O tórculo de Soto Freire

De como veu parar o tórculo de Soto Freire ao Cima do Lugar e de como marchou para Pesqueiras no Saviñao ou da relación post mortem entre un dos máis importantes impresores e editores galegos e Castelao, hoxe un icono na nosa terra, é do que tratan estas poucas liñas.

* Por Alfonso Campos Pérez.

Falamos dun tórculo, logo, é dicir, neste caso, dunha pequena prensa que se basea no principio do parafuso sen fin. En fino: unha máquina garimétrica helicoidal. Atribuída a súa invención a Arquito de Tarento (430-360 a.c), o artiluxio ficou asociado á xenialidade de Arquímedes, quen o utilizaba para subir líquidos. O desenvolvemento posterior lévanos ao tórculo romano e á invención da imprenta por Gutemberg, adaptación daquel e das prensas das uvas empregadas nas ribeiras do Rin.
Con este uso é como o xunguimos ao afamado editor Manuel Soto Freire, nado en Lugo un 26 de xaneiro de 1826, unido a senlleiras figuras do pensamento e da literatura galegas como Rosalía de Castro ou Manuel Murguía. Foi un dos grandes editores galegos, adicándose á tarefa da impresión de periódicos, boletíns, almanaques e libros, entre eles os dous primeiros tomos da Historia de Galicia de Murguía (1865-1866) e a Gramática galega (1868) de Juan Antonio Saco y Arce. El mesmo foi autor de artigos periodísticos e literarios e dun ensaio bibliográfico titulado La Imprenta en Galicia, publicado en 1982 polo Círculo de las Artes de Lugo.
Segundo o profesor Xosé Ramón Barreiro a intransixencia ideolóxica e reaccionaria, moi relacionada co carlismo, levouno a que a súa empresa entrara nunha grave crise a partir do ano de 1869, co cal Soto Freire decidira cambiar de vida radicalmente comprándolle no 1872 a Casa Grande de Goián a Melchor Bermúdez de Castro, no concello de Pantón. Alí desenvolveu unha recoñecida e premiada explotación gandeira e alí morreu un 27 de marzo de 1897. En Goián parece que non abandonou de todo o oficio, conservando un modesto pero suficiente equipo de impresión.
Cando me chamou a Emilia Vila, a miña querida e sempre lembrada Mucha – que o Deus no que cría fervorosamente a teña na gloria – para darme o tórculo, non sabiamos a quen pertencera. Explicoume que o trouxera para a súa casa da rúa de Ourense desde a Casa Grande de Goián, da que o seu home fora un dos seus donos. Lembraba oír dicir que as vellas criadas da casa dicían que viñera en varias ocasións “un señor moi pequeniño que estivera casado con Rosalía de Castro” a reclamar uns libros. A Mucha lembraba outros elementos da imprenta que non sobreviviron.
Dous dos gravados realizados co tórculo, de Santi Covelo e Pepe Barxa.
Despois dunha breve estancia no Cima do Lugar deixeille o tórculo a uns amigos que están a facer uso del no taller de restauración de Pesqueiras. Polo que sei, xa serviu para restaurar o manuscrito orixinal de Os vellos non deben namorarse de Castelao así como outros traballos de impresión. Soto Freire, dalgún xeito nas antípodas do pensamento político de Castelao -e aínda do propio Murguía, co que colaborou en vida- sentiríase, sen dúbida, orgulloso da utilización do Tórculo no oficio no que el tanto sobresaíu. Posiblemente a Galiza que se resiste a morrer fora o nexo común.
 

One thought on “O tórculo de Soto Freire”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*