1996

Río Sil: historia dun soño

río sil

* No ano (2011) en que se cumplen 20 anos de andaina do Deportivo Río Sil colgamos a historia dos dez primeiros anos do equipo (1991 – 2001), escrita polo socio do Colado do Vento e impulsor do Río Sil Ramón Sandoval, agardando que o cronista complete o relato coa historia da segunda década do Río Sil, ao que desexamos outras vinte primaveras máis, polo menos. Parabéns!

Do Texto: Ramón Sandoval *escrito no ano 2001

escolapios_96
No campo dos Escolapios, 1996.

Segundo os antigos gregos as cousas suceden para que despois, con maior ou menor fortuna, alguén as conte. Neste caso o cronista non é moi bo pero a historia vale a pena.

O Deportivo Río Sil é un equipo de fútbol de Sober fundado no ano 1991 e desde entón participa ininterrompidamente na competición da liga, Segunda Categoría Rexional, e na Copa Deputación de Lugo. Xogou 309 partidos oficiais dos cales gañou 123, empatou 77 e perdeu 109; ten 406 goles a favor e 434 en contra. 53 xogadores vestiron nalgún momento a camisola do equipo, deles Abel é o máximo goleador con 64 goles.

Destrás destas cifras (do ano 2001), impersoais e frías, atópase unha historia de esforzos, de traballos que ás veces non son agradecidos, de triunfos e fracasos, de superar atrancos económicos con imaxinación. Esa é a historia que eu quero contar.

A finais do ano 90 un grupo de xente tenta sacar adiante un proxecto: a creación dun equipo de fútbol. ¿Cales son as razóns que moven a estas persoas cando en Sober, pobo pequeno e de escasa poboación, xa había outro equipo no concello?

1994
Ano 1994.

O F. C. Sober levaba xa uns anos de traxectoria. Nacera como nacen todos os equipos, co obxectivo de dar saída as inquedanzas futbolísticas dos mozos da zona. Pero o ambiente andaba algo enrarecido. Polas razóns que foran – e que quizais, algún día, a directiva de entón deba explicar – os xogadores naturais de Sober estaban sendo relegados, esquecidos, todo o contrario dos foráneos (o F. C. Sober apuntábase daquela á moda dos “estranxeiros”, tan en boga hoxe en día) que non só non eran mellores cós da casa senón que algúns eran bastante peores. Esto foi xerando un malestar, un descontento. Os xogadores soberinos atopábanse cada vez máis afastados do equipo, tanto polo adestrador, o cal puidera ser normal, como pola directiva, o cal era totalmente incomprensible.

Un día, falando da súa situación pensaron que había que facer outro equipo que soamente se abastecera con xente de Sober, un equipo ao que lle importase máis o fomento do deporte e o apoio á canteira local cá os resultados ou a clasificación: “É UN SOÑO PERO, QUEN SABE…”

Así que empezaron a fermentar a idea. Pero había que involucrar a máis persoas. Entón, falaron co Miguel de Bulso. Eles quizais non o sabían, pero Miguel era o home adecuado para liderar ese proxecto: activo, decidido, emprendedor, coñecido en todas as partes, amante do risco e rápido de reflexos. E a Miguel a idea gustoulle. Seguro que dixo: “¿Que hai que facer un equipo? ¡Pois faise e xa está!”.
A partir de aí contactos, reunións, ideas, suxestións.

* O terreo de xogo estaba claro: o campo da Carqueixa. A Carqueixa é un campo clásico, mítico na zona, décadas e décadas de fútbol de rapaces e non tan rapaces. Os que xogamos nel lembrámolo como un campo duro, seco, moi seco no verán, embarrado no inverno e con toxos polas bandas; pero cuns arranxos podería valer. Xa tiña un valo metálico rodeando o recinto e unha caseta case rematada. Había que mellorar e ampliar esas instalacións.

carqueixa

* Expónselle a idea ao Concello. A verdade é que o Concello de Sober nunca se amosou moi receptivo ás manifestacións deportivas e de índole cultural. E ao longo destes anos a súa actitude cara o Río Sil foi sempre de certo desinterese. Malia todo, dá cada tempada unha subvención e ese primeiro ano aportou o material para levantar os vestiarios e a caseta arbitral.

