PETROGLIFO DE PRADOS

Figueiroá
Motivos: coviñas.
Figuraba catalogado un petroglifo pola zona chamado “Coviñas dos Toxaes”. Despois dun rastrexo polo lugar sinalado con coordenadas U.T.M., abandónase a pescuda para seguila máis ó leste, xunto duns lameiros, a carón do regato Pesavedra. A búsqueda polas penas que máis resaltaban na paisaxe non deu resultado. O arqueólogo, máis experimentado, buscándoa nas máis modestas encontrou estas insculturas, compostas por varias coviñas e unha incisión rectangular posiblemente relacionada co intento de partir a pedra.
ó redor
CAPELA DE SANTA ENGRACIA
“Por baixo dos Cótaros, na parroquia de Figueiroá, hai un lugar chamado Santa Engracia, porque a un manantial que alí hai de augas moi boas íbase lavar a santa.”, dinos a Pilar dos Carqueixas de Mer. Escribe Enrique Fernández Llano nas anotacións preparatorias do seu libro Descripción del término municipal de Sober (1977), que a “ Capilla de Santa Engracia estaba en los Cótaros y se dice que su piedra fue empleada en construir las dos capillas laterales y aumentar la nave mayor de la iglesia (Figueiroá), siendo cura párroco Don Ignacio del Río”.
MUIÑO DO CAPADOR
A pista de terra ó lado da que se asenta a pena de Prados vai saír enfrente deste muiño do Pousavedra, un dos moitos do regato. É o chamado muiño do Capador, o noveno dende o nacemento. Quedan outros tantos ata a desembocadura no Cabe á altura de Camporrairo, dos que podemos destacar o do Cura en Liñarán e de Pousada en Refoxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*