Igrexa de Santa María de Baamorto

* No ano 2005, a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos editou un folletiño para ilustrar a súa visita ás parroquias monfortinas de Baamorto e Valverde. As notas seguintes están sacadas da publicación cidatada; as fotos son de Paula Vázquez Verao.
A igrexa parroquial de Santa María de Baamorto (Monforte de Lemos) conserva algún resto románico – canzorros, contrafortes, saeteiras, porta sur con mochetas e arco interior – mais a fasquía actual débese á importante transformación que sufriu a finais do século XVI: cunha nova fachada principal (oeste) e un atrio cuberto columnado que abrangue a fachada principal e o lado sur.
No século XVIII engádese a sancristía, na cabeceira, e unha dependencia no lado sur.
A planta orixinal románica é dunha soa nave rectangular.

O lugar de Palleres, desta parroquia, podería ter dado lugar ao condado pallarense de época sueva. A parroquia foi da xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén (encomenda do Incio).

PINTURA MURAL
Na parede sur da igrexa, protexidas polo pórtico engadido a finais do século XVI, conservouse un conxunto de pintura mural único.
O ciclo de pinturas de Baamorto versa en torno aos derradeiros momentos da vida de Cristo. Organízase en dúas bandas que se len cronoloxicamente comezando dende a parte superior esquerda e rematando na inferior dereita.
Nos paneis, algún moi perdido, recoñécense os seguintes temas:
– a Derradeira Cea
– prendemento no horto das oliveiras
– Pedro cortándolle a orella ao criado do Sumo Sacerdote
– Cristo na casa de Anás
– Cristo conducido ante Pilatos
– a Flaxelación
– a Coroación de espiñas
Xa que logo, atopámonos ante un ciclo da paixón segundo o evanxeo de San Xoán, que quizais se completase no interior cun ciclo do nacemento de Xesús (por exemplo, coma o de Proendos).

“A presenza de arquitecturas, detalles coma a decoración da cátedra de Anás, as perspectivas dos soldados, as vestimentas, así como a decoración de tipo vexetal e fitas que enmarcan as esceas, etc, datan este ciclo na segunda metade do s. XVI. Para (José Manuel) García Iglesias o autor deste importante conxunto sería o chamado mestre de Nogueira”.
VINCULACIÓN Á ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN

A casa rectoral de Baamorto conserva tres escudos coa Cruz de Malta, propia da orde de Xerusalén.
Nas comarcas de Lemos e Quiroga, a orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén tivo importante presenza.
BIBLIOGRAFÍA
– “Pinturas murais de Baamorto e igrexa de Valverde” (2005). Texto: César Carnero. Amigos do Patrimonio de Lemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*