* Na cantina de Bulso celébrase unha xuntanza. Hai que por en orde todo o proxecto. Primeiro, buscar o nome para o equipo. Quen esto escribe suxire Deportivo Río Sil. O nome gusta, é curto, recórdase ben, posúe certa musicalidade e cita ao río que ten unha importancia salientable no noso municipio. E decídese que DEPORTIVO RÍO SIL sexa o nome do equipo.

cantina de bulso

Fórmase unha primeira directiva.
– PRESIDENTE – Miguel Díaz Páramo
– VICEPRESIDENTE – Ovidio Vázquez Arias
– SECRETARIO – Juan Ramón Pérez Pérez
– TESOUREIRO – José Manuel Vila Valdés
– VOCAIS – José Conde Rodríguez – Ramón Marcos Fernández

Márcanse as directrices básicas da filosofía que debía presidir o club: este estará integrado por xogadores de Sober, ben por cuestións de nacemento, residencia ou vínculos de índole especial; non se pagará ningún tipo de soldo; todos os postos cubriranse con persoal da casa, incluído o de adestrador se se pode; os xogadores que queiran serán unha parte máis da directiva e participarán nas decisións que tome esta, así como nos distintos traballos que haxa que facer. Tratábase de crear un club interactivo onde todas as partes colaboraran no seu funcionamento e desenrolo, participaran na consecución dos seus obxectivos e sentírano como algo verdadeiramente seu.

Fálase dos futbolistas que integrarían a plantilla. Hai dabondo. Por un lado, os “desauciados” do F. C. Sober (que por experiencia deberían levar o peso do equipo) e, por outro, rapaces novos sen ningunha experiencia na participación competitiva do fútbol organizado, pero con moitas ganas e ilusión. O adestrador será Ramón Martínez, “Marrero”.

Faise tamén unha aproximación ao tema económico e recádanse os primeiros cartos para afrontar os gastos máis urxentes.

Ao saír de Bulso levedaba no aire a certeza de que a historia marchaba. O SOÑO EMPEZABA A TOMAR FORMA.

Mentras tanto, a noticia espallábase por Sober coma un regueiro de pólvora. Algúns incrédulos cavilan que iso non chegaría a ningures, que se escagallaría coma unha morea de pedras mal postras; outros, que anque se fixera o equipo este duraría pouco, seis meses, unha tempada, quizais, e despois todo ao carafio. Pero os que tentaban sacalo adiante pensaban: “ESTAMOS ERGUENDO UN SOÑO: QUE NON ESPERTE NINGUÉN”.

O 24 de xuño de 1991 o Río Sil afíliase á Federación Galega de Fútbol.

taboada_1994
Cuns polos en Taboada antes dun partido contra o equipo local, 1994.

Quedaba por ver a resposta social e o apoio que a xente de Sober deu ao novo equipo foi importante. En pouco tempo conseguíronse case 200 socios e moitas empresas e casas comerciais colaboraron decididamente instalando publicidade no campo e facendo substanciosas contribucións económicas. O Río Sil xa tiña todo o necesario para comezar.

O 22 de setembro de 1991 celebra o seu primeiro partido oficial enfrontándose ao Chantada nesa localidade. Aguantan ben a primeira parte, pero afúndense na segunda debido, quizais, á inexperiencia, exceso de nervios, falta de forma física, e acaban perdendo por 7-0. Nunca volveron sufrir unha derrota tan abultada.

O equipo inicial estaba formado por: Juan, Luís, Chupitos, Félix, Tito, Ángel, Iván, Jorge, Rafa, Verao e Castro. No banquillo atópanse Sanxís, Jorge II e Perocho.

O domingo seguinte enfróntanse no campo da Carqueixa ao Barrela. O partido comeza mal e no descanso o Río Sil perde 0-2. Témese outra goleada. Pero, na segunda parte a garra, a raiba, o pundonor suplen as carencias técnicas e superan a adversidade do resultado. Empate 2-2 ao final. Un empate que case tiña sabor a victoria.

O desprazamento seguinte é a Guntín. O Río Sil gaña 0-3. É o seu primeiro trunfo: unha inxección de moral moi importante. O equipo xa sabe que é gañar, xa ten o respecto dos demais, hai que contar con el. O SOÑO É XA UNHA REALIDADE.

