O prodixioso salto do cabalo de Santiago

PRODIXIOSO SALTO CABALO SANTIAGO

Dispoñémonos a dar un salto marabilloso, a rememorar o galope fantástico do albo cabalo de Santiago cando brincou dende a pedra da Tapada do Monte, xunto ó rego de Baldeiros en Anllo Santo Estevo, ás Cerdeiriñas, por baixo mesmo do impresionante Castro dos Penedos, preto do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, Ourense.

A nosa humanidade imperfecta obríganos a salvar a distancia a pé, mais camiñando porémoslle medida ó espazo e á paisaxe e paladeraremos, coma se de unha boa comida de tratase, cada recoveco, cada reviravolta, cada loita tarabela entre as luces e as tebras, as cores e as formas indefinidas das cousas.

A nosa batalla non será contra os mouros -ó fin, todos nós participamos da mesma esencia, pois sempre foron máis para a nosa Cultura os habitantes dos castros que os vidos de África -, a nosa porfía teimuda será contra o esquecemento, contra a perda das vellas relacións entre as dúas orelas do Sil, que a lenda que nos serve de leitmotiv pon en evidencia. As relacións familiares, comerciais, de encontros e desencontros, do imaxinario colectivo, dos vellos camiños romanos cruzando o río polo Pear da Ponte, ou subindo pola Barca e enlazando cos portus o antergo dominio do mosteiro bieito, a poderosísima abadía hoxe convertida en Parador, as intensas relacións dun territorio único, que mira un para o outro dende os outos ribeiraos, coma un reflexo de sí mesmos, e para quenes o río e os inmensos cavorcos configuran un xemelgo sentir.

Claustro dos Bispos Santo Estevo Sil

Foi o encoro, feito a mediados do século XX, e a sangría da emigración, a causa da fenda entre as dúas metades deste paraíso, onde os cenobitas encontraron o repouso e a inspiración para achegarse a Deus. Paradoxa da imposta modernidade, feita para beneficiar ós alleos, asulagando os mellores eidos en troques dun progreso que aquí só deixou o abandono e a explotación.

Volvemos nós por estes vellos camiños engarzando co elo da lenda as vellas relacións; porque as lendas son verdade: as pontes, os saltos descomunais, os seres que se agochan nos penedos, nos regos, nos soutos, fan desta viaxe iniciática, da Pena do Baldeiros ó Castro dos Penedos, unha volta ó onphalos nutricio, dende onde poderemos abrirnos ó mundo.

* Texto: Alfonso Campos Pérez. Mapa: Javier Vivirido.

VISTA DESDE PENEDOS DO CASTRO