A misteriosa cabeza de Pinol

cabeza Pinol

* Artigo de Francisco Albo en La Voz de Galicia, edición Lemos, o 13 de xullo de 2011 (aquí).

Un elemento descoñecido do patrimonio histórico de Sober foi descuberto recentemente na parroquia de Pinol. Trátase dunha figura tallada en baixorrelevo que representa de forma moi esquemática un rostro humano. A talla encóntrase nunha pedra embutida no muro exterior dunha vivenda situada xunto á igrexa románica de San Vicente e ata agora non foi mencionada en ningún inventario do patrimonio nin en calquera outra publicación.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo sinala que a figura mostra un grande parecido coas representacións de rostros humanos que poden verse en diversos relevos castrexos de Galicia e do norte de Portugal. “Se a peza tivese aparecido nun castro, non tería ningunha dúbida en rotulala como un baixorrelevo castrexo -afirma-, pero como apareceu noutro contexto iso xa non se pode afirmar con seguridade”.

Nas proximidades de Pinol encóntrase o castro das Medorras, pero a falta de máis indicios arqueolóxicos, non se pode afirmar que a pedra tallada fose traída dese lugar cando se construíu a casa, que ten unha antigüidade considerable.

A peza foi descuberta casualmente por Alfonso Campos, membro da asociación cultural O Colado do Vento, cando mostraba a igrexa de Pinol a un grupo de visitantes. “Pasei por ese mesmo sitio moitísimas veces e nunca me fixara no relevo pero esa vez vino con claridade, seguramente porque a luz do sol axudaba nese momento a distinguir mellor os trazos”, explica.

Texto: Francisco Albo.

cabeza de Pinol

Romaría da Virxe de Cadeiras, Pinol

pena da virxe

“A Virxe de Cadeiras naceu nunha pena, onde ten unha pileta, o peite e o espello.”

Iso é o que nos contaban nais e avoas cando iamos xantar á Romaría de Cadeiras, celebrada entre o 7 e 9 de Setembro no monte de Cadeiras, en torno ao santuario.

O santuario iniciado no século XVIII, e nunca rematado, “non vén a ser máis que a última traslación de ritos que teñen ás pedras como obxetos de culto, non no seu ser físico, senón como símbolo de perdurabilidade, máis aló das efémeras vidas.” A pedra na que se di que naceu a virxe, con cazoletas e coviñas desaparecidas ao ser cortadas, non podemos separala deste inconcluso templo con elementos barrocos e retábulos rococós; o maior, ao parecer, traído dunha igrexa de Monforte.

Os pendellos foron en orixe protección para os canteiros que preparaban a pedra, mais remataron sendo, ampliados, refuxio para os romeiros ata o día de hoxe.

Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, fala das danzantes -aínda se poden recoller testemuñas delo- e as amazonas, coma ritos característicos da festa.

Segue a ser a romaría máis concorrida do concello de Sober con procesión, misas e corros de comida popular. O día grande é o 8 de Setembro.

pendello

Ara de Liñarán

ara-liñarán

Ara votiva romana situada como base dunha columna do adro do lado sur da igrexa de Liñarán (Sober).

Inscrición latina: LVGVBO ARQUIENºB CAIVS IVLIVS HISPANVS V.S.LM

Tradución (segundo Nicandro Ares): “Caio Xulio César Hispano pagou gustoso en xustiza o voto aos Luguves Arquenios”

LENDAS ASOCIADAS

Contáballe a avoa que antes Momelle, A Pousa, As Quintas, Cima de Vila e O Pacio eran de Proendos e O Castro e A Lama eran de Gundivós. Cando fixeron a igrexa de Liñarán aproveitaron as pedras que había no Monte de San Roque, antigamente cuberto por un souto grande de castiñeiros. Alí pola tapada do Argallo había a capela a Santa Catalina e outra a San Roque. Dalí trouxeron a pedra para facer a igrexa e as columnas e a ara romanas. Da tapada do Argallo viñan os anacos de tella cos que xogaban á raiña de nenas. Trouxeron os santos das capelas e a campá da igrexa que di “vale quen tén” cando soa.

* Informante: nai da Rosa da Lama de Gundivós – Gundivós – 12-VIII-2005. Recollida por A. Campos.

Hai un simpático dicho en torno a la “campana” de Liñarán, que dice que al tocar en ella con el “badal”, la onda sonora da la impresión de decir “vale que ten”… Y nada más cierto desde el punto de vista práctico.

* Fonte: FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE,1977: Descripción del Término Municipal de Sober, páx.82. Imprenta Fénix, Monforte de Lemos.

