Igrexa de San Vicenzo de Pombeiro (I: situación e historia)

Pombeiro é unha extensa parroquia de Pantón, con ribeira no Miño e no Sil, atravesada polo regato de Rigueiro. Pena Pombeira domina polo leste o lugar onde se atopa asentada a igrexa e priorato do antigo mosteiro de Pombeiro. 

Pombeiro foi unha zona ben comunicada, situado en zonas de paso dende época romana, a través das barcas do río.  


Portum Palumbarium aparece citado no privilexio que o rei Ordoño II outorga a 12 de outubro de 921 achándose no val de Varoncelle. Neste, concédeselle ao abade Franquilla o lugar de Santo Estevo (… inter portos Senabreca (Xabrega) et Palumbario (Pombeiro)), ruinoso e abandonado dende antigo, para que edifique alí basílica ou mosteiro.

Portum Palumbarium aparece tamén nas actas do II Concilio de Braga (572).

É unha terra de gran riqueza agraria, con magníficas hortas e viñas.

O mosteiro de Pombeiro estivo relacionado coa realeza e gozou do favor dos reis e raíñas de Galicia.


Descoñécese a data da fundación do mosteiro pero no ano 935 dátase un documento cunha doazón ao abade de Pombeiro para soster a vida monástica.

En 964, a raíña Dona Gotona, muller de Sancho Ordóñez, doa ao mosteiro de Pombeiro e ao seu abade Asterigo os bens herdados de seu pai en varios lugares de Pantón. Moi cerca do mosteuiro hai unha incrición sobre Asterigo nunha pena no camiño entre Pombeiro e San Cosmede: ORA FRATER ASTER ALFAPE).


Vermudo II confirma en 997 as doazóns feitas aos frades e abades de Pombeiro.


En 1065 os abades Pedro de Pombeiro e Ariano de Celanova acordan intercambiar varias propiedades dos seus respectivos mosteiros: Celanova dóalle a Pombeiro a igrexa de San Román de Acedre.


En 1070 nunha carta, o rei don García parece que doa os dereitos sobre Pombeiro a Lope López de Lemos (da Casa de Sober e Ferreira) por ter intervido nunha batalla.


O mosteiro de Pombeiro foi doado en 1108 por dona Urraca a Cluny, convertíndose o mosteiro en priorato da abadía francesa.


En 1127, dona Tareixa déixalle no seu testamento a Pombeiro o convento chamado Viminerio en terras de Braga.


En 1129 Afonso VI confirma as doazóns e privilexios de Pombeiro e en 1170 Fernando II entrega a Pombeiro o couto de Santa María de Beacán.


Dende c. 1200 téñense noticias (grazas aos capítulos xerais da orde de Cluny) sobre as propiedades do priorato, así como do estado material do mosteiro e do estado espiritual dos monxes. O prior vende e regala bens do priorado, recibe sen permiso a monxes fuxitivos doutras casas acusados de incontinencia sexual, consta que o prior recibe a unha muller… Conmínaselle ao prior a deter tales comportamentos pero sigue incumplindo os preceptos.


Ao tempo, dende o século XIII, o mosteiro comeza a aforar terreos ao campesiñado, con variados produtos agrícolas e gandeiros, así como tamén se aforan as barcas e as pesqueiras no río.


En 1291 xa consta que o mosteiro ten oito monxes e máis o prior e que a comunidade está en bo estado espiritual.

Ao longo do século XIV o mosteiro sofre unha crise material e “moral” e foi decaendo o número de monxes.

En 1310 só quedan catro monxes, teñen armas e o mosteiro atópase en mal estado. En 1235 non quedaban máis ca tres monxes.
 

En 1340 coñécese que foran enaxenados moitos bens por priores anteriores, polo que se ordena a súa recuperación. O prior Pedro de Salamanca expulsou ao prior e a monxes. Facía de administrador de San Vicenzo de Pombeiro e do seu couto Sancho de Lemos (Casa de Sober e Ferreira).


En 1392 só quedaban dous monxes e máis o prior; un dos monxes ten concubina; o prior ten varias concubinas, tendo mala reputación por apóstata (é detido e levado ante o abade de Cluny). No mosteiro non se celebra o oficio nin as horas canónicas e é raro que se diga misa. O claustro está arruinado e a casa aberta. O prior vendeu pezas de prata e unha pedra preciosa de gran valor.