A primeira volta é de altibaixos, non se acaba de coller o ritmo e nótase certo nerviosismo. Mediada a liga tómase a decisión máis fácil: cambio de adestrador. Ca perspectiva que dá o tempo penso que foi un dos poucos fallos que se cometeron en organización interna. Non había tanta urxencia. O certo é que o revulsivo funciona. Manuel Vázquez “Cobas” levanta a moral do equipo e este mellora moito tanto en xogo coma en resultados. Esta boa racha funciona na Copa Deputación (con Juan Ramón Pérez “Buyo” de adestrador), onde, para sorpresa de moitos, o Río Sil chega ata semifinais. Pero, os verdadeiros atrancos non estaban precisamente no eido deportivo.

1996
Ano 1996.

O que marcou estes primeiros tempos foron as deficiencias en canto a infraestructuras e os esforzos que custaba suplir esas carencias. Só a moita ilusión e a unión que había puido evitar a desmoralización. É difícil partir de cero e lograr consolidar o proxecto. Case todos os traballos e melloras do campo se fixeron pola propia man, pagándose con cartos de seu, e nesas tarefas colaboraron tanto directivos como xogadores e mesmo afecionados. Serva como exemplo das dificultades citar que durante meses non houbo luz eléctrica no campo; tampouco había auga corrente e para beber e ducharse traíase en garrafas, cometido no que todos colaboraban (e diso Verao pode falar moito). Máis tarde encañouse auga do pozo dun veciño. Terían que pasar dous anos para que, coa axuda dunha subvención da Deputación de Lugo, se puidera facer un pozo artesán, e con algún pozo máis dos arredores vaise conseguindo regar mal que ben o campo no verán

Por descontado que a situación económica era complicada e son os propios xogadores os que teñen que pagar do seu bolso parte do material deportivo que utilizan.

Nos seguintes anos realízase unha labor meritoria na mellora das instalacións da Carqueixa; moi meritoria se se ten en conta que mentras a outros equipos do Concello se lles subvencionan todos os gastos de infraestructura no caso do Río Sil é o propio club o que debe sacar do seu cativo orzamento os cartos para este tipo de traballos.

Entre as obras realizadas cómpre salientar: mellora do terreo de xogo con sistema de drenaxe, nivelación e sementeira; reformas nos vestiarios e caseta arbitral con colocación de plaqueta; instalación de alumeado e sistemas de rego; levantamento dunha nova caseta na que instalar o bar.

Na actualidade, coa axuda da Deputación de Lugo está a piques de rematar a construción dunha grada cuberta para o público. Quedan pendentes o levantamento dun valado ou muro exterior arredor do recinto e unha mellora profunda do terreo de xogo. Pero estas son obras dunha envergadura económica tal que o club non pode asumir sen axuda exterior.

No eido deportivo a tempada 92-93 significa o asentamento do equipo, unha campaña irregular na liga e unha explosión de bo xogo na Copa da Deputación chegando outra vez ás semifinais (perdeu o acceso á final ante o Taboada na serie de penaltis).

Ese foi o inicio da época dourada do Río Sil que o levaría nas vindeiras tres tempadas a estar no grupo da cabeza da competición de Liga pelexando polo ascenso, acadando ao final das mesmas dous terceiros postos (cómpre lembrar que só ascendían os dous primeiros).

liga_Río Sil

río sil copa deputación

Cando máis cerca estivo do ascenso foi na tempada 93-94. Daquela o Río Sil tiña unha defensa moi sólida e segura, Ernesto marcaba as diferencias en canto á técnica e visión de xogo e Manote amosábase como un goleador inapelable cunha media de case un gol por partido.

goleadores río sil

Durante toda a competición estivera de segundo en dura loita co Becerreá e o Brollón (o Taboada, de primeiro e destacado, ía por libre). Na última xornada, cos tres equipos empatados a puntos, o Río Sil perde en Rodeiro 3-2, favorecendo ao Becerreá que é quen acada o ascenso. Esvaíase así a esperanza a un premio ao esforzo; a ilusión e o traballo de meses esnaquizábase en noventa fatídicos minutos. Nas facianas dos xogadores desencanto. Se Arsenio Iglesias estivese alí, coa súa melancólica resignación, diría que “que tiña que ser así”, que no fondo é o mesmo que dicía Vujadin Boskov “fútbol es fútbol”; unha simple frase sobre a que se pode escribir un compendio de filosofía de fútbol. Naqueles intres de nada valía lembrarse das palabras de Álvaro Cunqueiro “mil primaveras han de vir”: a desilusión era unha ferida demasiado fonda.

