Dende Castro Cividade

Ruta dos Colados

colados

Impresionante ruta de sendeirismo pola ribeira de Bolmente percorrendo os “colados”, puntos da ribeira ata onde se podía chegar cos carros. A ruta recupera os nomes propios do territorio, a microtoponimia creada polas xentes que secularmente humanizaron a paisaxe ribeirá, e rememora os distintos traballos que facían desta ribeira unha zona productivísima.

– Lonxitude: 9 km.
– Desnivel: 100 m.
– Tempo: 220 minutos.

mapa ruta Colados

 

 

 

 

 

 

 

Esta ruta realizouse por primeira vez o Domingo, 11 de Xuño de 2006, como actividade das Festas de San Antón da parroquia de Bolmente, organizada pola Asociación de Veciños O Pinal de Bolmente, ideada por Manuel Verao e Alfonso Campos, coa axuda das informacións recollidas ao Verísimo.

colados 2

 

 

 

 

 

 

Achegarémonos ós camiños do río, case perdidos, por onde andaban os homes cos seus trafegos, subindo ata os colados por carreiros pinos a desenvolverse coma serpes polas abas; por camiños, onde ata onte, se habemos de pensar no tempo fuxidío, as nosas xentes humanizaron a ribeira para aproveitar os seus recursos: pasto para cabras e ovellas, outono, leña, mel, froitas, pamplina, prantas medicinais, peixes, caza, pedra granítica para a construcción e para as moas dos muiños, etc; sen esquecernos do viño saboroso, criado nestes socalcos abertos ó sol e ó precipicio. Achegarémonos a través dos colados, como fitos do camiño, ás regas, ós regos, ás fontes, ós pousos, ás penas, ás laxas, ás covas, á natureza aloumiñada polo Sil, domeñada polo encoro, agardando nas lamas fondas volver facerse río, para correr de novo nesa fractura do mundo penedío, lección xeolóxica de millóns de anos.

Caldelas sempre á espreixa, irmá da paisaxe ribeirá dende onde parecen oírse, aínda, os aturuxos doutrora.
Achegarémonos á desmesura axeitando formas caprichosas, eidos imposibles, ós que o home soubo darlle medida sen estragalos; ó sacro das igrexas, santuarios, mosteiros, ollados dende estes altiños cuturuleiros.

colados

Achegarémonos ás mámoas, ós castros, que xunto cas formacións xeolóxicas singulares son un pulo para a imaxinación, forxadora de vellas historias da Cova da Moura, a Pena de Don Pedro, O Ciriguilloto do Demo, A Casiña dos Ladróns, e outras non menos extraordinarias vividas polos homes, que fixeron destes camiños, hoxe solitarios, espazos de vida cotiá.

Achegarémonos ós pobos, verdadeira lección etnográfica ó alcance, que debera ser posible seguir habitando, preservando, mellorando, para conxurar ós perigos da desmemoria e o abandono.

E achegarémonos a estes camiños do río chamando ás cousas polos seus nomes; O Pouso do Castelo, O Colado do Vento, O Colado do Boqueiriño, A Cividade, A Rega das Pesqueiras, A Laxa Negra, O Cotarro do Castro, A Loupiñeira, O Forniño, A Nogueira da Laxa, O Carriziño… E pronunciarémolos case coma unha ladaíña, ou mellor, para facelos outra vez nosos, coma un berro liberador ecoando pola ribeira.

Ciriguilloto do Demo

Texto e foto: Alfonso Campos.
Mapa: Paula Vázquez Verao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*