Crónica audiovisual do roteiro poético por Barantes

no bouzo

Foi unha mañá de abril marabillosamente primaveral esta que pasamos por Barantes.
O obxecto foi facer un roteiro en torno aos lugares de inspiración da poesía de Ramón Sandoval, ao que acompañaron outras amizades poetas e coa xente de Barantes que se quixo achegar.

no bouzo lendo

Comezamos na igrexa de Barantes, cunha peza de gaita para “os ancestros” e lectura poética, a de Sandoval do libro Territorios Estraños.
Camiñamos ata o Bouzo, dende onde se divisa a zona de viñas de Lobeiras e San Tomé, onde había unha capela.

no bouzo cantando

no bouzo-vista
No Bouzo, ademais de rememorar Sandoval a infancia en Barantes, con varias composicións, recitaron Mar Sabater, Rosa García Machado, Francisco Aldereguía e Carlos Rafael, e interpretouse Fincas en propiedá, con letra de Sandoval que fala de lugares da zona onte paramos, musicada polos Parentes.

A seguinte parada poética foi no Castriño, impresionante castro da parroquia de Barantes, sobre o Sil.

dende o Castro de Barantes

lendo no Castro de Barantes

Para rematar, o recital de despedida foi na Arriba, lugar de Ramón Sandoval, fronte á súa casa natal.

casa da arriba
Outro xeito de achegarnos a unha parroquia, aos camiños da ribeira e ás nosas paisaxes de encantamento.

Texto, fotos e vídeo: Paula Vázquez Verao.

Mámoa do Monte dos Cousos (Doade)

mámoa dos Cousos

Polo Monte dos Cousos pasaba o antigo camiño a Mourentán frecuentado na época de muíñada polos de Ceceda e os de Marcelle. Todos miraban para aquel bulto redondiño emerxido da chaira do redor e imaxinaban os tesouros agochados polos mouros, esa raza de homes e mulleres con poderes sobrenaturais. Mais ninguén se lembraba xa dos buscadores de alfaias agochadas na medorra aínda que fose evidente o gran foxo practicado no seu centro e xa ninguén daba fe de que o que sacaron dalí, ademáis duns anacos de olas rotas, foran unhas pedras grandes da mesma clase esquistosa que as da parroquia. Eran tempos de máis de novecentas almas na feligresía, de rabaños de ovellas, de terras traballadas ata converter aqueles montes en agros de pan coma un mar de ondulacións verdes ao son do vento da tardiña; tempos de tránsitos e trafegos. Logo, veu o despoboamento e o abandono, cubríuse todo de broza e con ela tamén a mámoa redondiña e o vello camiño transformouse en pista asfaltada cara o cruce do Cadaval onde se celebraba o dezasete de cada mes unha concurrida feira: pendellos, as cantinas do Colón, do Pistón, do Mourentán e a cantina do Chorlas resistindo, aínda, como esquelete de ladrillo.

mourentán

No Monte dos Cousos fíxose o campo de fútbol e o aeródromo para a prevención de incendios e a mámoa resistiu no borde mesmo, como atalaia dende a que algún, á sombra dun carballo que nacera nela, seguía os partidos entre os solteiros e casados de Doade. Resistiu. Doutras da contorna só quedaron os nomes cos que a xente bautizou aqueles fitos singulares da paisaxe: Medorra, mámoa, anta, meda, forno, arca… E moitos máis, que a nosa língua é rica nos matices e nas exactitudes cando cómpre. Por iso estamos no Monte dos Cousos e a toponimia parece referirse a un peche para o gando ou foxo para os lobos. Velaí como os máis vellos acordan un foxo de lobos que era dos Camberos, feito cando abundaba este fermoso e mítico animal nos nosos montes. Nesa ancestral guerra entre o home e o lobo, tamén convivencia e colaboración – aí está o can para demostrárnolo -, o devir fixo perdedores aos dous: o inimigo era outro.

ponte de Paradela

A mámoa durmiu o soño dos seus moradores durante moito tempo ata que os responsables da loita contra os incendios forestais decidiron desbrozar a zona para despexar a área de despegue – aterraxe das avionetas. A casualidade fixo o resto. O noso amigo Daniel, arqueólogo e enfermeiro da Coruña, que xa ten participado con nós nas actividades do Colado do Vento, veu de visita. A nosa intención era que vira a Ponte de Paradela, esa que nos describe o licenciado Molina no 1550 e logo, entre outros o pai Sarmiento que xa a ve escagallada. A baixada do nivel das augas do encoro daban a oportunidade de ver os seus restos a carón do Sil, no límite entre os concellos de Sober e de Monforte. O destino,¡xa vedes!, dá sempre reviravoltas coa súa esencia tarabela. Íamos no coche latricando apaixoadamente e, sen saber como, chegamos a Mourentán, fóra da ruta pensada. O Daniel, coas súas teimas de avezado escudriñador, cortou a conversa para decir: “Esta es una zona buena de mámoas”. Foi decilo, berrar ¡mámoa! e mandar parar o coche. Ao pouco estaba empoleirado no cima.

Daniel

Engadamos, pois, á mámoa da Carqueixa a do Monte dos Cousos de uns 30 metros de diámetro por 2 metros de altura co seu foxo de violación no medio.