Volvería acadar un terceiro posto na tempada 95-96 con Ricardo Vázquez “Richar” como adestrador, anque ao final non foi tan apertado e os postos de ascenso xa se decidiran xornadas antes.

Entre medias, na tempada anterior, co equipo adestrado por Manuel Trigo conséguese un quinto posto a só 4 puntos do ascenso.

Foi por esa época cando a Carqueixa se converteu nun fortín, nun búnker inexpugnable para os equipos visitantes. Durante máis de tres anos (desde o 05-12-93 ao 29-12-96) o Río Sil mantivo a imbatibilidade no seu campo en partido oficial. Un récord que poucos equipos deben posuír e unha das razóns nas que se baseaba a súa boa traxectoria.

Nos últimos anos prodúcese un certo declive deportivo, propiciado polas baixas dalgúns xogadores e porque quizais non funcionou como debera o cambio xeneracional. O equipo adestrado por xente nova (Verao, Óscar) mantense na zona media-baixa da clasificación ata esta última tempada na que da man de Antonio López e gracias a unha espléndida segunda volta acada ao final o cuarto posto.

Unha lembranza especial merecen os partidos contra o Sober. Ao ser dous equipos do mesmo Concello a rivalidade é moita; está en xogo non só o triunfo deportivo, senón a forma e a filosofía de levar un club. A tensión vívese entre os xogadores, pero tamén tanto ou máis entre as afecións que acoden en gran número. Posiblemente nunca houbo tanto público coma nestes enfrontamentos que se producían ata catro veces na tempada, dous na liga e dous na Copa da Deputación. Neste ano 2000 tamén se enfrontaron co gallo do 1º Trofeo de Fútbol da XX Feira do Viño de Amandi. Despois dun choque igualado e rematado o encontro cun empate 1-1 o Río Sil impúxose na serie de penaltis.

ríoSil_Sober

Un dato salientable é a confianza e a facilidade que moitos xogadores depositaron no equipo ata o punto que 8 destes figuran dende o primeiro ano nas ringleiras do club: Juan, Conde, Sanxís, Alberto, Óscar, Verao, Jorge e Jorge II. E hai moitos outros nos que a súa ausencia débese exclusivamente a que deixaron a práctica do fútbol. Esto amosa as boas relacións entre a directiva e xogadores e segue vivo o espíritu de unión e camaradería que sempre abandeirou o equipo.

cadeiras_xantar_río Sil
Xantar en Cadeiras na actualidade.

Outro dato digno de mención é o xantar que todos os anos por xullo e agosto organiza o Río Sil no campo do Santuario de Cadeiras para a súa masa social. Máis de 200 persoas se teñen xuntado nesa comida de confraternidade, nesa festa de irmandade que demostra que ás veces un club pode ser algo máis que un club.

Dadas as dificultades económicas, as carencias infraestructurais, o pouco apoio das institucións e a indiferencia do Concello, a supervivencia do Río Sil só se pode explicar polo moito esforzo e ilusión que ao longo destes anos puxeron nel unha chea de persoas.

Sería demasiado longo citalas aquí a todas pero é de obrigado cumplimento nomear algunhas: a Miguel e Ovidio, que traballaron a reo na primeira etapa do Río Sil; a Albino e Antonio, que no ano 95 tomaron o relevo como presidente e vicepresidente respectivamente e que son incontables e impagables as horas que lle dedican ao equipo, sobre todo nas tarefas de coidado do campo; a Conde, Verao, Óscar, Alberto, Juan… que son xogadores pero foron sempre moito máis ca xogadores; a Trigo, Sessé, Juan Ramón e tantos outros.

Entre todos levantaron este equipo. Entre todos fixeron posible este soño do Río Sil.

QUE NON ESPERTE NINGUÉN

* Publicado orixinalmente en: ASOC. DE VECIÑOS “PROENCIA” (2001): Proencia. nº 4. Boletín da Asociación de Veciños Proencia de Proendos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*