Esta crise é aproveitada pola nobreza e o campesiñado, que se apropian dos bens do couto de Pombeiro e das igrexas da contorna que lle pertencían ao mosteiro. Os condes de Ribadavia, de Lemos, de Maceda, de Monterrei e os Señores de Lemos depredan os bens de Pombeiro sen que a realeza actúe.

No século XV hai un auxe do cultivo do viñedo nos territorios dependentes de Pombeiro. As viñas exténdense polos terreos baldíos e tamén en prexuízo das terras de cereal. De feito, Pombeiro conta cun gran volume documental sobre viñedo.

Pola bula de Clemente VII, en 1526, foi confirmada a anexión de Pombeiro ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, de quen xa depende dende inicios do s. XVI coa reforma dos RRCC.

Pombeiro queda convertido en priorado. En 1514 o abade de Ribas de Sil cede ao conde de Lemos a xurisdicción civil e criminal dos coutos de Santa Cristina e San Vicenzo de Pombeiro.

En 1448 fálase da barca de Pombeiro (río Sil) e ponse como condición para a súa explotación que non se lle cobre ás persoas que traian presentes ao mosteiro nin aos priores e aos seus familiares.

En 1531 vólvese arrendar a barca de Pombeiro, coa condición de que o barqueiro poña da súa conta barco e barca, que resida no porto e que non lles cobre a monxes, criados e recadeiros por pasar. Tamén se fai mención dunha barca no Miño. Aínda no catastro de Ensenada refírese en Pombeiro unha barca no Sil, para “pasar os veciños dunha parte a outra”.

Coa exclaustración en 1836, remata a vida monacal de Pombeiro: a igrexa quedou como igrexa parroquial e o priorato como casa rectoral, e os seus inmobles vendidos.


Hai nesta parroquia a tradición de que o viño de Amande (lugar de Pombeiro) ía para Roma.


As parroquias de Frontón e Pombeiro rexeitaron unirse a Pantón e esixiron concello aparte, integrado por ambas, con sede en Pombeiro. Estas demandas foron á sesión da Deputación do 22 de abril de 1844, pero quedaron desestimadas.

Apéndice: a casa prioral.

A súa construción adxudícase a Diego de Isla en 1593, a instancias do abade de Santo Estevo, Víctor de Nájera.
Estas obras, que derrubaron os antigos claustros do mosteiro, non remataron ata o século XVII. 
A mediados do século XVIII, sábese dun incendio no priorato que obrigou a reconstruílo entre as datas que sinala a inscrición do lintel da porta: 1766 – 1784.
Na fachada sitúase un escudo abacial.

* Mapa: Pombeiro e o seu entorno. Aquí.

– Pombeiro II: arquitectura e simboloxía.
– Pombeiro III: pintura mural.

BIBLIOGRAFÍA

– RIELO CARBALLO, ISAAC (2000): Pantón. Historia e Fidalguía. Editorial Compostela.

– LÓPEZ SABATEL, J. A. (2011): “PAISAJE AGRARIO Y PRÁCTICAS AGRÍCOLAS
EN LA RIBEIRA SACRA (GALICIA) DURANTE LOS SIGLOS XIV Y XV”


as monxas de Ferreira, Fronilde de Lemos e a “virxe do bocio”


Mosteiro cisterciense feminino de Santa María de Ferreira.
Ferreira de Pantón.
Fundado no s. X, foi mosteiro dúplice ata o século XII, cando en 1175, tras un periodo de decadencia, a condesa Fronilde de Lemos restaura aquí a vida monástica, sendo dende entón mosteiro feminino, primeiro bieito e logo cisterciense, que en 1600 se integra na Congregación de Castela.
É o único mosteiro feminino do Císter con vida monástica en Galicia.
Conserva unha talla en madeira da Virxe e o Neno do s. XIII, que Manuel María chamaba a “virxe do bocio”, por presentar un abultamento no pescozo. 
* Máis información e fotos do Mosteiro de Ferreira.

trobador, xoglar e soldadeira no mosteiro de Ferreira


Canzorros da igrexa do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, que representan un grupo trobadoresco – de esquerda a dereita -: trobador, xoglar e soldadeira.
Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón.

* Para máis información sobre as soldadeiras e a lírica galego-portuguesa, consulte outra entrada deste blog (aquí).