Fotos e texto: Alfonso Campos Pérez.

Na prensa: Unha mámoa descoñecida, Francisco Albo.

mámoa

O rei do Palacio de Sober

Así no lo contou o Alfonso do Ferreiro de Francos:

“Vivía no palacio de Sober un rei ó que non lle sabemos nome.
Tivo que acudir á guerra contra os mouros, volvendo, pasado algún tempo, victorioso das súas batallas. Cando chegou a Monforte deuse conta de que non o esperaba naide para darlle noticia ningunha. Pensou no malo e dirixiuse ó palacio encontrándose con que a víspera enterráranlle a filla.

Pasou un ano averiguando polos máis amigos o que pasara: entre o médico e o capellán sacáronlle á filla en estado e logo envenenárona para que non poidera delatalos. Ó terlle o cabodano invitounos a todos a un banquete, e cando estiveron todos xuntos, coas tropas que tiña preparadas, rodeounos e colleu presos ós cómplices. Ós de menos castigo decapitounos e ós demais meteulles un ferro candente polo cerebro. Ó médico montouno nun burro de ferro cun peso nas pernas ata que, polo seu propio peso, se foi abrindo en dous. Ó capellán, como lle apuña a maior culpa, fíxolle unha caseta onde o amarrou e onde lle caía unha gota de auga que lle foi pudrindo o cerebro.
Decepcionado e aburrido polos acontecementos o rei vendeulle o palacio á Condesa de Lemos, que quería vivir sola e tranquila eiquí no palacio. Pero entre as amistades que lle cobraban os forales (tiña 73 forales para cobrar), empezaron a decir que había unha culebra moi grande no palomar para ver si así lle vendía os forales (o meu pai era cabezaleiro dun dos descendentes dos que lle compraron).
Á condesa ó final amedrentárona, marchou para Monforte e dende alí puxo caseiros que venderon as terras quedándose tan sólo cos arredores do palacio.
Esí mo contou o meu pai moitas veces”.

* Recollida de:
Alfonso do Ferreiro de Francos – Proendos – 12-I-2000.

As penas de Sinos e do Sol

“Hai unhas penas entre Vilaescura e Rosende chamadas A Pena de Sinos e A Pena do Sol, que eran a morada dos mouros, uns personaxes grandes e fortes que iban mercar xatos grandes á feira e que os pagaban cunhas monedas moi raras; levaban os xatos cara a ribeira e desaparecían por un túnel que tiñan elí e que iba dar do Cabe ó Sil. Di a miña nai que lle contaba a súa avoa que os mouros eran moi calados: só falaban o preciso pra axustar o trato da compra dos bois, e marchaban”.

* Recollida de:
Tomás de Corvelle – Proendos – 27-III-1999.

A Pena da Serpe

pena da serpe cestola

Cóntase, xa hai moitísimos anos, cando os mouros chegaron a esta zona de Galicia, que unha fermosa moura namorouse dun rapaz da vila. Os xoves namorados víanse ás agachadas na fraga, sempre no mesmo lugar, onde había unha enorme pedra nun camiño perdido. Un día, a familia da moura decatouse do que estaba a acontecer e decidiron asasinar o mozo, pois por entón non se concebía unha historia de amor tal entre dous sangues e culturas tan desemellantes.

Cando a fermosa muller descubríu a morte do seu namorado, entoleou. Fixo un feitizo e converteuse en negra serpe. Desde entón ronda a gran pedra que escondía as citas segredas da parella na fraga, suponse que agardando a que apareza o seu namorado.
Por iso, hoxe en día, cando un pasea polas fragas de Vilaescura e pode ver unha serpe negra, ten bon coidado de non magoala; está rondando a pedra da moura.

(Texto remitido por María Oruña Reinoso, Padróns, Ponteareas, Pontevedra).
FONTE: Esta lenda contouma o meu marido, que se criou en Vilaescura e dende cativo pasou alí moitos veráns. Eu mesma visitei a Pedra da Moura ainda que atopala, agás que nos acompañe alguén do lugar, é moi complicado.

Antonio Reigosa: Galiciaencantada.com.

[Imaxe de Cestola na Cachola: mural realizado en Sober].

A Pena do Gato

“A Pena Atureira, A pena do Gato, por elí andiveron os mouros – di o Cachufeiro – elí, na pena, había un tesouro agochado.

Fai moitos anos o meu irmao e outros mozos puxéronse a cavar xunto da pedra e mesmo a partiron para encontrar o tesouro que os maiores lle contaban que había. Co tesouro non diron, os mouros debérono agochar moi ben, pero dende aquela elí quedou unha explanada xunto ó penedo. Para elí levaron un libro e unha pita. O libro líallo eu… lía pouco pero… O libro tiña unha piel de ovella que parecía engrasada. Esto sería… Eu teño 82 anos e tiña 12 anos. Bota contas.”

– Recollida de:

* José “Cachufeiro” da Somoza – Santiorxo – 23-V-2000.