se veu enriba da carretera.
Teñen visto os da Barca unha néboa saíndo do buraco da pena; un bafo desfiañado depositándose polos arredores, como protexendo cun veo de misterio o lugar encantado.

– Recollida de:
Ramón e o seu fillo Jesús, oído ó pai do primeiro e ó Casimiro da casa dos Piricos da Barca de Santo Estevo — Anllo Santo Estevo — 15-IX-2006.

O PEAR DA PONTE

“O que dices tu que o demo pactou cos curas para facer unha ponte éche donde lle chaman Besteiros; está asulagado, era no fondo do Cachón de Xabrega. Cando o río estaba baixo, no verao, pasábase andando, aínda que había unha corriente enorme; e, elí, no fondo desa corriente do Cachón de Xabrega, era onde eles empezaron a facer a ponte para pasar pra alá; porque esta ribeira era case toda deles”.
José “Carneireiro” do Arroxó — Anllo Santo Estevo — 21-V-2000.
“(…) Se trata del que proviene del portum Senabreca (hoy Xabrega), citado en el diploma de Ordoño II y situado justo en la última curva a la izquierda que da el río Sil antes de la presa del embalse de San Esteban; donde desamboca el arroyo de Lamateiro por la parte orensana, y el de Camilo por la parte lucense. Este portum está totalmente olvidado por los investigadores y sin embargo, a juzgar por lo que conserva la tradición popular, debió de ser importante.
La parte de la ribera que queda a la derecha del regato Lamateiro en su último tramo, coronada por grandes formaciones rocosas que se yerguen casi en vertical a 300 metros de altura sobre el nivel del embalse, es conocida en la zona con el nombre de Pe de Home, y también como As Pisadas de Nuestro Señor; debido a la existencia en una de las rocas de una pequeña excavación que recuerda la huella de un pie humano.
Se cuentan sobre este lugar innumerables leyendas de mouros y de las luchas de Santiago contra ellos, señalándose aún los supuestos cortes que sobre un peñasco dejó la espada del apóstol; y hay además una “cova dos mouros” totalmente inexplorada.
Por lo que respecta al tema que nos ocupa, cuenta la leyenda que los mouros consideraron la posibilidad de hacer aquí un puente para pasar hacia el valle de Lemos; decidiendo tomar dos gallos, uno blanco y otro negro, y esperar a ver cual cantaba primero: se haría el puente si cantaba el gallo blanco. Por lo visto cantó primero el negro; y hubo que seguir atravesando el río por un paso de barca hasta que la construcción del embalse en 1955 propició la del puente de la Barca de San Esteban (el Portum Novum del que habla el documento). Los de la margen izquierda iban por aquí a la feria de Sober. Por su parte los de Lemos, cruzaban el río cuando se dirigían en peregrinación al Santuario de los Milagros (…).”
Antonio G. Rodicio. “Vía romana de Astorga a Orense…” páx. 133. Boletín Auriense XXV. Lenda recollida en Santiago de Cerreda – Ourense.
“(…) Segundo unha lenda da que xa temos dado conta no noso anterior artigo, en algún momento do pasado tiñan considerado os mouros a posibilidade de construir unha ponte nesta zona, obra que finalmente non se executou. O noso dato é que a lenda reflicte un feito real. En efecto, os veciños de Vilar de Cerreda que coñeceron o lugar antes de que se fixera o encoro, atestiguan que alí están as cepas ou pilares dunha antiga ponte, cuia construcción que (non?) se chegou a rematar. Na parte ourensana, segundo din, consérvase un pilar, que eles denominan desde tempo inmemorial “o pear da ponte”. A mesma información déronnola xentes da marxe direita do río, onde hai outro pilar. A pesar de estar en desacordo coa tradición, é posíbel que estos restos correspondan a unha ponte que non se chegou a reconstruir, antes que a unha ponte que non se chegara a rematar. Despois de ter feito preguntas para averiguar algo nese sentido, non obtivemos nada convincente. Todo eso está agora no fondo do encoro, polo que non é posíbel unha inspección directa, da que quizais se puidera deducir a orixen romana de tal construcción (…).”
Antonio G. Rodicio. “O Porto Senabreca e a posíbel vía romana Chaves-Monforte”. RAIGAME – 2000.

O BURACO DA MOURA

“Contan que foi verdade, que na parroquia de Bolmente, no lugar de Ferrón, vivía un rapaz que tiña un rabaño de cabras, e todos os días as ceibaba ó monte, que lle quedaba moi preto. Alí, todos os días visitaba a unha moura moi guapa.
Pasado un tempo, namoráronse, pero ela vivía no monte e non tiña nada, e el só tiña un rabaño de cabras e non podían casar.
A moura propúxolle que se lle facía caso a ela serían moi ricos. Ó día seguinte cando el ceibara as cabras, coma sempre, ela iría ó seu encontro en forma de cobra e, canto maior fose o ruido que fixera, maior sería a fortuna que levaba, pero coa condición de que se tiña medo e fuxía nunca máis a ía volver ver. Cando ela se presentou por diante del, abríuse un boquete no chan e do buraco saliu a cobra, que traía un ruido espantoso. O rapaz, ó ver a cobra, botou a correr e nunca máis volveu ver á moura e, aínda hoxe, alí, lle chaman O Buraco da Moura.”

– Recollida de:
Do traballo escolar para o Instituto Daviña Rei de Monforte de Iñaki Rodríguez e Javier Vázquez recollido á nai do primeiro, Carmen de San Paio (San Martiño de Anllo), que vive na Pousa.