Pena con petróglifos no lugar de Liñar, Proendos (Sober)

petro 1

Alfonso Campos Pérez atopou no lugar de Liñar, no núcleo de Proendos, unha pena con coviñas e sucos.

A pena ten evidencias de ter sido cortada e atópase no entorno de outras dúas penas das que coñecemos a súa existencia, mais que actualmente non se localizaron.

Ademais, está no núcleo de Proendos, centro da parroquia con máis insculturas do Concello de Sober.

Ver situación aquí

Un bifaz en Lobios e unha lasca en Proendos? Novos achádegos paleolíticos en Sober

bifaz-1
Este ano 2015, atopáronse en Sober dous novos achádegos que, moi probablemente, pertencen ao Paleolítico: un bifaz e unha lasca, útiles de cuarcita.
Ambos obxectos estarían datados no Paleolítico Inferior, pertencendo ao conxunto de industrias achelenses do Pleistoceno Medio, ou Modo 2, (620.000 – 300.000 anos antes do presente), elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis.
bifaz2
O bifaz apareceu en novembro no Monte de Lobios, atopado por Paula Vázquez Verao nun camiño.
2016-12-16-23-19-43
A lasca foi atopada en Froxán, Proendos, polo Manolo do Cápito de Sante.
lasca-2
Estas pezas, que temos O Colado do Vento, poñémolas a disposición das persoas investigadoras para que as poidan estudar, pero lamentamos non poder doalas a un museo inexistente que debería haber en Monforte. Dende o ano 2006, o val de Lemos é un lugar privilexiado para o estudo sistemático do Paleolítico galego, mais non se conta cun espazo en Monforte onde poder amosar os múltiples achádegos nin explicar a súa interpretación.
bifaz4
* A nova no xornal La Voz de Galicia, con palabras de Arturo de Lombera: aquí.

A Proencia das Lendas

mapa Proencia das Lendas

O roteiro comeza en Proendos, a 2 km de Sober pola estrada que une a capitalidade municipal con Doade.

Proendos é un museo ó aire libre. Aconsellamos, antes de iniciar a andaina, percorrer este fermoso lugar. Atoparémonos nas estruturas das casas con moitos elementos reutilizados do antigo asentamento romano diseminados nun amplo espazo. Atopáronse os paisanos con pedras labradas, algunhas con molduras ou debuxos (trisqueles, rosetas, aras, motivos curvilíneos e xeométricos), con basas, fustes, muíños de man circulares, ademais de tégula, fusaiolas, ladrillo, lousa, anacos cerámicos, escorras metalúrxicas, utensilios metálicos, canalizacións, etc.

casas de Proendos

basa llano2

Resulta lóxico que os abundantísimos vestixios castrexo-romanos sementaran na imaxinación popular as lendas sobre a fabulosa Proencia.

Gozaremos, tamén, da arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII, dos Vertunías, ou a próxima de Vilastrille, fundada no 1692 por Feijóo Soutomaior.

casa bertonías

Os primeiros petróglifos a visitar atópanse á nosa dereita na chamada finca do Xestal, nunha casa particular co nº 103. Seguimos a andaina entre os valos do igrexario onde, á nosa esquerda, no muro, hai unha inscultura de orixe castrexo-romana.

petroglifos do xestal

Na finca do Pombal está outro petroglifo, ao pé do pombal.

o Pombal

Estamos agora diante da igrexa románica (s. XII) de Santa María, na que a rusticidade e sinxeleza do presbiterio, engalanado con pinturas murais do s. XVI, lembra á arte prerrománica.

presbiterio igrexa

Xiramos polo camiño da dereita ata o Campo das Olas, volvendo xirar á dereita para seguir ata Froxán. Á esquerda, nos lameiros, están os petroglifos de Os Lagos, con coviñas.

33Lagos 1-a

Xa no pobo de Froxán, a 0,9 km, atopamos outra inscultura rupestre asentada na parede dunha casa.

Camiño de Mer, na entrada do pobo, á esquerda, xunto a unha fonte, collemos o camiño tradicional xunto ó cruce do camiño a Gundivós, collendo logo á esquerda pola Calzada de Pedride; á esquerda, a Phi de Pedride.

Ao final do camiño, o punto de orixe: a mítica Proencia.

* Fotos: Alfonso Campos e Carlos Rueda.
* Mapa: Javier Vivirido.

Pinturas murais do s. XVI de Proendos

Foto: Tino Vila.
A ábsida románica da igrexa de Santa María de Proendos está cuberta de pinturas murais polícromas ao fresco, en técnica mixta, datadas a mediados do século XVI, tanto polo tipo de pigmentos como polo estilo e por contarmos con pinturas tamén na sancristía.
As pinturas foron descubertas nos anos 70 do século XX polo cura da parroquia, Manuel Montes, estando cubertas por unha espesa capa de suciedade.
No ano 2002 levouse a cabo unha intervención nos murais consistente en limpar a pintura de elementos alleos e retirouse o altar maior do século XVII que tapaba a ventá e as pinturas da parte central.
En ausencia de documentación escrita, as pinturas dátanse no século XVI polo tipo de pigmentos e o seu estilo renacentista, así como pola existencia de restos destas na sancristía, engadida á igrexa despois do Concilio de Trento (1545 – 1563). O descoñecido mestre de Proendos tratou nestas pinturas de conseguir a perspectiva lineal, como se aprecia no tema da Anunciación, buscou a representación de arquitecturas clásicas, mesmo representando o portal de Belén coma se fose unha casa de pedra en sillares, con columnas e escaleiras, e pintou elementos tipicamente renacentistas coma os anxelotes e a xerra con flores da Anunciación.
As pinturas conforman un ciclo en torno ao nacemento e infancia de Xesús.
Foto: Tino Vila.
A Anunciación é a escena principal, situada na parte central, co Arcanxo San Gabriel á esquerda e a Virxe María recibindo ao Espíritu Santo á dereita, situados ambos nun espazo arquitectónico construído en perspectiva. Preside a escea, na parte alta do mural, un Deus Pai bendicente co orbe celeste nunha man, xurdindo dun fondo de nubes. Baixo a escena, un friso con paxaros estilizados e anxelotes sostendo un emblema co símbolo das chagas de Cristo.
EN CONSTRUCIÓN