INTRODUCCIÓN

UNHA VISITA A PROENDOS

Queda Proendos nun outeiro mesetario a 480 m. sobre o nivel do mar, a menos de un km. da capital municipal.
Dende o Alto de Penelas a Castrelos, pasando por As Tapias, As Portelas, Pedride, Vilastrille, Pedorade e As Tercias, hai un amplo territorio onde o home, ó longo do tempo, deixou a súa impronta.
E é iso o que imos facer, unha viaxe por un dilatado período de miles de anos onde nos encontraremos con pezas megalíticas reconvertidas en tapa de fonte, petroglifos da Idade do Bronce, abundantísimos vestixios castrexo romanos que sementaron na imaxinación popular a fabulosa Proencia das lendas, o medievo das necrópoles e, sobre todo, dos restos da igrexa románica (S. XII) engalanada cos frescos do S. XVI.
Poderemos ver, tamén, a arquitectura nobiliaria das casas de Vilastrille, de fins do XVII, e a casa dos Ojeas do XVIII, e mesmo o conxunto do pobo de Proendos, adoradores dos deuses pagáns do Entroido, que conserva certo encanto, ás veces estragado, de lugar preladrillo, onde se gardan ciumentamente os tesouros das leiras.
Pero ollo, non imos ver un museo aséptico e ordenado, achegarémonos a unha realidade fragmentada non sempre ben conservada e respectada. A escena, iluminada coa luz intermitente dos vestixios, haberá de ser completada coa nosa intuición e imaxinación á espera de novas claves a durmir nos eidos.
* FOTOS: Roseta da Finca do Barbado (Foto de Manuel Losada Losada) e Petroglifo do Xestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*