A misteriosa cabeza de Pinol

cabeza Pinol

* Artigo de Francisco Albo en La Voz de Galicia, edición Lemos, o 13 de xullo de 2011 (aquí).

Un elemento descoñecido do patrimonio histórico de Sober foi descuberto recentemente na parroquia de Pinol. Trátase dunha figura tallada en baixorrelevo que representa de forma moi esquemática un rostro humano. A talla encóntrase nunha pedra embutida no muro exterior dunha vivenda situada xunto á igrexa románica de San Vicente e ata agora non foi mencionada en ningún inventario do patrimonio nin en calquera outra publicación.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo sinala que a figura mostra un grande parecido coas representacións de rostros humanos que poden verse en diversos relevos castrexos de Galicia e do norte de Portugal. “Se a peza tivese aparecido nun castro, non tería ningunha dúbida en rotulala como un baixorrelevo castrexo -afirma-, pero como apareceu noutro contexto iso xa non se pode afirmar con seguridade”.

Nas proximidades de Pinol encóntrase o castro das Medorras, pero a falta de máis indicios arqueolóxicos, non se pode afirmar que a pedra tallada fose traída dese lugar cando se construíu a casa, que ten unha antigüidade considerable.

A peza foi descuberta casualmente por Alfonso Campos, membro da asociación cultural O Colado do Vento, cando mostraba a igrexa de Pinol a un grupo de visitantes. “Pasei por ese mesmo sitio moitísimas veces e nunca me fixara no relevo pero esa vez vino con claridade, seguramente porque a luz do sol axudaba nese momento a distinguir mellor os trazos”, explica.

Texto: Francisco Albo.

cabeza de Pinol

Romaría da Virxe de Cadeiras, Pinol

pena da virxe

“A Virxe de Cadeiras naceu nunha pena, onde ten unha pileta, o peite e o espello.”

Iso é o que nos contaban nais e avoas cando iamos xantar á Romaría de Cadeiras, celebrada entre o 7 e 9 de Setembro no monte de Cadeiras, en torno ao santuario.

O santuario iniciado no século XVIII, e nunca rematado, “non vén a ser máis que a última traslación de ritos que teñen ás pedras como obxetos de culto, non no seu ser físico, senón como símbolo de perdurabilidade, máis aló das efémeras vidas.” A pedra na que se di que naceu a virxe, con cazoletas e coviñas desaparecidas ao ser cortadas, non podemos separala deste inconcluso templo con elementos barrocos e retábulos rococós; o maior, ao parecer, traído dunha igrexa de Monforte.

Os pendellos foron en orixe protección para os canteiros que preparaban a pedra, mais remataron sendo, ampliados, refuxio para os romeiros ata o día de hoxe.

Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, fala das danzantes -aínda se poden recoller testemuñas delo- e as amazonas, coma ritos característicos da festa.

Segue a ser a romaría máis concorrida do concello de Sober con procesión, misas e corros de comida popular. O día grande é o 8 de Setembro.

pendello