Mámoa do Monte dos Cousos (Doade)

mámoa dos Cousos

Polo Monte dos Cousos pasaba o antigo camiño a Mourentán frecuentado na época de muíñada polos de Ceceda e os de Marcelle. Todos miraban para aquel bulto redondiño emerxido da chaira do redor e imaxinaban os tesouros agochados polos mouros, esa raza de homes e mulleres con poderes sobrenaturais. Mais ninguén se lembraba xa dos buscadores de alfaias agochadas na medorra aínda que fose evidente o gran foxo practicado no seu centro e xa ninguén daba fe de que o que sacaron dalí, ademáis duns anacos de olas rotas, foran unhas pedras grandes da mesma clase esquistosa que as da parroquia. Eran tempos de máis de novecentas almas na feligresía, de rabaños de ovellas, de terras traballadas ata converter aqueles montes en agros de pan coma un mar de ondulacións verdes ao son do vento da tardiña; tempos de tránsitos e trafegos. Logo, veu o despoboamento e o abandono, cubríuse todo de broza e con ela tamén a mámoa redondiña e o vello camiño transformouse en pista asfaltada cara o cruce do Cadaval onde se celebraba o dezasete de cada mes unha concurrida feira: pendellos, as cantinas do Colón, do Pistón, do Mourentán e a cantina do Chorlas resistindo, aínda, como esquelete de ladrillo.

mourentán

No Monte dos Cousos fíxose o campo de fútbol e o aeródromo para a prevención de incendios e a mámoa resistiu no borde mesmo, como atalaia dende a que algún, á sombra dun carballo que nacera nela, seguía os partidos entre os solteiros e casados de Doade. Resistiu. Doutras da contorna só quedaron os nomes cos que a xente bautizou aqueles fitos singulares da paisaxe: Medorra, mámoa, anta, meda, forno, arca… E moitos máis, que a nosa língua é rica nos matices e nas exactitudes cando cómpre. Por iso estamos no Monte dos Cousos e a toponimia parece referirse a un peche para o gando ou foxo para os lobos. Velaí como os máis vellos acordan un foxo de lobos que era dos Camberos, feito cando abundaba este fermoso e mítico animal nos nosos montes. Nesa ancestral guerra entre o home e o lobo, tamén convivencia e colaboración – aí está o can para demostrárnolo -, o devir fixo perdedores aos dous: o inimigo era outro.

ponte de Paradela

A mámoa durmiu o soño dos seus moradores durante moito tempo ata que os responsables da loita contra os incendios forestais decidiron desbrozar a zona para despexar a área de despegue – aterraxe das avionetas. A casualidade fixo o resto. O noso amigo Daniel, arqueólogo e enfermeiro da Coruña, que xa ten participado con nós nas actividades do Colado do Vento, veu de visita. A nosa intención era que vira a Ponte de Paradela, esa que nos describe o licenciado Molina no 1550 e logo, entre outros o pai Sarmiento que xa a ve escagallada. A baixada do nivel das augas do encoro daban a oportunidade de ver os seus restos a carón do Sil, no límite entre os concellos de Sober e de Monforte. O destino,¡xa vedes!, dá sempre reviravoltas coa súa esencia tarabela. Íamos no coche latricando apaixoadamente e, sen saber como, chegamos a Mourentán, fóra da ruta pensada. O Daniel, coas súas teimas de avezado escudriñador, cortou a conversa para decir: “Esta es una zona buena de mámoas”. Foi decilo, berrar ¡mámoa! e mandar parar o coche. Ao pouco estaba empoleirado no cima.

Daniel

Engadamos, pois, á mámoa da Carqueixa a do Monte dos Cousos de uns 30 metros de diámetro por 2 metros de altura co seu foxo de violación no medio.

Fotos e texto: Alfonso Campos Pérez.

Na prensa: Unha mámoa descoñecida, Francisco Albo.

mámoa